O Día dos Dereitos Humanos, a máis de toda a parafernalia das celebracións, declaracións oficiais e xestos emotivos, tamén pode ser unha boa ocasión para reflexionar sobre tres cuestións:
1ª Temos a completa seguridade de que os nenos e nenos que temos nas escolas teñen garantidos os seus dereitos na actualidade e de que poderán exercelos no futuro?
2ª Podemos estar completamente satisfeitos dos logros que se teñen acadado desde a súa aprobación?
3ª Cal é a mellor maneira de facer conscientes ás criaturas destes dereitos inalienables das persoas?
Véñennos ao recordo as palabras de Fernando Gonzalez Lucini a quen coñecemos hai anos con motivo da presentación do seu libro “La educación como tarea humanizadora. De la teoría a la práctica educativa”, prologado por Juan Carlos Tedesco. Para este experto en educación – primeiro mestre de infantil e logo profesor de futuros docentes, a máis de recoñecido musicólogo-, na escola temos que volver a mirada cara os pequenos valores: a responsabilidade, o esforzo, a compaixón, a esperanza, a gratitude, a xenerosidade, e sobre todo, a tenrura, como base para a concreción dos grandes valores democráticos como a liberdade, a igualdade e a solidariedade.
Para Lucini, estes valores están en crise porque o horizonte da felicidade está marcado polo ter e polo mercar e non por un san vivir democrático e porque vivimos nunha cultura de dereitos e non de deberes que prexudica ao próximo e por ende á convivencia; así mesmo, sostén que cada dereito ten a súa contrapartida nun deber, xa que logo, dereito e deber son as dúas caras dunha mesma moeda.
Os dereitos humanos e os deberes humanos, así xuntos os dous no día a día da escola, en todos os xestos, actuacións e actividades que nela se desenvolven. Tanto para os nenos e nenas como para os proxenitores, docentes e demais persoal do centro.
Só a vivencia activa dos dereitos e dos deberes pode garantir a súa asimilación e asunción por parte dos nenos e nenas. O resto, bonitas declamacións, lecturas ou exposicións para un día.