Preparando a entrada na escola, de 0-3 a 3-6

Chega o momento de  ir preparando a entrada da nova promoción que  se está matriculando. Agora é a ocasión de ter unha xornada informativa e de acollida coas familias do alumnado de tres anos que en setembro se incorporará ao centro.  Para que os pais e nais nos coñezan, coñezan o colexio, saiban do seu funcionamento, e de como se desenvolverá o período de adaptación –entendendo as razóns polas que se establece esta entrada progresiva. No noso caso terá lugar unha tarde, para favorecer a asistencia dos proxenitores, haberá unha benvida por parte do equipo directivo e unha presentación multimedia onde poderán ver escenas e actividades da vida cotiá na escola na que van escolarizar aos seus fillos; é unha maneira de que vaian apreciando a filosofía do centro. Coñecerán as aulas e os demais espazos e finalmente daráselle un folleto informativo no que se recollen: os obxectivos do período de adaptación, as suxestións para os primeiros días, os consellos a seguir polas familias que favorecerán o proceso de adaptación, e as tarefas para a familia ao longo do verán.

A nós gústanos agasallalos neste primeiro encontro co poema de Azucena Arias “E ti vas á escola? As dúbidas do pitiño”, que tan ben reflicte o sentir dos nenos e nenas nese momento de entrada á escola infantil.

Facilitamos o Folleto de acollida a nais e pais de 3 anos, elaborado para os nosos centros. Observación: na medida do posible tratamos de evitar ese tono que ás veces se emprega no que todo parece que son negativas ou prohibicións –non poñer…, non traer.., non entrar…-, que ás veces causan unha impresión tan molesta nos pais, malia que coincidan coa mensaxe.

A través do blog  Conexión Atlántico- Mediterráneo, soubemos de varios documentos elaborados pola Junta de Andalucía, dos que se pode extraer ideas para a inclusión de información nos blogs ou webs de centro.

Guía de derechos y responsabilidades de las familias andaluzas en la educación. Infantil y primaria”. Esta guía pretende dar sinxelas respostas ás dúbidas que lle xorden aos pais e nais sobre o desenvolvemento dos seus fillos nesta etapa, do que necesitan aprender e facer para andar pola vida, quen llelo pode proporcionar, que dereitos teñen e tamén sobre as responsabilidades que deben asumir para a necesaria complementariedad das actuacións escolares e familiares que garantan os mellores resultados posibles.

Orientaciones a las familias andaluzas. Infantil 0-3”, do que se poden extraer moitas ideas para trasladarlle información ás familias.

Manual de participación para padres y madres. Piensa en participar”, no que se lle explica ás familias cales son as canles e procedementos de participación tanto individual como colectiva nos centros educativos nos que escolaricen aos fillos/as.

Non debemos esquecer que, -se non o fixemos antes-, agora deberíamos facer unha visita á escola infantil 0-3 na que están escolarizados os que en setembro serán os nosos alumnos, para saber deles, do que fan, do que saben e do que esperan do seu desembarco no 3-6.

Imaxe tomada do álbum “O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico” de OQO, que trata da adaptación dun cempés ao ritmo escolar.

4 Comments

  1. Moitas grazas Angeles e Isabel por facernos reflexionar o importante que son as transicións e aportarnos uns materiais de tanto interese e xa clasificados e comentados.
    Sodes unhas magníficas profesionais.

  2. Eu de “maior” quero ser coma vós!! Son xa bastante “maior” pero con esto quero dicirvos que cando remate o ciclo de Educación Infantil ….quero só “parecerme” un chisquiño a vós, profesionalmente falando!!! FELICES VACACIÓNS e espero que a volta nos sigades “ENRIQUECENDO” PROFESIONALMENTE

    1. Isabel non sabes canto nos alegra que InnovArte vos sexa de utilidade ás persoas que estades facendo o ciclo ou o grao de infantil. Desde o principio dixemos que sería a nosa achega á educación infantil. E ten sempre presente que nós, tamén cometemos moitos erros, e cometémolos no pasado, no presente e seguro que tamén no futuro, o único que destacaríamos é a capacidade que temos de cuestionarnos continuamente a validez do que facemos. Moitas grazas e boas vacacións tamén para ti.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s