Que se lle pode regalar a un escultor?
Cando no mes de novembro visitamos o taller do coñecido escultor Ramón Conde, brindoulles aos nenos/as a oportunidade de facer figuras coa arxila. Acordáramos daquela, que na primavera volveríamos para pintalas. Agora recibimos a amable chamada da súa axudante Chus para recordarnos esta visita pendente. A alegría dos nenos, e a ilusión de ir a ver a un “amigo” de novo, non deixa dúbida do significativa que fora esa experiencia.
Agora ben, que lle podemos levar para amosarlle o noso agradecemento polas súas atencións?
Non é doado, xurde un debate, todos concordan en que ten que ser unha escultura, pero non acaban de poñerse de acordo sobre a forma, material e significado desa escultura. A primavera, parece ser finalmente un tema do gusto de todos. E como representamos nunha escultura a primavera? Que é o significativo da primavera? Que debe transmitir?
Cadaquén fai a súa achega: as cores do arco da vella, as chuvias de abril (augas mil), o recendo das flores e plantas aromáticas, o piar dos paxaros, o calorciño do sol, a alegría dos nenos/as, os primeiros paseos pola praia, as cereixas de maio, as bolboretas, un poema, os toxos e as xestas que tinguen de amarelo os nosos montes, os ceos ovellados, o amor, os bicos, palabras fermosas …, iso é a primavera.
E así resolvemos a situación. Unha escultura de botellas de cristal que conteñen todos eses elementos que nos remiten á primavera e un collage coas fotografías das esculturas que fixeran con motivo da súa primeira visita. Un novo debate e estudo sobre a forma de montaxe e un catálogo colectivo rematan a poética escultura.
![]() |
Escultura Primavera Ramon Conde |
Cos agoiros de que sexa do seu agrado, volvemos ao seu taller. Somos recibidos coma uns vellos amigos. Ramón Conde traballando en novas esculturas que, de seguro, pronto veremos nalgún espazo público. Isto é novo, traballa sobre polistireno expandido, que logo cubre con resinas para facer o molde que finalmente dará lugar á escultura de fibra de vidro. Agora poden ver todo o proceso e o misterio desas esculturas que non pesan tanto como se lles supón.
Ramón califica a obra “Primavera” coma de arte conceptual, e dille aos nenos que sería digna de expoñerse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Os nenos e nenas retoman as súas pezas para pintalas e así poder levalas para a casa.
![]() |
Primavera no taller Ramón Conde |
Ramón Conde desaparece misteriosamente e volve cunha sorpresa…
![]() |
Primavera con Iolanda Castaño |
Chegou coa súa amiga a coñecida e polifacética artista Yolanda Castaño, a quen os nenos e nenas recoñecen como autora do punki-vermiño “Punver”, e do libro “Cociñando ao pé da letra”, así como por ser a presentadora do programa “Cifras e letras” da TVG.
A mañá non podía ser máis completa, máis poética e máis artística do que foi.