Cada curso tentamos establecer un fío condutor de todas as nosas actuacións nas aulas; non nos gusta repetir nada do xa feito, malia todo, sempre hai unhas constantes no noso traballo que van a marcar todas as actividades. Se o pasado curso foi o proxecto EnlatArte o que nos permitiu meternos, a través das latas, no consumo responsable ou na arte e en todos os ámbitos e áreas do currículo, este ano serán os proxectos NaturalizArte e FotografArte os que nos brindarán as posibilidades de traballo para o ano académico.
Con NaturalizArte vincularemos a natureza e a arte, natureza e grupos humanos, natureza e sostibilidade, natureza e saúde física ou mental, natureza e xeometría, natureza e literatura, natureza e celebracións tradicionais relacionadas co calendario vexetal, etc, tendo sempre presente a intención de inculcarlle ao noso alumnado a idea de que non é preciso dispor de materiais comerciais para ter ricas experiencias educativas.
Desde o comezo das clases a pasada semana, tendo á man todos os “recordos” que trouxemos das praias (pedras, algas, area, cunchas, paus, herbas…) e tomando como inspiración obras que beben da filosofía do movemento artístico do Land Art.
Atopamos a web e blog Land Art for Kids onde hai multitude de intervencións inspiradoras, así como publicacións temáticas de Land Art for Kids on the beach e Land Art for Kids in the woods de Richard Shilling e Julia Brooklyn.
Ver a presentación de imaxes.
Iremos contando o xogo que nos dá NaturalizArte.