A nosa achega á educación infantil

O libro máis lido no 2011

In RebelArte on 22/11/2011 at 07:57

kidder-bestseller

Aínda non me recuperei do brutal impacto que recibín días atrás. Andaba buscando un vídeo para amosarlle ao meu alumnado o proceso de elaboración dun monicreque, e grazas a unha desas novas e hábiles estratexias de publicidade, tiven que aturar un spot publicitario, xa que non había maneira de eludilo. Como por riba o proceso requiría dunha observación polo miúdo, cada vez que quería repetir o visionado do vídeo, tiña que tragar o anuncio.
Enganchoume desde o primeiro momento, no que aparecía un texto sobre fondo negro no que dicía “El libro más leído por padres e hijos en España no es un cuento”; a min xa me botaran o anzol. Deseguido aparecían uns nenos (alternando con absoluta corrección, nenos e nenas, uns de cor, uns deportistas, outros almorzando saudablemente…) que ían dicindo “Es como un cuento pero no es del cole.” (prometedor); “Es gordo, gordo; así…”; “Sirve para pedir cosas.” (máis prometedor aínda); “Yo tengo dos pero uno lo guarda mamá” (o pracer do prohibido); “Los reyes lo leen también.”, “Yo no puedo vivir sin él.”; “¡Ni yo!” (un papá con cara de bo rollo); “Juégalo, cuanto más, mejor.”; “Mi más mejor amigo también lo tiene y jugamos a elegir.” (ben medido, o típico erro infantil que lle fai sorrir a todo o mundo).
Cara a metade do anuncio desveláronse as miñas dúbidas: era o catálogo de xoguetes dunha cadea de centros comerciais.
Como o tiven que ver varias veces o meu enfado ía a máis. O primeiro que pensei é en como o Gremio de Libreiros non presentaba unha protesta por inducir a erro ou por menoscabar o que é un libro; desde o meu descoñecemento respondinme a min mesma que igual tiñan que calar porque este centro comercial é un dos maiores puntos de venda de libros. Logo pregunteime por que as asociacións de consumidores e organismos de consumo non din nada; ao mellor non lle ven a gravidade que eu lle detecto; ás veces pásome de esaxerada. Aqueles nenos víanse felices, sans, guapos, divertidos, glamurosos, á moda, pasábano ben; para corroboralo non hai máis que mirar o making of do spot: pasárono de medo, publicistas e nenos. Aquí non hai nin un chisco de vulneración dos dereitos dos nenos.
Tratei de ironizar, se ese é o libro máis lido así nos vai: arruinados, hipotecados, e empobrecidos tanto económica coma culturalmente. Con esas lecturas, que se pode esperar? Souben que xa van pola segunda edición en menos de dúas semanas; se a esa tiraxe lle sumamos as das outras grandes áreas comerciais, é un éxito sen precedentes; nin “Harry Potter”.
Como son unha optimista vin dúas cousas positivas:
1ª: Como eles mesmos din, é un libro que non é do cole, o que me reafirma na miña idea de vetarlle a entrada na aula.
2ª Confío en que as nais e as fillas, que son maioría, e ás que non menciona, lean algo máis literario.

Advertisements
  1. Acabo de ler esta entrada, nin máis nin menos penso eu. Na miña casa, como foi imposible evitar que entrase, utilizámolos para traballos manuais, recortamos, pegamos gomets, facemos colaxes… e intentamos evitar un “melopido, melopido, melopido…” traballando a fondo o asunto… Pois habería que mirar como se pode denunciar en consumo, pero creo que sería un David contra Goliat inmenso. Eu tamén confiei en que mamás e nenas non estivesen preparando madalenas na cociña, senón estomballadas nalgún sitio lendo algún libro interesante 😀

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: