O 20 de novembro conmemórase o Día Universal do Neno/a, os dereitos e benestar da infancia,algo aínda lonxe de acadar á vista do Informe UNICEF “Estado mundial de la infancia 2011”. Aconsellamos botarlle unha ollada á Táboa 9-Protección infantil (pax.120-123) onde recollen indicadores como traballo infantil, matrimonio infantil, actitudes de cara á violencia doméstica, disciplina infantil e mutilación/excisión xenital feminina.
Con tal motivo queremos recomendar dous libros de Alain Serres, director editorial de Rue du Monde, que deberían estar presentes en toda biblioteca de centro, malia que están aconsellados para idades superiores (6-9):
“Yo seré 3000 millones de niños”, no que o autor seleccionou un conxunto de fotografías que reflicten a realidade dos nenos/as do planeta. Unha reflexión sobre os dereitos dos nenos con textos de grande beleza e ilustracións de intensa luz xunto a fotografías en branco e negro que amosan rostros de nenos sen infancia.
“Tengo derecho a ser niño”, unha clara mensaxe en defensa da infancia que se expresa neste libro con vistosas ilustracións que compoñen un mundo ideal, alegre e luminoso ao que teñen dereito todos os nenos do mundo.