A nosa achega á educación infantil

Pistoia XII: conclusións

In FormArte on 23/04/2012 at 07:00

Ao longo dunha ducia de entradas que dedicamos á visita ás escolas infantís de Pistoia, tratamos de transmitir as nosas impresións persoais.

Sabemos que o que nos amosaron con orgullo é o bo que fan, e que ao igual ca nós, terán aspectos mellorables, que tratan de minimizar ou non mostrar. Con todo, as que nos dedicamos a isto -coma en calquera profesión- froito da experiencia, desenvolvemos un olfacto especial que nos permite diferenciar discursos de prácticas, retórica de realidade, ficción de cotidianidade. E podemos asegurar que as escolas de Pistoia, son dignos exemplos de calidade na atención á infancia. Calidade como concepto de escoita dos intereses dos nenos/as e das súas familias; non doutras mal entendidas calidades segundo estándares empresariais.

Para concretar o proxecto de Pistoia, diríamos que as súas liñas de forza son o modelo educativo, a estrutura organizativa sobre a que se asentan, os profesionais que interveñen e as políticas educativas que o fan posible.

Como sempre facemos comparacións entre as nosas realidades e as que visitamos, había unha serie de preguntas para as que pedimos resposta en cada unha das escolas que visitamos; estas son:

Que documentación programática manexan no centro?, queríamos saber si, ao igual ca nós, se moven no terro da “ficción pedagóxica”, levando a cabo a incoherencia de redactar declaracións nas que dicimos que traballaremos por proxectos que xurdan dos intereses dos nenos, e logo os nosos supervisores da administración, a comezo de cada curso nos piden programacións pormenorizadas –ao gusto do “lector”- nas que se detalle cada minuto de cada hora que pasamos no centro, chegando a excesos de celo ridículos e ignorantes, tales como vir a comprobar in situ si os traballos individuais dos nenos/as se corresponden co especificado na “programación”.

Non, teñen o proxecto educativo da comunidade na que se recollen os principios que deben rexer calquera intervención, e logo, semanalmente reúnense as distintas profesionais do centro para consensuar, reconducir e/ou ver posibilidades e proveito do que están a facer. Os proxectos, como é lóxico, redáctannos con posterioridade á súa realización, para que quede constancia do feito.

Como fan a avaliación dos nenos e como informan ás familias dos logros obtidos?

A avaliación dos nenos, das intervencións e dos profesionais, faise en cada unha desas xuntanzas de equipo. Non teñen boletíns porque non lle atopan sentido a contar unha vez ao trimestre todo o realizado. Prefiren ter unha especie de diarios á porta da clase nos que os pais/nais, dun xeito moi gráfico, breve e claro, poden coñecer o que fixeron os seus fillos ese día. Como lle conceden tanta importancia á relación coas familias, a reservar un tempo para conversar cos proxenitores, tanto na acollida como na recollida, é aí cando lle comentan aspectos salientables dos nenos.

Quen supervisa o cumprimento da súa labor?

Teñen unha inspección/supervisión habitual por parte dos responsables educativos da comunidade.

Como fan a distribución dos grupos?

Nin por orde alfabética nin por datas de nacemento, senón unha vez coñecidos os rasgos de carácter máis salientables de cada neno, tratan de distribuír os grupos buscando o equilibrio entre todos eles, e con toda a diversidade.

Como introducen as TIC e a lingua estranxeira?

Non o fan. En case ningún centro teñen conexión a internet, nin ordenadores, nin EDI, nin televisión, porque seica a infancia é para xogar, para relacionarse e para disfrutar cos outros, non con aparellos. Tampouco se contempla a introdución temperá da lingua estranxeira, porque cren que primeiro deben afianzar e coñecer as outras diversas linguaxes coas que expresarse e nas que escoitar.

Que é o que marca os tempos escolares?, hai algunha normativa que impida que estean no exterior simplemente xogando?

Os tempos están marcados polos intereses e apetencias dos nenos/as. Eles son os que deciden explorar nun espazo ou noutro, algo que non lles preocupa, porque todos os espazos son concibidos como educativos e estimuladores das potencialidades das criaturas. O xogo é un principio que rexe a actividade educativa, porén non se considera unha perda de tempo estar no exterior ou nos recantos.

Como proceden co alumnado con necesidades educativas especiais?

Aquí e onde atopamos menos respostas; dicían que ao igual que con calquera outro, pero que nese momento non tiñan ningún caso.

-Cales son ao seu entender os puntos fortes do modelo?

A tenor do que coñecen polo gran número de docentes doutros países que os visitan, entenden que os seus puntos fortes son: unha rigorosa coordinación pedagóxica, unha sólida formación dos profesionais que interveñen coa infancia, o compromiso social coa educación, a relación coas familias, e a posibilidade de que varias persoas estean ao mesmo tempo cos grupos de nenos.

Nos centros de primaria aos que acudirán estes nenos, traballan de forma similar?

Non, pero as competencias que esperan leven incorporadas son saber falar, saber escoitar e saber compartir. Ninguén lles require que saiban ler e escribir. A escola primaria enfróntaos a esixencias máis formalizada, pero ter vivido ao longo de seis anos en contextos que os motivou a aprender e que lle transmitiron confianza nas súas propias capacidades, contribúe a crear as condicións idóneas para o éxito escolar. Aquí o nidi non ten un carácter propedéutico para a sccuolle della infanzia, e esta para a primaria, aquí, cada etapa ten o seu tempo, o seu ritmo, adaptado ao seu nivel evolutivo.

En que consiste o programa formativo dos profesionais que interveñen cos nenos/as?

A formación é un factor decisivo, nomeadamente o que se realiza na compaña doutros adultos posuidores de competencias específicas para o desempeño da súa labor. Por suposto non hai formación a distancia, nin teleformación, parécelles un imposible, porque, aos seu entender, iso non permite a reflexión sobre a propia práctica, sobre un mesmo, contrastando cos demais e facendo explícitas as propias intencións educativas, adquirindo os hábitos de escoita e de colaboración. É dicir, non cren que poidan formase aplicando principios que non son iguais que os que tratan de transmitirlle aos nenos/as. Considérano unha incongruencia.

Como ven a situación actual da educación en Italia?

É unha ecuación moi doada, a menor investimento, menor calidade da prestación do servizo educativo. Non entraña ningún misterio.

Quedáranos moitas preguntas por facer, polo que sentimos moita envexa do alumnado da Facultade de Educación da Universidade de Vic que realizan as prácticas escolares nos Servizos educativos de Pistoia, froito dun convenio establecido fai máis de dez anos, podendo deste xeito formarse ao carón de profesionais que fan realidade un sólido proxecto dirixido á infancia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: