A nosa achega á educación infantil

Reunións coas familias

In FamiliarizArte,RebelArte on 21/06/2012 at 07:27

Este momento do curso é de cara ou cruz, de peche ou de inicio, de acollida de novas familias ou de despedida daquelas que os seus fillos/as finalizan ciclo.

A xuntanza final cos que se van é un deses momentos profesionalmente gratos; todo son agradecementos, das familias ao profesorado e viceversa. Dá gusto ver no que se traduciron tres anos de vida compartida.

Lamentablemente, con máis frecuencia, nas reunións informativas para familias de alumnado de novo ingreso, prodúcense situacións que en nada facilitan un comezo con bo pé. Hai pais e nais que nesta primeira vez que pisan a escola xa veñen coa escopeta cargada e as mestras con chaleco antibalas. Os motivos de discrepancia tamén son sempre os mesmos, a tensión entre a procura da necesaria autonomía dos nenos/as que pretende a escola e a pretensión dos pais de que lles traten aos fillos como seres incapaces de facer nada. Os cueiros, o control de esfínteres, o período de adaptación, as normas e as merendas centran os debates.

Un observador externo decataríase de inmediato de que non é máis que un mecanismo de defensa: a escola fala con visión de futuro do que tenderá a conseguir,  e os pais do medo que teñen de que os seu fillos non estean a comezo de curso en condicións de acadar iso. Pero hai maneiras e maneiras de dicilo; algunhas non moi adecuadas, tanto por unha parte como pola outra.

Nin o discurso cheo de prohibicións e normas nacidas de incidentes ou episodios  ingratos, por parte da escola, nin o receo das familias de cara ás mestras coa súa consigna de o “cliente sempre ten a razón”. Nin unha actitude nin a outra poñen o punto de mira na medra e no benestar do neno/a. Antes de dicir que os pais/nais só queren a súa propia comodidade, miremos cara dentro; de onde xorden moitas das nosas absurdas normas que lle cantamos nese primeiro encontro coma quen lles le a cartilla?

Onte falaba cunha parella que teño por preocupada pola educación da súa primeira e única filla, que á volta da reunión de acollida amosábanse sorprendidos polo que alí escoitaron, tanto por unha banda como pola outra. Mesmo pensaron que eles non debían estar a facelo ben, xa que nin se lles pasaran pola cabeza certas cuestións que alí xurdiron. Concluíron que pais con semellante exceso de celo debían ser extraordinarios nas funcións parentais, ou ben, pola contra, nefastos e esperaban que a escola asumira moitas das súas responsabilidades.

Dicíanme este pai e esta nai, que en principio confiaban na profesionalidade das persoas que ían estar ao cargo da súa filla, supoñendo que ás veces, -ao igual ca eles-, estarían máis atinados e outras menos. Seica que o único que lle pedían ás mestras de infantil –independentemente da metodoloxía que empregaran, da lingua na que falaran, do tecnolóxicas ou do innovadoras que foran- era: sensibilidade, educación e respecto para cos demais, unha boa bagaxe cultural, así como ilusión polo traballo. Pode parecer simplista, pero ten moito máis calado ca o que se aprecia inicialmente nesta afirmación carente de retórica pedagóxica.

Quedámonos a pensar un anaco, xa que logo, en tempos nos que tanto se fala das competencias e perfil profesional dos docentes, nos que se vende tanto fume, no que se fai tanto escaparatismo  e ficción pedagóxica, nos que hai unha presión social sobre a escola, nos que se lle fan esixencias non propias do seu ámbito, é de agradecer que haxa pais e nais que pensen que os profesionais da educación somos nós e que nos pidan que actuemos como tales, non como asistentas, nin como animadoras, nin como amiguiñas dos nenos, nin como o que a eles lles convén en cada momento, senón como guías expertas na medra integral das criaturas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: