A nosa achega á educación infantil

Análise da calidade da educación infantil

In ActualizArte on 03/03/2011 at 20:00

O Instituto Nacional para la Evaluación de la Educación de México vén de presentar o informe “La educación preescolar en México. Condiciones para la enseñanza y el aprendizaje”, unha radiografía educativa que xa nos gustaría ter en España; recordemos que a última mención do Instituto de Evaluación do Ministerio de Educación á educación infantil é o Estudio Piloto do 2007, do que nunca máis se soubo.

Vamos entrar polo miúdo no estudo mexicano porque nos sorprendeu  pola súa rigorosidade e polos indicadores de calidade da educación infantil analizados –os lóxicos, pero nos que ningunha administración educativa entra; sempre prefiren aspectos cuantitativos maquillados ca os cualitativos. Poida que haxa un abismo entre México e España –por pór un exemplo, atenden á existencia de auga potable en todos os centros infantís; pero salvando as diferenzas, é unha análise da que temos moito que aprender.

O obxectivo principal do estudo foi identificar as condicións nas que se prestan os servizos á infancia en México e as diferenzas que existen de acordo coa modalidade educativa e o nivel socioeconómico da poboación. Organizase en trece apartados, cada un deles parte da comprobación de dúas hipóteses, danse os datos obxectivos e tíranse conclusións. Estes son:

1ºRecursos económicos para a financiación das escolas públicas, contribucións e achegas das familias.

2ºInfraestrutura educativa para o benestar e desenvolvemento das competencias dos nenos/as. Refírese aos espazos e servizos que permiten a realización das tarefas educativas: o ambiente físico, a existencia de sala de usos múltiples, áreas verdes, praza pública, patio ou canchas deportivas, chapoteadeiro, areeiro e área de xogo. Infraestruturas sanitarias, condicións para a seguridade, peche perimetral, control de accesos. Suficiencia de espazo por neno/aula -toman como referencia as da National Association for the Education of Young Children, 3,25m2 /alumno, xa que NAEYC a considera que por debaixo diso a carencia de espazo ten efectos nocivos. Ambiente físico da aula: infraestrutura, mobiliario, contorno, temperatura, ventilación, iluminación, comodidade e flexibilidade do mobiliario, ou condicións auditivas.

3º Aulas equipadas con materiais variados e accesibles. A dispoñibilidade, variedade e suficiencia de material educativo evidencia oportunidades na aprendizaxe. Analizan por exemplo a existencia dos que permitan o achegamento á cultura escrita, tanto literarios coma informativos; de materiais para a dramatización, música, actividades físicas, para a construción e nocións matemáticas, para a observación e experimentación. Comproban, así mesmo as fontes de finanzamento dos materiais educativos nas aulas.

4º Composición de grupo adecuada para a atención das necesidades individuais e colectivas dos nenos/as. Grupos reducidos, a NAEYC, sinala que en idades de 4-5 anos non debería haber máis de 10 criaturas por cada docente. E grupos multigrado, as vantaxes educativas da mistura de nenos de distintas idades.

5º Espazos e persoal docente capacitado para atender a nenos/as con n.e.e., adecuación da infraestrutura para a accesibilidade dos nenos con discapacidades motóricas. Crenzas docentes con respecto á atención de nenos con n.e.e., e a súa formación.

6º Condicións contractuais para o traballo docente: tipo de contratación, salario e cercanía ao lugar de traballo.

7º Capacitación e experiencia docente. En infantil destácase que a capacidade dos docentes para identificar e dar resposta ás necesidades do alumnado é unha compoñente crítica da calidade educativa; polo que analizan tanto os estudos dos docentes como os anos de experiencia laboral.

8º Docentes con crenzas consoantes coas orientacións curriculares. As crenzas dos docentes permiten entender a natureza das súas accións, estando fortemente relacionadas coas características das súas prácticas de ensino/aprendizaxe, e inflúen nas súas percepcións e xuízos, ademais de afectar ao seu comportamento dentro da aula. Refírense ás crenzas sobre: a orientación para a planificación do traballo docente, orientacións para o ensino e orientación para a avaliación.

9º Oportunidades para a aprendizaxe e desenvolvemento profesional dos docentes: participación en cursos de actualización, discusión e análise da práctica docente en colectivos escolares, estudo de materiais educativos, asistencia a centros de profesorado.

10º Dirección de centros escolares con capacidade e experiencia. A labor que realizan os directores é crucial para a consecución de resultados educativos, a construción de comunidades de aprendizaxe e para a provisión de servizos de calidade.

11º Duración e distribución da xornada escolar adecuada ás necesidades dos nenos, das súas familias e a sociedade. Analizan o tempo que se dedica diariamente ás actividades rutineiras.

12º Interaccións estables e seguras entre docentes  e nenos/as. Estabilidade docente, manexo de situacións conflitivas.

13º Oportunidades para que os nenos traballen de maneira individual e en pequenos grupos.

Nun apartado final, anterior aos anexos con datos, recollen unha serie de conclusións para a determinación de políticas educativas. Sorprende unha chamada de atención que se fai á inconsistencia palpable entre normativa, construcións, currículo, infraestruturas e dotación dos centros.

Desde logo é un informe valente. Unha mirada necesaria para a mellora.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: