Imaxe de Gary Carlson.
Dun tempo a esta parte non hai blog de opinión que se prece que non amose a súa postura canto á tese de Nicholas Carr arredor de que Internet nos fai menos intelixentes, exposta en primeiro lugar no artigo “¿Google nos vuelve estúpidos?” e ampliada no libro “Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestras mentes?”. Si se introduce en Google a pregunta, de inmediato aparecen centos de resultados, mesmo con investigacións que avalan aos defensores ou aos detractores de Carr.
A parte da curiosidade persoal que poidamos ter por ser usuarias da rede, o motivo polo que seguimos dándolle voltas é polos efectos que poida ter no alumnado, máxime cando por unha banda se nos presiona para introducir nas aulas o uso de aparellos tecnolóxicos e por outra se nos fala da perda de concentración que estas supoñen na realización das tarefas instrumentais. A fin de contas, nós, somos persoas que vimos doutra cultura, entón faranos tontos/as en función da capacidade e propensión que teñamos para ser tontos ou tontas. Isto é unha banalización, pero en resume, e acordes co símil que establece Carr, moverémonos en augas superficiais ou en augas profundas segundo sexamos destros nadando, mergullándonos, flotando ou só salpicándonos coa información presente na rede.
Emporiso, gustounos o artigo de Daniel Innerarity, “Complejidad, formación, creatividad”, publicado en Cuadernos de Pedagogía nº 409, no que expón que o saber máis valioso hoxe é saber o que non se necesita saber. A sociedade do coñecemento comporta novas dificultades, competencias e esixencias. É tal o contraste entre o que sabemos co que se pode/debe saber que cumpriría chamala “sociedade do descoñecemento”.
Non podemos procesar toda a información que nos chega. Na actualidade estar ben formado significa ter desenvolvido unha habilidade especial para aniquilar información -a fast food do pensamento-, sabendo enviala á papeleira e esquecéndoa.