Empezo a estar un pouco farta de oír falar da conciliación e da socialización de comenencia e de pacotilla. Porque vexamos, que é a conciliación da vida familiar-laboral-social-comercial: darlle a posibilidade ás familias de pasar máis tempo cos seus fillos e fillas, ou sacárllelos de riba sexa como sexa. Nunca me gustou esta falacia, pero cada vez menos. Agora nos centros comerciais teñen un recuncho para deixar aparcados os cativos e así os pais e nais poder mercar mellor; nos mercadillos dos sábados se fas unha compra superior a X€ estacionas as criaturas gratuitamente nun garito con piscinas de pelotas; nestas datas, xa poñen garderías nas praias para que os pais poidan descansar tranquilamente nos chiringuitos mentres os nenos están vixiados e “socializándose”; hai concellos que ofrecen un servizo de gardería para os venres/sábados pola noite, e así outras moitas ocorrencias conciliadoras.
Pero somos parvos/as ou que? Iso é conciliación da vida familiar ou promoción comercial? Chamémoslle ás cosas polo seu nome, do contrario desvirtuamos as intencións iniciais.
Conciliación da vida familiar e laboral é poñer as condicións para que os pais ou nais poidan ocuparse persoalmente da crianza dos seus fillos/as, nomeadamente nos primeiros anos da súa vida, ofrecendo para iso subvencións estatais, garantías de non perder o emprego, axudas para escolarizar aos pequenos; posibilidades de ausentarse do traballo cando hai que levar as criaturas ao médico, etc, etc. O resto é conciliación dun país de titiriteiros, nada que ver co que é a conciliación nos países avanzados nas prestacións sociais e atención á infancia, por exemplo os nórdicos.
O peor de toda esa “conciliación” de escaparate, é que os pais e nais deixan os seus retoños tan alegremente nas mans de calquera. Aos docentes das escolas téñennos debaixo dunha lupa de 4000 aumentos, vennos todos os defectos, perdes a súa confianza se extravías a lazada do pelo da nena, e sen embargo neses furanchos infantís, nin se lles pasa pola cabeza que o alegre pallaso pode ser un pederasta ou un dexenerado, ou que habilitación profesional ten para facerse cargo de 40 nenos e nenas de entre 2-10 anos. Mesmo os/as profesionais da animación coincidirán comigo en que hai moito intrusismo e irresponsabilidade nese campo.
Recentemente lemos un informe da Fundación Luis Vives no que se recolle que o 80% dos traballadores/as con fillos demandan máis medidas de conciliación laboral e familiar, constatando ademais que iso repercutirá en que sexan máis sans e máis felices. Para saber cales son as medidas que solicitan, tamén cómpre ler un estudo publicado no 2008 polo Ministerio de Igualdade, “Conciliación de la vida laboral y familiar en mujeres que trabajan con TIC: un análisis psicosocial y cultural de las estrategias desplegadas”, no que dedican o seu capítulo segundo a analizar que se entende por conciliación tanto en España coma en Europa.
Tamén podemos ler decálogos de estratexias comerciais, pero creo que non era diso do que estábamos a falar, non?
Non podo estar máis de acordo coas túas verbas.
Síntome na obriga de compartir este artigo.
Nada nos agrada máis ca saber que as nosas reflexións contan coa vosa consideración e que as compartades é un xesto que aínda nos comprace máis. Grazas