A nosa achega á educación infantil

A bondade e a maldade humana

In ActualizArte on 01/03/2011 at 00:00

Veño de facer dúas lecturas que me deixaron imposibilitada por varios meses para impresionarme con outros libros. Chegáronme recomendados por dúas vías diferentes. En ambos casos insistiron moito en que os lera. Vaia por diante o meu agradecemento, porque son deses libros nos que aínda una semana despois de rematalos andas a matinar neles.

Se os traio a este blogue é polos vínculos ou alusións que se fan ao eido educativo. Dan para moito reflexionar. Para moito  meditar nas leis de convivencia, de antiviolencia ou do que sexan. Dan para pensar sobre o papel da educación, da sociedade, da herdanza, da xenética, do ambiente, das ideoloxías, e sobre os distintos códigos morais dos grupos,  “tribos” e familias.

O primeiro deles que lin foi “Nada”. Un libro controvertido, censurado e prohibido; tan criticado e cuestionado coma premiado e recoñecido. A editora encargoulle á autora danesa Janne Teller una obra dirixida a adolescentes, e se ben nun primeiro momento quixo rexeitar o ofrecemento, una hora despois barruntaba na súa cabeza una voz que dicía “Nada importa. Fai moito que o sei. Así que non paga a pena facer nada. Iso acabo de descubrilo.” E daí alumbrou a novela. Para aproveitalo ben é preciso poñerse na pel dun ou dunha adolescente.  O punto de arranque, cando o mozo Pierre Anthon, abandona o instituto e se reclúe nunha árbore, fíxonos pensar no “Barón Rampante” de Italo Calvino, polo acto de rebeldía, pero logo os seus pensamentos filosóficos recordáronnos a Martina de “Deseo de ser punk” de Belén Gopegui; máis adiante, cando entra na espiral e escalada de violencia, a aquel lonxano “Señor de las moscas”. Pero é totalmente distinto de todos eles. Os alumnos e alumnas dunha aula de sétimo curso  tratan de amosarlle ao seu nihilista compañeiro que a vida ten sentido, polo que inician una procura do significado, do que para cada un deles ten importancia. Son todos distintos, son diferentes os seus antecedentes e situación familiares, as súas crenzas, as súas afeccións, os seus medos…, hai un retrato social moi sutil ao tempo que se narra como xorden os fundamentalismos. Pouco a pouco os acontecementos van virando, parece que xa non importa tanto o “significado” como o afán de ferir ao outro. Todo se podería esquecer cando aparecen os cartos polo medio –aquí cabería deterse nos discursos da arte contemporánea-, ata os seus pais e os seus concidadáns poderían olvidar o que fixeron, se non fora pola mordaz e incordiante voz de Pierre Anthon que lles pregunta decote polo “significado”.  Unha metáfora da vida e dos seus ideais. Non é una lectura grata, pero si necesaria.

Malia que poida haber mentes coitadas que pensen que non é aconsellable, abofé, creo que ben guiado, debería ser de lectura obrigatoria no ensino secundario. Cando menos, ben se podería empregar en clubs de lectura dos institutos. Sen descartar, por suposto, como lectura adulta.

A segunda lectura foi “La cena” do holandés  Herman Koch, un libro extraordinario. Deses que se ven poucos cada catro lustros. Historia orixinal pero moi crible, porque está inspirada nun suceso que aconteceu en Barcelona hai poucos anos, cando dous adolescentes queimaron a unha indixente nun caixeiro automático. Cada unha das páxinas mantenos en vilo, porque o autor moi habilmente vai liberando información que nos fai mudar continuamente a nosa opinión e posición. Comeza describíndose como persoas felices que manteñen unha convivencia feliz; cando remata di o mesmo, pero o lector de seguro que xa non ten moi claro o prezo que teñen que pagar por ser felices á súa maneira, pasando moi por enriba de todos os códigos e normas sociais. Está maxistralmente ambientada nun deses restaurantes “de culto” de cociña de autor, con cartas interminables que aluden ata o último ingrediente e máis á súa denominación de orixe, poida que como forma de ocultar a mediocridade dos pratos. A acción estrutúrase ao ritmo da comanda: aperitivo, entrantes, segundo, sobremesas, dixestivo e propina, e ten o mesmo peso que cada un deses elementos na cea como acto social. O racismo, a xenofobia, a irascibilidade e violencia, os trastornos psicolóxicos, a determinación xenética, a permisividade paternal… son algunhas das claves que nos axudarán a perfilar a cada un dos personaxes e que nos farán preguntarnos ata onde pode chegar o amor dos pais polos fillos.

Por certo, o pai no libro tamén é/era profesor de instituto, retirado “temporalmente” por sufrir un trastorno debido a que está queimado. Outra cuestión a tratar: que inflúe máis, a vida persoal na profesional ou a profesional na persoal?

Un libro dos que non se esquecen facilmente.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: