A nosa achega á educación infantil

Cara onde vai a educación pública?

In RebelArte on 18/04/2012 at 06:46

Nestes días atópome nunha encrucillada cada vez que publico as fotografías e reflexións sobre o visto nas escolas de Italia.

Por unha banda sinto unha aguilloada na miña estima profesional que me vén a dicir que o noso traballo se pode facer mellor, que hai maneiras de facelo, pero que hai que botarlle moita enerxía para cambiar inercias totalmente instauradas nos centros que se basean na tradición, no “sempresefixoasí” ou en lasas interpretacións da norma. Sei que non se precisa máis que ganas e forzas para cambiar, así como un grupo de compañeiras afíns. Depende de nós e das ganas que teñamos de complicarnos a vida.
Pero pola outra banda, sinto que se fixeron realidade a miñas peores premonicións canto á situación da educación, e o malo é que a quen debería importarlle -aos pais e nais- están tan atribulados por outras cuestións de maior peso, que deixan facer e non se pode contar con eles. Dos políticos, a día de hoxe, nada se pode esperar; os sindicatos perderon a credibilidade defendendo os seus intereses e secundando os partidos aos que lle son fieis; e ao profesorado téñennos tan machucados que, a estas alturas, sabendo que non contamos co apoio social ímonos deixar ir para onde nos leven; total, que podemos facer?

Emporiso, pregúntome se paga a pena enrolarse en proxectos que só nos van a reportar desgustos e traballo, cando nos están reducindo drasticamente o noso soldo, o noso prestixio e os nosos dereitos.
Estou desanimada, e non quero estalo.
Ata cando durará esta situación?, con que escola nos atoparemos despois desta Crise?, canto se manterá o compromiso ético dos docentes coa súa profesión. Tenme desacougada.

Se dun tempo a esta parte se notaba que se abrira unha “caza de bruxas” contra os que nos dedicamos á educación, o que está a acontecer nos últimos días, non é máis que unha precipitación do deterioro da educación pública en España. Quen ten que defendela e onde están?
Levan máis de seis anos fustigándonos cos resultados das avaliacións internacionais, que nunca soubemos ben para que servían, pero ao menos críamos que marcaban os horizontes cara os que mirar dos van á cabeza, pero agora resulta que as medidas que se van adoptar no noso país sonlle totalmente antagónicas. Faláronnos e explicáronnos a importancia do compromiso das familias coa educación dos fillos/as e co feito educativo; do uso de metodoloxías nas que o alumno asume un rol activo, sendo artífice da súa aprendizaxe; de-ratios baixas; de atención educativa atendendo ás diferenzas e diversidade entre o alumnado; do liderazgo pedagóxico dos equipos directivos; do elevado prestixio da profesión docente, e da esixencia da formación continua e actualización do profesorado.

E agora que se está a facer? Xusto o contrario.

-Máis horas, mesmo pasando a un terreo asistencial. Faremos de coidadores, recolleremos nenos no autobús, daremos pasantías e iremos de colonias de verán.

-Nos países que obteñen puntuacións máis altas en PISA, dáse o caso de que os docentes son os mellores das súas promocións, persoas rigorosamente formadas para o desempeño profesional e cuns elevados salarios. Aquí, ao paso que vamos ninguén quererá ser mestre; mesmo se eliminarán aquelas vantaxes que compensaban un soldo non excesivamente alto. E da formación (inicial e permanente) xa mellor non falar.

-Increméntanse as ratios a números imposibles de manexar (obsérvese que xa falo de números non de nenos/as). Impoñeremos un réxime autoritario, estilo cuartel ou penitenciaría, e esquecerémonos de metodoloxías participativas que procuren que os rapaces aprendan a aprender.

-Os equipos directivos pasarán a ser controladores ou supervisores, e os compañeiros farán de espías e chivatos dos que estean de baixa, xa que logo teranos que substituír nas súas ausencias.

-Os centros públicos das periferias das cidades serán guetos, aos que só acudirán os fillos de quen non pode pagar outra educación. Quen poida evitará estes almacéns de nenos dos que fuxirá o profesorado experto e onde non haberá persoal dabondo para paliar as diferenzas que se aprecian froito desa situación social desfavorecida.

-O profesorado, paulatinamente irá minguando a súa prestación de servizo, a súa implicación e o seu compromiso de forma proporcional aos recortes que sofre, porque considerará unha burla seguir facendo o mesmo por menos. Ninguén o fai, así que non nos culpabilicen. Farase na mesma medida que nos paguen, nos respecten e nos estimen. Nin máis nin menos. E non nos enganemos. Isto xa se está a notar. É algo silente pero presente e palpable nos claustros.

Sempre me sentín orgullosa de ser mestra e do papel que facía, pero a día de hoxe e non teño a seguridade de que dentro duns anos teña a mesma percepción positiva do meu labor na sociedade.
Nunca aceptei as actitudes derrotistas nin os vitimismos, pero creo que teño que darme unha sobredose de “Historia da educación” ou dalgún xenérico similar, para comprender que houbo quen saíu adiante, quen traballou en peores escenarios, quen loitou polo ensino público en momentos e situacións moito máis complexas porque cría que era un dereito de toda a sociedade, aínda cando nin sequera esa sociedade o secundaba.

Non sei se aínda así será efectivo. Non é doado sobrepoñerse e manter o compromiso con quen nos despreza, desprestixa e desacredita. A día de hoxe, quen está mantendo a calidade do ensino son os seus traballadores, pero non confíen en que isto sexa sempre así; non vaia ser que nos adaptemos ás aldraxes e aceptemos o que todos parecen consentir. A educación é responsabilidade da sociedade -non só dos docentes-, e é a ela a quen lle corresponde defendela.

Advertisements
  1. Ó mal tempo, boa cara, pensemos neses que sempre nos agradecerán o noso traballo: o alumnado, por e para eles…¡¡¡Resistiremos!!!!

    • Si Lidia, resistir, resistiremos, pero como todos os que resistiron o acoso de quen pretendía avasallalos, as nosas forzas irán mermando día a día, ata que chegará un momento no que non se sabe ben por que tanto sacrificio. Como xa dixen noutro lugar, mentres estou cos nenos/as non teño tempo para pensar noutra cousa que non sexan eles, pero logo os días dan para moito, sobre todo cando se len os xornais, se escoitan os noticieiros ou “interesantes” debates sobre a educación. Aí é cando aflora o desánimo. E créeme, daquela non me acordo dos nenos, senón da súa familia. Un saúdo

  2. Eu me imaxino que os rapaces, ou moitos dos rapaces que agora xa somos grandes, sempre nos acordamos de aqueles “profes” que ían contra corrente de todo e de todos, é sinceramente…eu teño o meu recordo daqueles “profes” e NON dos que intentaban “pisotear” e “avasallar” os meus “profes”. ESPERO VOS SIRVA DE ALGO.
    Moito ánimo!!! eses pequerrechiños que oxe educades…volo agradeceran algún dia!!!!!!

    • Benprezada, malia que recibimos moitos apoios, créeme, acabas de darnos a razón pola que seguir nas nosas lideiras. Levas toda a razón, o que deixa pegada é un mestre/a, non un tecnócrata. E o que todos aspiramos para o final dos nosos días profesionais é ser recordados polo que fixemos. Grazas. O centro no que eu traballo ten unha placa na fachada na que o arquitecto di que foi concibido á imaxe de Don Gregorio, o inolvidable mestre de “A lingua das bolboretas”, trato de telo presente todos os días, pero agora aínda máis. Grazas de novo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: