Con este suxestivo título abre Silvia Palou o monográfico que Aula de Infantil nº 59 dedica aos debates que tiveron lugar nas X Xornadas de Innovación Educativa en Educación Infantil, organizadas polo ICE da UAB.
Comeza facendo unha alusión á afirmación de Maturana “Somos animais mamíferos que dependemos do amor”, a partir de aí vai debullando como a educación en xeral, e nos primeiros anos de vida en especial, non pode darse sen este concepto tan difícil de definir, pero imprescindible para a nosa supervivencia. Reflexiona que para o cal necesitamos:
-Confiar na forza da vida a partir do amor.
-Recuperar un tempo humanamente posible para a evolución; tempo para xogar co mundo, cun mesmo e cos demais, sen esperar un rendemento, un obxectivo ou un resultado previsto.
-Facer do espazo da escola un lugar habitable onde poder desenvolver todas as capacidades e necesidades de relación, de curiosidade e creatividade.
-Propiciar unha atmosfera que posibilite unha mirada do mundo complexa na que sintamos que todos estamos conectados e que respiramos o mesmo ar.
-Estar na escola cunha presenza humana e profesional que nos permita ir encontrando o noso sitio.
O seguinte artigo da revista “Educar con amor” recolle o diálogo mantido por Carmen Díez Navarro e Vicenc Arnaiz, entre outros, arredor de como conciliar o biolóxico e o emocional.