Andábamos dándolle voltas ao que faríamos para pechar o ciclo; queríamos algo colectivo no que todos participaran e que nos quedara como recordo do paso deste grupo polo centro. A solución veunos vía unha amiga de infantil que está nunha praza en Estados Unidos. Mandounos un vídeo espectacular dunha intervención do artista Holton Rower, coñecido polas súas obras de tall painting, que a grandes trazos, consisten en derramar pintura sobre unha estrutura, dando como resultado unha pintura-escultura con efectos de cor engaiolantes.
Para nós era a maneira perfecta de facer algo lúdico, artístico e memorable, polo que nos puxemos mans á obra; houbo que recorrer aos nosos familiares para a montaxe da plataforma, que fixemos en tres formatos distintos e con materiais diferentes, dado que descoñecíamos cales eran os empregados polo artista: chapa de madeira laminada, conglomerada e aluminio lacado foron a base para a pintura acrílica. Versións a escala con témpera, elaboración das mesturas de cor, e ensaios para a intervención final, foron os previos.
Imaxes case hipnóticas, que para nós son como unha metáfora do efecto da educación sobre os nenos e nenas. Capas e máis capas que se superpoñen, trasladan, moven as anteriores, empuxan e deixan unha pegada máis ou menos visible pero presente, que nun momento, nun chanzo ou outro se deixan ver; que se amplían, formando unha fermosa composición, diferente segundo o ángulo de visión. Tamén, como mestras, podemos entendelo como a marca que nos van deixando cada un deles na nosa historia docente que se vai configurando grazas ás promocións que pasan polas nosas mans.
En calquera caso, unha experiencia de traballo comunitario para recordar.
Velaquí os alucinantes resultados das tres intervencións nos centros de Sandra –CEIP O Coto, con 3 anos-, Isabel –CEIP A Maía, con 4 anos- e Ángeles, –EEI Milladoiro, con 5 anos.
![]() |
tall painting a maía 4 anos |
![]() |
Tall painting |
![]() |
Tall Painting Sandra |