A nosa achega á educación infantil

Eu vou de galego, e ti?

In RebelArte on 21/05/2012 at 07:01

Poida que aínda non acontecera por mor da desfavorable situación económica, pero atrévome a augurar que, en non máis dun lustro, veremos por estas datas nos escaparates da tendas de adobíos infantís, disfraces de galegos e de galegas para participar nos actos das Letras Galegas.

Nestes días de festa das nosas letras, na televisión e na rede abundan reportaxes sobre as actividades organizadas nos centros escolares, nos concellos ou en asociacións diversas. Ben. Mágoa que se focalicen tan só nestas datas, pero hainas moi creativas e salientables.

Pola contra, tamén se aprecia unha tendencia, ao noso entender, perniciosa: aquela que fai ver que todo o relacionado coa lingua parece sacado dun museo con olor a naftalina. Vimos nenos disfrazados de aldeáns cos seus zocos e boinas, asociando involuntariamente a lingua ao patrimonio do pasado. Como se para falar galego tivéramos que volver ao arado de pau e ao reduto do pote na lareira. Poden pensar que isto non vai máis alá do anecdótico; pero é moito máis, é unha idea que vai calando no subconsciente colectivo e logo pasa o que pasa.

No ano 2004, todos os grupos parlamentarios asinaron un documento senlleiro, o “Plan xeral de normalización da lingua galega”, que xa na súa introdución insistía na necesidade de entender o galego como unha lingua viva, que sobreviviu durante séculos, entrando no novo milenio sendo maioritaria, e que “como un David fronte a Goliat, debe superar as dificultades e ser, a todos os efectos unha lingua máis na sociedade da información e do coñecemento.”Non parecía daquela que os problemas do galego foran de supervivencia, senón, máis ben de adaptación ao novo contexto social e cultural.

Detectábase nesta análise da situación do galego no ensino entre os puntos febles a castelanización das crianzas ao incorporarse ás escolas infantís; o rexeitamento dos mozos e mozas pola lingua por mor de asociala aos vellos da aldea; a excesiva focaxe da normalización arredor dos actos das Letras e doutras festas anuais de carácter etnográfico; a prioritaria atención nos centros aos contidos de carácter culturalista (revista, concursos de redacción, etc.), que limitan outras posibles actividades orientadas á transformación dos usos lingüísticos; en moitos casos, as actividades promovidas polos ENL (agora EDL) son de carácter cultural e extraescolar (magosto, maios, etc.), co que se reforza unha identificación contraproducente entre normalización e cultura etnográfica.

Instábase tamén daquela, aos medios de comunicación e industrias culturais a que proxectaran unha imaxe de modernidade que contribuíra a unha maior identificación do galego co mundo moderno; e acadar un modelo lingüístico que, mantendo os trazos patrimoniais do galego, dera unha imaxe da lingua acaída ás necesidades da vida moderna.

Ben, pois oito anos despois, seguimos na mesma, e o peor é que moitos responsables de que isto sexa así son persoas que se gaban de comprometidas coa lingua e coa cultura galega, tanto desde o ámbito educativo como desde o das industrias culturais e medios de comunicación.

Cómpre que aquelas persoas que nos consideramos comprometidas revisemos o que estamos a facer, para saber ben cara onde dirixir os nosos esforzos. De non facelo así, pode que dentro de poucos anos, o Día das Letras Galegas entre dentro do calendario de festexos no que están as festas medievais, as arribadas varias, as defensas de castelos ou fortalezas, invasións, etc. Todos disfrazados e ao rematar a esperar a vindeira ocasión para sacar o atrezzo.

Para ser galego ou galega hoxe, non fai falla vestirse de aldeán, nin de pailán, nin de Rosalía, nin de Castelao; ten que estar dentro da normalidade da vida cotiá de cada un de nós, da nosa maneira de vivir e de relacionarnos. Ser galego ou galega é estar vivo, non precisa de sacar un día as alfaias do mausoleo.

Advertisements
  1. Pois ainda que me da moita peniña oilo…estades a decir verdades como puños!!! Sinto na alma decir esto, pero o peor que ten Galiza, son a xente que vive nela, que non a respetan, nin a queren como se debe querer a túa terra!!! levo 44 anos esperando que Galiza sexa querida e respetada pero con todo o dolor do meu corazón galego, xa non o van a ver os meus ollos………..

    • Isabel, querer quérenlle o malo é que ás veces coa vontade non abonda, hai que poñerlle sentidiño e avaliar ben as consecuencias das nosas accións. Poden parecer actividades moi vistosas e moi chuscas pero non hai criterio nin se pensan os obxectivos que se perseguen. O que dicimos sempre, a folclorización da escola; imos de romería en romería, e como parece que hai que ser máis inxeñoso ca os demais, pois ás veces pasa o que pasa…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: