A nosa achega á educación infantil

A biblioteca escolar en infantil: o non-espazo

In ContArte on 21/10/2011 at 07:19

O 24 de outubro é o Día Internacional da Biblioteca escolar, porén formulamos dúas preguntas:

1ª Pódese celebrar o día da biblioteca escolar nos centros de educación infantil?

2ª Celébrase?

Que comecemos con esta pregunta é unha ironía, xa que logo, se nos axustamos ao que establece a normativa, a biblioteca escolar é un espazo que non existe nos centros de educación infantil. O non-espazo. É paradoxal, pero a tenor do que se estipula no RD 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria, a biblioteca non se contempla entre as instalacións mínimas coas que deben contar os centros de infantil. Estamos a falar dun regulamento recente, non dunha norma de hai moitos anos. Supoñemos que a reflexión que fixeron os seus redactores é que como os nenos/as de infantil, supostamente, non len, para que precisan dunha biblioteca?

Non importa que, en coherencia coa esquizofrenia da administración, nunha norma anterior, de rango superior como é a LOE se estipule no seu artigo 113.1 que “os centros de ensino disporán de biblioteca escolar”; non importa que se convoquen premios a boas prácticas en bibliotecas escolares con apartados para educación infantil; afortunadamente non importa para que poidan recibir subvención; tampouco importa para que nos discursos sobre o fomento do hábito lector se fale de comezar desde a máis tenra infancia; non importa para que se fagan campañas publicitarias institucionais nas que aparecen nenos e nenas asistindo a actividades de animación lectora na biblioteca escolar; e non importa para que se constitúan equipos de dinamización da biblioteca escolar –con coordinador/a-recoñecido-, mesmo nos centros de infantil.

Dá para pensar un pouco. Por que nesa normativa de referencia á hora de construír un centro educativo non se contempla un espazo para a biblioteca? Acaso non merecen os nenos e nenas de 3-6 anos 75 metros cadrados coma os de secundaria, ou os escasos 45 dos de primaria –isto tampouco é doado de entender, por que menos metros para nenos que precisan máis movemento?-; acaso incrementaría moito os custes das novas edificacións? Outra curiosidade é que cando se constrúen novos centros ás veces deixase un espazo que todo o mundo entende como biblioteca, pero si se precisa incrementar unidades é o primeiro do que se bota man, dado que a biblioteca non existe, pódese empregar como se considere.

Paradoxos da educación.

Canto á segunda pregunta, claro que se celebra. Celébrase, e hai bibliotecas nos centros de infantil. O profesorado, non é que sexamos un dos sectores que máis lee, pero si sabemos da importancia de que os nenos/as lean, emporiso, podemos acondicionar unha fermosa biblioteca debaixo dunha escaleira, nun almacén, ou no recibidor do centro. E mercamos libros, moitos libros que lles lemos ao noso alumnado, tras seleccionalos, plastificalos, catalogalos e ordenalos nese non-espazo.

Paradoxos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: