A nosa achega á educación infantil

A felicidade na escola

In EmocionArte on 25/04/2011 at 21:01

Lin coma quen toma un xarope o último éxito de vendas en Francia “No me iré sin decirte adónde voy”, consciente desde o primeiro momento de que se trataría do que logo resultou ser: un manual de desenvolvemento persoal disfrazado de novela. Cando vexo un libro nos escaparates das librerías coa cartela de 1 millón de exemplares vendidos, non me podo resistir. Creo que ten que ver con que non me considero posuidora da verdade, porén un millón de persoas non poden estar equivocadas. Un día deberíamos dedicar unha reflexión a por que estes libros se converten en bestsellers, que é o que buscamos os lectores?, qué é o que nos atrae da súa reseña?, e sobre todo, por que llelo recomendamos a outros lectores?

O fío do libro é o de facernos ver que  todos podemos ser aquilo que nos propoñamos, por inverosímil que poida parecer, se enfilamos debidamente os  nosos esforzos cara un obxectivo claro; e tamén que a meirande parte das veces, nós mesmos somos o noso peor inimigo, somos quen poñemos trabas, barreiras e cancelas as nosas posibilidades de mellora persoal. Coma sempre, a autoestima con algo máis.

Agora leo en varios blogs a reseña dunha conferencia impartida por Emilio Duró para a Cámara de Comercio da Coruña no 2010 que leva por título “O coeficiente de optimismo”. Fai catro anos tiven ocasión de escoitar a este conferenciante ao longo dun día nunha actividade de formación de máis de trescentas horas cuxo denominador común era a mellora da calidade da administración pública. Xa vos podedes imaxinar, Emilio Duró é á única persoa que recordamos de todos aqueles expertos en distintos ámbitos do servizo á cidadanía do funcionariado. Lémbrome del porque non me deixou indiferente, malia que a día de hoxe aínda non sei se me gustou ou non. Sei que recordou a eses showman ou telepredicadores americanos que comezan a súa intervención cun chiscadelo ao público e cunha actitude entre descarada, sarcástica e sincera manteñen a nosa atención ao longo do seu discurso. O tema central era facernos entender que só nós podemos cambiar as nosas condicións, que todos temos un coeficiente de optimismo que debemos explotar e cultivar para vivir mellor; moi na liña da súa recomendación “El secreto“. Non sei ben o peso que lle podería atribuír a esas achegas porque o seu valor non radica no descubrimento que nos fan senón na utilización de puntos comúns ou elementos recorrentes ben enganchados e bendicidos cunha acertada posta en escena.

O psicólogo Javier Urra, vén de publicar “¿Qué se le puede pedir a la vida?”, no que condensa os pasos a seguir para acadar a felicidade, entendendo que esta é froito dunha dobre decisión: a de responsabilizarse do que acontece e a de tomar unha actitude positiva. Está sendo un dos éxitos de todas as feiras do libro.

Agora a procura da felicidade está no seu momento álxido. Todos e todas queremos ser felices e non o conseguimos. A felicidade é un mito na sociedade actual; todo o mundo quere ser feliz, sendo este un termo bastante polisémico que cadaquén entende á súa maneira, hai quen fai que pivote sobre aspectos materiais, sobre o éxito laboral ou sobre o ámbito afectivo emocional. Sabemos que non depende das cuestións materiais das que carecemos, senón da capacidade que teñamos de satisfacernos co que posuímos. Pero, esta nova “relixión” na que se rende culto a un mesmo/a entraña os mesmos riscos que as outras: fanatismo, cegueira de pensamento, e, igualmente, pode provocar grandes frustracións. Se me din que de min depende a miña prosperidade, a miña felicidade, se me envían mensaxes como só ti podes cambiarte, non esperes dos demais o que tes que facer por ti mesmo…, quere dicir que no caso de que  non consiga o éxito, será pola mala utilización dos meus recursos “de serie”. E isto non é tan simple, por suposto que depende dun mesmo/a, pero “os outros” tamén importan.

Como corolario do anterior, dicir que nos fixo pensar bastante en como inculcarlle ao alumnado a capacidade de fomentar o seu propio benestar, aproveitando o seu coeficiente de optimismo ao tempo que cooperan na procura da felicidade allea. Nestas idades, cremos, só hai unha maneira de facelo: co exemplo. Emporiso, preguntámonos, a felicidade dos nenos e das nenas é un tema central dos debates educativos?, contémplase nalgún dos documentos programáticos do centro?, podemos afirmar que as nosas actuacións se rexen pola procura da felicidade das criaturas?

Para reflexionar e para debater no claustro ou no Consello Escolar, malia que haberá quen diga que iso é unha parvada e que non está no currículo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: