A nosa achega á educación infantil

Polo sumidoiro

In ActualizArte on 14/02/2011 at 14:00

Acabamos de ler unha novela que nos fixo pensar moito na mal entendida atención á diversidade. Trátase de “La mujer que buceó dentro del corazón del mundo”, de Sabina Berman en Destino. Narrado en primeira persoa, cóntanos como superando as limitacións que o seu autismo lle provoca e exprimindo ao máximo as vantaxes que lle dá, Karen Nieto pasa de ser unha nena salvaxe, incapaz de falar, a converterse na magnate máis importante no mundo do sector atuneiro.

Se nun primeiro momento a súa deprivación social na infancia nos fai pensar no eterno debate entre o determinismo biolóxico ou o ambiental, -teses racionalistas ou empiristas-, sobre se as “taras” que presenta, son causa ou consecuencia do seu abandono na infancia; posteriormente prestámoslle especial atención ao proceso de adquisición da fala –á súa incapacidade para entender metáforas ou eufemismos-, ao seu ingreso na escola e a visión que nos dá dunha aula, supoñemos que, de educación especial. Xa na universidade, como táctica de supervivencia cólgase unha etiqueta amarela na que di “capacidades diferentes”, alí sométena a probas psicométricas, que dan como resultado que no 90% das medidas standard de intelixencia está entre a imbecilidade e a idiotez, pero no 10% está no pico da poboación. Á vista destes resultados demoledores, a súa tía e mentora decide que se esquecerán do 90% vermello das súas incapacidades e apostarán ao 10% azul das súas capacidades sobresaíntes, enviando polo sumidoiro aquilo que a estigmatiza para tan só aproveitar o que se pode potenciar.

Gustounos a proposta de botar polo sumidoiro aquilo que nos lastra. Toda unha aposta pola diferenza.

A máis das vinculacións que nos lle atopamos coa educación, desde o punto de vista literario é altamente recomendable; vén a recordarnos aquela outra de Mark Haddon, “El curioso incidente del perro a medianoche”, contado, tamén en primeira persoa por un mozo de 15 anos con un síndrome de espectro autista.

Na mesma liña, o pasado sábado, asistimos na biblioteca Ánxel Casal, á presentación de “Para que la sombra no sea” do coruñés Luís Rodríguez Cao, novela arredor da incomprensión que sofren os rapaces con altas capacidades intelectuais e recordamos que na última prospección sobre tendencias en literatura realizada por Scholastic, destacan como un sector en alza os libros protagonizados por persoas con necesidades especiais. Poida que sexa necesario ler e aprender moito sobre as persoas con capacidades diferentes, sobre como os vemos e como eles nos ven aos outros; quen é diferente de quen?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: