A nosa achega á educación infantil

Premios a contidos educativos

In PremiArte on 09/03/2011 at 09:02

Onte publicouse no portal educativo o borrador da convocatoria de axudas ás empresas para potenciar e produción e publicación de materiais educativos e de premios ao profesorado de centros públicos para o desenvolvemento de novos contidos educativos. Unha vez saia no DOG disporán de 1 mes para as subvencións e de 3 meses para os premios.

Malia que os contidos que se promoven están dirixidos ao 3º ciclo de EP e a 1º e 2º curso da ESO, quixemos analizar polo miúdo esta convocatoria porque non nos parece un asunto baladí, e pode ter moitas máis implicacións das que puidera parecer cunha primeira mirada superficial.

Estamos a falar dunha convocatoria de 1.200.000 €, que se dirixe prioritariamente ao tecido empresarial galego das TIC –nun momento no que o último informe das empresas TIC apuntan ao campo dos contidos dixitais como un “nicho” emerxente -e que reverterá finalmente nos centros educativos.

Estas iniciativas de traballo conxunto de dúas administracións públicas por un obxectivo común son do máis loables, porén, precisan dunha grande atención. Non se trata de que as empresas produtoras de contidos dixitais fagan tan só o que se pode etiquetar de educativo –primando xeralmente o técnico sobre o pedagóxico- senón de aproveitar debidamente estas actuacións que sexan saudables para todos os implicados e afectados.

Vamos por partes:

1º Establécese que se subvencionarán/premiarán contidos referidos a obxectos de aprendizaxe encadeados organizados en secuencias didácticas dirixidas ao 3º ciclo de EP e 1º ciclo da ESO (entendemos que se refiren ao 1º e 2 curso segundo a estrutura LOE en vigor). Ao tempo, promoverán a innovación metodolóxica e o enfoque plurilingüe na educación. Canto ao da innovación metodolóxica, ben sabemos que non é doado conseguila tan só a través dos materiais pois está máis relacionada con outros aspectos tales como o estilo docente. Canto ao de obxectos encadeados, podemos intuír ao que se refiren, pero poida que para o uso nas aulas fora  máis interesante que ofreceran recursos para apoio do docente, a modo de pequenas pílulas que complementen a súa exposición, sen condicionar totalmente a súa actuación. Quen lidera o acto educativo é o/a docente, non os materiais, quen converte un material en educativo é a acción dun docente, non a máquina.

2º Analizados os requisitos e criterios de valoración dos contidos atopamos os seguintes: adecuación á convocatoria (0-6p); valor pedagóxico (0-18p); volume de contidos (0-8p); innovación no uso das TIC (0-12p); gradación de aprendizaxes (0-9p); capacidade de motivación (0-16p); mecanismos de avaliación (0-12); transferibilidade (0-9p); usabilidade (0-10p).

a)     A adecuación curricular vai máis aló do tratamento de contidos contemplados nos currículos –nos que está case todo-, a adecuación curricular tamén se refire, á coherencia cos principios e filosofía dos currículos educativos, promover a autonomía, o aprender a aprender, a aprendizaxe significativa, etc.

b)    Non se establece a distribución deses rangos de puntuación; adxudicar un O ou 18 puntos pode ser relativamente doado, pero diferenciar que material se lle dan 12 ou 15 puntos xa non o é tanto, máxime cando se está a falar dun xurado ou comisión integrado por membros con distintos perfís profesionais, coa dificultade que entrañará a calibración das súas valoracións. Por outra banda, se alguén acadara O puntos nalgún deses apartados, debería ser motivo de exclusión, pois pola contra, podería darse a incoherencia de que un material con O valor pedagóxico, con altas puntuacións noutros apartados máis técnicos, recibira subvención.

c)     Aplícanse os mesmos criterios ás empresas que ao profesorado. Non sabemos ata que punto o xurado variará a súa visión, pois hai certos aspectos nos que nunha modalidade as empresas serán máis “expertas” e na outra serao o profesorado. Ás veces cando se valora o mesmo nas producións do profesorado ca nas das empresas, acaban resultando experiencias docentes máis salientables polo seu “frikismo” tecnolóxico que pola innovación didáctica. É un risco a evitar.

Estamos moi interesadas en que a produción de contidos educativos dixitais sexa un campo salientable na innovación empresarial en Galicia, tanto por estas empresas como por nós mesmas como usuarias ou mediadoras entre eses contidos e o alumnado, pero cremos que desde os primeiros momentos hai que diferenciar adecuadamente o que é válido educativamente falando do que pode ser lucimento tecnolóxico (para iso ilustramos esta entrada con esta imaxe). E para rematar, suxeriríamos que os técnicos/as que elaboren eses materiais se esquezan das consabidas e rancias mascotas infantilizadas que tanto abundan nese tipo de traballos. É relativamente doado, chequear un material cos seus futuros usuarios, e os rapaces adoitan ser bastante obxectivos.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: