Nas nosas aulas temos un costume moi do gusto do alumnado: todos os días deixámoslle no patio un pouco de fariña de millo aos paxaros para que nos visiten. Pero con moito desgusto, cara finais de novembro vimos que non viña ningún a comer, o que nos levou a investigar para onde marcharan, intentando saber onde estaban para non deixarse ver.
Porén, hoxe é un día de alegría, xa que logo, segundo as tradicións populares galegas, é a partir do día da Candeloria, o 2 de febreiro é cando volven os paxaros para emparellarse e criar.
A Candelaria ou a Candeloria é unha festa relixiosa, pero a súa orixe coma a doutras moitas celebracións cristiás, é pagá. Era a antiga “festa da luz” celebrada polos celtas e tamén polos romanos e día do amor nos antigos costumes galegos.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón tamén, no ámbito agrario xa que era considerada coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza; é o día no que se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Considerábase a esta festa como “a do amor e do apareamento no reino animal”.
Así é como ilustraron este día de casorio os pequenos/as de catro anos.
Outra alegría dánola este refrán que di: “Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”.
E seguindo coas aves e cos refráns recordamos unha entrada que lle dedicamos ao día 3 de febreiro “Polo San Blas, a cegoña verás.”
Esperamos que moi pronto volvan os paxaros a visitarnos, mestres tanto deleitarémonos con fermosas ilustracións como esta de Sami Viljanto ou outras de paxaros que se poden ver en Pinzellades al món.