A nosa achega á educación infantil

Entrevista inicial coas familias

In FamiliarizArte on 12/09/2011 at 16:00

“A que idade gateou?”, “Que alimento non lle gusta?”, “Con quen dorme?”…, e así un longo repertorio de preguntas configuran moitos dos cuestionarios cos que recibimos ás familias nos primeiros días de escolarización dos seus fillos/as.

Fai case vinte anos, nun curso de formación sobre avaliación en infantil, escoitámoslle dicir a un conferenciante que a meirande parte da información obtida na entrevista inicial non a empregábamos para nada. A nós, naquel momento no que acabábamos de poñer en funcionamento estes instrumentos de recollida –tras sesudos debates arredor do que incluír ou non-, pareceunos unha falta de respecto a nosa profesionalidade e rigorosidade. A día de hoxe, non temos máis que admitir a absoluta verdade que encerraba aquela afirmación.

No artigo 21 da orde pola que se regula a avaliación en infantil dise que cando o alumnado se incorpore ao 2º ciclo de EI, as persoas titoras realizarán unha avaliación inicial de cada un que recollerá os datos máis destacados do seu proceso de desenvolvemento, terá en conta datos relevantes achegados pola información das familias na entrevista inicial e, se é o caso, informes médicos, psicolóxicos, pedagóxicos e sociais. Esta información completarase coa obtida trala observación directa durante o período de adaptación. A orde deixa ao criterio do equipo educativo as decisións relativas ao tipo de información así como as técnicas e instrumentos, tanto de recollida como de consignación da mesma.

Titulamos esta entrada “Entrevista inicial coas familias” que difire bastante de “Entrevista inicial ás familias” –como se emprega na citada orde de avaliación e como se usa habitualmente-; facémolo intencionadamente porque entendemos que ese primeiro contacto ten que cumprir un dobre obxectivo:

1º que as familias teñan ocasión de coñecer e conversar coa persoa que se vai responsabilizar da educación do seu fillo/a

2º que nos trasladen a información que precisamos no comezo cando aínda non coñecemos ás criaturas e os seus antecedentes sanitarios, motóricos, lingüísticos, sociais, etc.

Esta entrevista pódese desenvolver de varias maneiras, pero lendo diante deles con mirada reprobadora o cuestionario que cubriron na casa -con maior ou menor pericia, con máis ou menos discurso, con moita ou pouca veracidade-, axuda pouco a crear ese clima distendido e cordial que se precisa. Parece máis ben un momento de tensión para os proxenitores. Outra forma sería que, como boas observadoras que somos e adestradas entrevistadoras, conduzamos unha conversa na que a familia se senta acollida, na que teña ocasión de expresar as súas inquedanzas e expectativas sobre este período que inician, na que charlemos sobre estes aspectos relevantes do seu fillo/a, escolmando o primordial do superfluo e recollendo as súas dúbidas que logo poden ser expostas con carácter xeral na reunión grupal que manteñamos con todas as familias.

A experiencia indícanos que a meirande parte da información obtida nos cuestionarios, ao pouco comprobamos que non se axusta á realidade (por exemplo, vístese e desvístese só/soa? Si, e no segundo día vemos que non sabe abotoarse).

O sentido común, tamén nos fai ver que a información recollida neses cuestionarios exhaustivos, non vai máis lonxe de aí, dado que non parece pertinente consignala na avaliación inicial (XADE) que pasará a integrar o expediente persoal do alumno/a para toda a súa vida escolar.

A economía de esforzo fainos entender que bastantes aspectos burocráticos temos nos centros educativos como para burocratizar o que non ten que ser burocratizado: as relacións coas familias.

Polo tanto, e como conclusión, non desaproveitemos esa primeira ocasión e manteñamos unha entrevista coas familias, non lle fagamos unha entrevista ás familias.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: