Hai uns días, unha nai manifestábanos as súas dúbidas canto ao consumo televisivo por parte do seu fillo. Por unha banda era coñecedora de todo canto se di sobre o uso abusivo da TV, dos seus efectos nocivos, e das súas consecuencias, entre elas o sedentarismo; pola outra dicíanos que dada a súa situación familiar, tampouco dispoñía de moitas alternativas para o tempo de lecer, sobre todo, nos días de inverno nos que non é posible saír á rúa. Esgrimía ademais que o neno aprendía moito da televisión, de feito, parte do vocabulario que empregaba non podía ter outra orixe que non fose a televisión.
Sabemos que estaba tratando de tranquilizar a súa conciencia, non dispuña de tempo nin de recursos, a televisión está aí á man, é do agrado do neno e polo tanto quería ver o positivo diso. Que responder nestes casos?, mantémonos na nosa postura totalmente contrarios á TV, aínda que na nosa casa non nos apliquemos o conto?, martirizamos a esta nai por ser unha irresponsable ou dámoslle unhas claves a ter en conta á hora de seleccionar programas?
Malia a competencia das TIC, a televisión segue ocupando parte do tempo de lecer do noso alumnado. E os medios de comunicación poden ser unha ferramenta de enorme utilidade para a educación e formación de menores pero faise preciso protexelos perante os contidos inadecuados e usos abusivos. Cómpre recordar que o audiovisual ten unha grande incidencia na construción da identidade infantil e xuvenil.
Agora, cada vez máis empezan a aparecer estudos que xa non demonizan a televisión, senón que salientan as vantaxes deste medio. Apuntan tamén que o problema radica na programación e nos produtos televisivos que se lle ofrecen aos máis pequenos, e isto si é unha responsabilidade dos gobernos, non das familias.
Os responsables da programación infantil deberían velar por si:
– As imaxes que os menores reciben de si mesmos a través dos relatos televisivos contribúen positivamente á súa comprensión do mundo, dos demais e de si mesmos?
– Inscríbense en modelos pedagóxicos determinados ou compadécense dos estadios de evolución psicolóxica nestes segmentos de idade?
– Como se prové aos menores de coñecementos e de habilidades para a convivencia e a resolución axeitada dos conflitos vitais?
– Existen asociacións claras entre valores positivos e personaxes atractivos, ou pola contra, téndese á disociación?
– Búscase unha representación realista do menor ou pola contra utilízase simbolicamente a súa imaxe para trasladar determinadas mensaxes?
– Cal é a proposta de interacción entre iguais entre os diferentes segmentos de idade, con pais/nais, profesorado e outras figuras de referencia?
Dito de outro xeito deberían facer unha análise das mensaxes que se transmiten, tanto a nivel temático, semántico e actancial, no que se vexa o seu sentido narrativo (personaxe presentado como positivo, negativo ou neutro); as actitudes e comportamentos na narración, os asuntos cos que aparece vinculado e involucrado; as relacións familiares que establece (paternofiliais, fraternais, etc), as relacións extrafamiliares con adultos e con menores; e as súas actitudes e comportamentos en espazos públicos e privados.
Repetimos, isto é unha responsabilidade dos gobernos. Non se lle pode ir con contos ás familias dicíndolle que deben ver a televisión cos fillos/as, que deben supervisar previamente os programas que consumen, que deben charlar sobre estes programas…, e un longo repertorio de boas intencións, porque se as familias tiveran tempo para facer isto, ao mellor non tiñan que recorrer á televisión.