laranxa, paxel, pelouro, árbore, tixola, trepia, perixel. Volveu a meniña prá casa coa boca amarguexa de fel. ¡Coitado o meniño galego, Se o mestre non fala como el! Helena Villar e Xesús Rábade
Quixemos incluír este poema no Kartonlibro, porque malia que precisa dunha explicación da linguaxe metafórica, tamén cremos necesario darlle a coñecer ao noso alumnado que a lingua galega non sempre foi admitida na escola. Fíxose preciso aclararlles a razón de boca de mel, palabras de mel debido a dozura da pronuncia galega; foi doado facérllelo ver a través da comparación co son doutras linguas (alemán, xaponés…). Logo, devagariño, repetímolas en varias ocasións para aprezar o seu doce.
Como a eles -afortunadamente- lles parece imposible que a esa nena non lle deixaran entrar á escola coas súas palabras de mel; como homenaxe e representación simbólica de que a lingua galega si pode pasar a porta da nosa escola, enchemos a entrada de palabras galegas; mesmo levaron dicionarios para buscalas ben lindas. É un xesto, non máis ca un simbolismo, que ao noso entender, gaña sentido en conmemoracións arredor da lingua, como a da vindeira semana.
Este poema de Helena Villar e Xesús Rábade, de “Cantan os nenos“, publicada en 1983, forma parte da “Antoloxía da poesía infantil galega. O libro dos cen poemas“, realizada por Xosé María Álvarez Cáccamo para Espiral Maior en 2002. Recóllense poemas populares e tradicionais, así como outros dun total de 42 autores galegos, desde os clásicos aos contemporáneos. Completase cun capítulo de actividades arredor de 15 poemas que a modo de exemplo tratan de mostrar como traballar a oralidade e a expresión creativa.
![]() |
Lingua de mel |