Na súa privilexiada localización do parque Puccini, atópase a escola infantil Parco Drago que acolle a nenos/as de 3-6 anos ao carón da Lago Mago de 0-3. Nós, persoalmente cremos que este é o centro ideal de infantil, o modelo cara o que debería tender a normativa, e as novas construción escolares. Un edificio que aglutine os dous ciclos de infantil, malia que con vidas diferentes, entradas diferentes, pero un mesmo lugar, un referente para toda a etapa infantil.
Sobre isto temos debatido con compañeiras, xa que logo non hai moitas que sexan partidarias do modelo; prefiren compartir con primaria que con 0-3. Cremos que tras esas determinacións subxacen moitos prexuízos subconscientes contra o primeiro ciclo, contra a súa consideración de “gardería”, -desafortunadamente, aínda non superada, pese aos discursos retóricos educativo vs. asistencial-, e contra as diferenzas de estatus profesional de educadores, mestres e profesores. Ao noso entender, estes complexos profesionais, non favorecen moito a calidade da atención á infancia.
Aquí, en horario de 8:00 a 16:00 atenden 37 nenos/as de 3 anos (3 ensinantes), 41 de 4 anos (4 ensinantes) e 36 de 5 anos (3 ensinantes). Se botamos a conta, non difire moito da nosa situación (contabilizando titoras, apoios e especialistas), pero organizados doutro xeito, xa que logo sempre hai dúas persoas con cada grupo, iso permítelles facer desdobres e traballar en pequeno grupo. O alumnado distribúese a comezo de curso, buscando un equilibrio e diversidade entre os nenos, non por orde alfabética como se adoita facer habitualmente.
Cada educadora traballa 30 horas coas criaturas, e logo unha hora de coordinación; unha vez á semana reúnese o profesorado da escola, e unha vez ao mes co de outros centros de infantil.
En Parco Drago, teñen un proxecto fixo, que é o traballo sobre o parque, a natureza, o seu coñecemento, respecto e conservación. Este é un eixo vertebrador, así recollen as súas experiencias de varios anos na publicación “Per mano. Pistoia: itinerari dei bambini nella natura”. Na actualidade, desenvolven un proxecto de fotografía da natureza, sendo os nenos os fotógrafos (os seus ollos non miran nin ven o mesmo ca os dos adultos), e agora expoñen estas imaxes no concello.
De aquí, gustounos unha idea que teñen de realizar todas as rutinas entre 3 nenos/as, así vense obrigados á procura do consenso, a pórse de acordo, por exemplo sobre o tempo que fai ou como está o ceo.
Teñen outro xogo que non vimos noutro lugar que é o “sombreiro de pensar”, un elemento “máxico” que facilita as reflexións complexas; para ilo deseñan e elaboran modelos de sombreiros do máis creativos, como se pode apreciar nas fotografías.
![]() |
Parco Drago |