É bastante habitual que cando se fala do xogo simbólico en educación infantil tan só se asocie a ese recanto presente en moitas aulas, onde os nenos/as xogan ás casiñas ou ao supermercado, a médicos, a perruqueiras, etc. O xogo simbólico é moito máis ca iso. E isto é o que tratan de amosarnos Ángeles Ruíz de Velasco e Javier Abad en “El juego simbólico”, convencidos de que a súa presenza nas aulas non está suficientemente considerada, xa que priman outro tipo de propostas e o xogo acábase relegando, restándolle espazos axeitados, tempos necesarios, materiais diversos, etc.
O xogo non debería considerarse como algo que poder realizarse no recreo ou na clase se resta tempo despois dun traballo importante, senón unha forma de aprender e practicar, a realidade da vida, nin debería desvirtuarse querendo dirixilo, actuando como animadores ou incluso como participantes que non foron invitados.
O xogo simbólico é unha experiencia vital da infancia que posibilita transformar, crear outros mundos, vivir outras vidas, xogar a ser outros e así aprender a pensar coma os outros, a sentir como os outros e, en definitiva, a saber se existen formas de pensar e sentir diferentes á propia. Este libro pretende animar a descubrir (ou redescubrir) o universo dos xogos simbólicos, os seus significados, o seu sentido, os seus beneficios e posibilidades. A escola é un lugar onde tamén se aprende a vivir, e o xogo simbólico é un “espazo de ensaio” para a aprendizaxe da vida.
Lectura moi recomendable tanto pola súa fundamentación teórica como polas propostas de traballo que apunta ilustradas con suxestivas fotografías de intervencións realizadas polos autores en centros educativos.