En 1943, Jacques Prèvert escribiu este poema dedicado a Elsa Henríquez para unha das súas exposicións. Foi ilustrado por primeira vez en 1953 con 23 debuxos desta artista.
Agora a Factoría K de Libros, deléitanos coa edición en galego de “Para facer o retrato dun paxaro” con ilustracións de Mordicai Gerstein.
Un libro que mercamos pola súa beleza, tanto das imaxes coma do texto, malia que un pouco temerosas de que os nenos e nenas non o souberan entender. Comeza de forma atípica con catro ilustracións antes da páxina de créditos –que nos sitúan, de seu xa contextualizan a historia-, e logo aparece a narración baseada neste poema surrealista.
Pintar primeiro unha gaiola cunha porta aberta. Despois pintar algo agradable, algo sinxelo, algo fermoso, algo útil para o paxaro. Logo apoiar o lenzo contra unha árbore nun xardín, ou nun parque, ou nun bosque. Agocharse tras dá árbore Sen dicir nada, sen se mover. (…) Se o paxaro non canta é mala sinal, sinal de que o cadro é malo. (…)Non podemos máis que convidarvos a lelo, porque é incrible como cativa a atención dos nenos e como estes entenden a mensaxe do cadro.
Axudámoslle a imaxinar como podería ser o paxaro, e como cantaría con este vídeo.