A nosa achega á educación infantil

Go home!

In RebelArte on 16/12/2011 at 09:07

http://tareaslabhn.files.wordpress.com/2011/02/senal-alto-accesible-solo-a-personal-autorizado.jpg

Na porta dos colexios a máis dun cartel onde di “Espazo libre de fume”, debería haber outro que dixera “Espazo libre de consumo” , porque non temos a seguridade de que a incitación ao consumo non sexa un deses elementos que forman parte do currículo oculto dos centros educativos.

Para nós o exemplo máis palpable dáse nestas datas. Dun tempo a esta parte cremos que, debido a varios motivos, o Nadal máis ca ser un momento no que se salientan os valores tradicionais como o encontro, o reencontro ou o compartir cos máis achegados converteuse nunha invitación ao consumo máximo.

Non vamos a falar nesta ocasión dos adobíos e fastos dos centros que van desde a estética máis kitsch ou arrepiante pasando polo charramangueiro sen máis. Tampouco falaremos das “manualidades” que se fan coas criaturas para as que se empregan materiais suntuosos e caros.

Non, nesta ocasión falaremos da troupe que entra nos centros. Por isto de que todo o mundo quere colaborar (ANPAs, concellos, servizos de dinamización lingüística, equipos de actividades complementarias…), por isto de que ninguén quere repetir o que fan os outros (a máxima de ser orixinal ata morrer), por isto de que os disfraces se abarataron moito, os centros enchéronse de Papá Noeles, de duendes, de San Nicolases, de axudantes de Santa, de renos tiradores de trineos, de paxes reais, de Reis, de Apalpadores, de Espíritus do Nadal e doutros moitos.

Caracterizarse é relativamente doado, o problema é meterse no papel, entón, non sabendo que dicir usan a frase máis recorrente: “Escribíchesme a carta? Que me pides? E aquí vén o paradoxal; se ben se lles di a dos rapaces que tal e como está o panorama só poden pedir unha cousa, por outra banda, xa non se sabe cantas epístolas escriben para non desgustar a estes señores que se toman o esforzo de vir a velos. E veña a escribir, e veña a pedir; pero non importa, dos catálogos de xoguetes pódense sacar ideas para pedirlle a todos eles…

Porén, en aras dunha coherencia entre os discursos pedagóxicos e a práctica, pedimos que se lle vete a entrada no centro a toda esta fauna navideña.

Deseguido trataremos de convencer ata aos máis reticentes:

1º A aqueles que din que lles fai taaaanta ilusión aos nenos/as. A día de hoxe non nos atreveriamos a aseguralo, xa que teñen a esas figuras tan entrañables ata na sopa; na rúa, nos centros comerciais, nos polideportivos, nas bibliotecas, nas actividades extraescolares, nos obradoiros, en predeporte, etc, etc, de tal xeito que ata lles provoca confusión; como é posible que estas persoas tan atarefadas con datas fixas de actuación no calendario poidan andar langraneando por aí a deshora e destempo vendendo móbiles, viaxes exóticas ou xamóns de pata negra? Non é doado explicárllelo, porque decatarse, decátanse.

2º Aos crentes relixiosos. Coincidirán connosco en que este mercantilismo non favorece nada as crenzas relixiosas e as tradicións do Nadal.

3º Aos non crentes. Que estarán fartos de que bombardeen aos seus fillos/as con elementos de carácter relixioso, ideolóxico ou mesmo trocados pola publicidade (Papá Noel e Cocacola).

4º Aos tradicionalistas. Porque os que gustan da tradición (da que sexa) saben que estes personaxes se rodean do misterio que engaiola a inxenuidade infantil; son lendas e coinciden todas elas en que nunca precisaron ir ás escolas a buscar as cartas peticionarias dos nenos xa que lles len o pensamento, e en que  entran ás agochadas nas casas amparados pola nocturnidade, por iso ninguén os pode ver. Emporiso, que anden por aí con luz solar, en establecementos e en actitudes  non acordes co papel que representan, pouco ou nada favorece a tradición.

Porén, non nos queda outra que dicirlles a todos estes aficionados: Go home! Váianse para a súa casa! Se son vostedes os verdadeiros, esperen a que lle chegue o seu día, e se son uns espontáneos, colguen o disfrace e esperen ata o Entroido, que ás criaturas non se lles engana tan vilmente nin se lles merca cunhas bagatelas.

Se concordades con estes argumentos, poñede na porta do centro “Espazo libre de fauna navideña”. E recordádelle aos Consellos Escolares que tomen cartas no asunto, porque para iso están, para velar pola educación dos fillos/as, alumnos/as, cidadáns, veciños, etc., que representen o papel que se espera deles, que non se conformen con ser titiriteiros navideños de pouca monta.

Nota: Ben sabemos que hai quen pensa que queremos acabar con todo o “bonito e divertido” da escola infantil. É certo, queremos acabar coas comparsas escolares de Entroido, coas tenras pombiñas da paz, coas áridas Letras Galegas, e agora coa fauna navideña. Queremos acabar con todo aquilo que converte a escola noutra cousa, queremos acabar con aquilo que nin sequera é educativo, e queremos acabar con tradicións escolares sen bases pedagóxicas que as sustenten.

Advertisements
  1. De acordo con case todo. Grazas pola reflexión! Ata sempre…!!!

  2. Estou dacordo en certas cousas, pois considero que algúns dos aspectos mencionados cos cales queredes “acabar” si teñen aspectos pedagóxicos. Eu coido (dende a máis humilde opinión) que ver como se celebra o nadal noutros países ou investigar sobre quen lle trae regalos os nenos doutras partes do mundo é fascinante. E descubrir a verdadeira historia de Santa Claus é bastante curioso (porque non só é un invento de Cocacola). Hai que sacarlle partido ó Nadal, pois eu considero que ten bastantes aspectos que se poden traballar teñan cabida ou non no currículo e non centrarse únicamente en manualidades que é o que se fai na maioría dos coles, cousa que tamén está ben, pero debería complementarse.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: