A nosa achega á educación infantil

Premios, premios, premios

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:04

No que vai de semana levamos cinco entradas referidas a premios dirixidos ao profesorado; aínda quedan moitos por saír, entre eles os “Marta Mata” ou os dos materiais dixitais do ITE –estamos a falar dos “grandes” logo hai una morea de premios, mesmo os poderíamos clasificar de primeira, de segunda e de segunda rexional …; uns dirixidos ao profesorado, outros a centros;  uns a experiencias realizadas e outros a proxectos do que se fará; uns con certificación con equiparación e outros sen ela;  uns con grandes dotacións económicas e outros nos que se participa polo recoñecemento; uns finanzados por institucións e organismos en colaboración coa administración educativa e outros independentes…, hai de todo. Cando vemos as distintas convocatorias sempre nos fixamos nalgunhas pistas, entre elas:

1º O estilo de redacción, a terminoloxía pedagóxica empregada e os temas priorizados. Hai convocatorias que ano tras ano saen igual, tan só se lle modifican as datas e volta a poñelas en circulación. Isto xa pode ser unha pista moi clara, malamente poden falar de innovación e mellora cando isto sucede. Non hai convocatoria perfecta, non hai unha que non precise un axuste cada ano, ben polos erros detectados á hora da súa aplicación, dos problemas que xorden por determinados termos, etc.

2º A adecuación á realidade; hai convocatorias que a día de hoxe teñen como requisito que as experiencias que se presenten non foran publicadas en Internet. Alguén nos podería dicir cal é a experiencia innovadora realizada nunha aula ou nun centro que non fora reseñada nun blog de aula, na web de centro… Entendemos o que é a orixinalidade e non comercialización, pero entón será preciso que na convocatoria se diga con claridade que non fora publicada a memoria, resumo ou reseña que agora se pretende presentar.

3º Se están dirixidos ao profesorado ou ao centro educativo. Dependerá do que pretenda finalmente a convocatoria. Cando teñen interese por prácticas, experiencias ou materiais innovadores –no formato que sexa- o normal é que se dirixan ao profesorado; agora ben, cando se queren modificar as dinámicas dos centros, deben dirixirse a o colectivo que integra o mesmo, nestes casos a motivación dos centros pode ir desde conseguir entrar nun grupo de escollidos, dotación económica ou recoñecemento; ao tempo, nestas convocatorias non se debería esquecer que detrás de calquera iniciativa global sempre hai unha persoa ou pequeno grupo que lidera esas actuacións, e ás que tamén deben obter algún “beneficio” –económico ou méritos- se pretenden que sexan prácticas que se consoliden.

4º Os criterios e comisión de selección de premiados. Puidera parecer que isto non ten importancia pero en función das crenzas sobre educación que teñen a as persoas que integran o xurado, pode salientarse ou desbotarse un traballo meritorio ou mediocre. Isto é a pedra angular da selección de experiencias de innovación educativa: a capacidade ou visión innovadora que teñan os membros do xurado. Lamentablemente hai que dicir que hai comisións que son unha rémora para a innovación; non se explica doutro xeito que resulten seleccionadas prácticas incoherentes coa filosofía e principios dos currículos educativos. E no caso de infantil é flagrante. Con que teñan imaxes infantilizadas, con voces infantilizadas, con planteamentos puerís, e se aparece unha mascota –parva, máis das veces- e as vogais ou as cores, os números, emparellados ou crebacabezas, xa ten todas as papeletas para ser obxecto de premio. Outras veces parece que prima o snobismo ou exotismo da actuación en cuestión. En poucas, moi poucas ocasións se seleccionan polo sentido común –un xurado sempre debe afondar ou mirar un pouco máis alá e preguntarse o valor pedagóxico real da actividade.  Ás veces vemos algúns dos premiados e cremos que serían obxecto de reclamación; pero a quen reclamarlle? Cando unha administración –nomeadamente as educativas- salienta unha experiencia, está poñéndolle a etiqueta “exemplo” para todos os demais –docentes, familias, alumnado-, non sei se serán conscientes diso, pois do contrario hai casos que non se comprenden, ni se pode entender que sexan seleccionados pola mesma administración que dita as directrices curriculares e organizativas.

5º Os requirimentos técnicos do material. Hai veces que na convocatoria se poñen tantas condicións técnicas que só catro “avanzados” poden cumprir; co agravante de que de seguro que eses “avanzados” non son os que realizan as mellores experiencias, pero como as saben empaquetar, indexar, aplicarlle os estándares LOM ou de accesibilidade, eles serán os que acaden os premios.  Para facer iso, é mellor que os promotores lle contrataran o produto a unha empresa especializada e que non convocaran premios para o profesorado.

6º As canles de difusión que empregarán para dar a coñecer os materiais ou experiencias premiadas. Que un traballo sexa premiado non é unha fin en si mesma. Cando se convoca un certame é para saber do mellor que se fai nun determinado campo, para espallalo, para dalo a coñecer, para difundilo, para que sexa imitado, copiado, adaptado… Por iso, receo moito daquelas convocatorias nas que non se di que é o que se fará cos materiais premiados.

Isto e algunha cousa máis é o que miramos cando lemos unha convocatoria de premios.  Polo que volveríamos a recomendarlle ás persoas responsables das convocatorias de premios a lectura do Informe do Grupo de traballo PREAL do que falamos unhas entradas atrás.

Agora non queda máis que animarvos a presentar aquilo que sinceramente  consideredes pode ser de utilidade para outros como exemplo de boas prácticas. Que a sorte vos acompañe e que a responsabilidade ilumine aos xurados.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: