A nosa achega á educación infantil

Os sete saberes necesarios para o futuro

In ActualizArte on 09/12/2010 at 15:11

Lemos que no Foro 2010 que se celebra en Compostela nestes días, contarase coa presenza do filósofo francés Edgar Morin, quen para nós é un referente porque entre outras moitas achegas, Morin postulou cambios concretos no sistema educativo desde a etapa primaria ata a Universidade tales como: a non fragmentación dos saberes, a reflexión sobre o que se ensina, e a elaboración dun paradigma de relación circular entre as partes e o todo, o simple e o complexo. Avogou polo que el chamou “dezmo epistemolóxico”, segundo o cal as universidades deberían dedicar o dez por cento dos seus orzamentos a finanzar a reflexión sobre o valor e a pertinencia do que ensinan.

En 1999 no marco do proxecto transdisciplinario “Educación para un futuro sostenible”, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), solicitoulle a Morin que expresara as súas ideas arredor do que consideraba clave para a educación do futuro, para o que el redactou  sete principios clave, todos eles no contexto da súa visión do “pensamento complexo”. Estes son:

1. Unha educación que cure a cegueira do coñecemento. O coñecemento humano é fráxil e está exposto aos erros de percepción, ás influencias distorsionadoras dos afectos, aos conformismos, etc. Porén, a educación do futuro deberá ter en conta esa posibilidade fornecendo ao alumnado da capacidade de asumir e corrixir eses erros ao tempo que se lles aprende a convivir coas súas ideas sen ser destruídos polas mesmas.

2. Unha educación que garanta o coñecemento pertinente. Nunha sociedade caracterizada pola morea de información existente fai preciso promover unha intelixencia que axude a discernir cal desa información é clave da que non o é.

3. Ensinar a condición humana. Coñecer o ser humano é situalo no universo e ao mesmo tempo separalo del. A educación deberá mostrar o destino individual, social e global dos seres humanos e o noso arraigamento como cidadáns da terra, ese será o núcleo esencial formativo do futuro.

4. Ensinar a identidade terreal. A perspectiva planetaria é imprescindible na educación, non só para percibir mellor os problemas, senón para elaborar un auténtico sentimento de pertenza á Terra.

5. Facerlle fronte ás incertezas. A historia ou a evolución biolóxica é froito en grande medida de factores impredicibles; o coñecemento e as nosas decisións están moitas veces mediadas pola incerteza, unha vez que tomamos unha decisión desencadea unha serie de reaccións que non podemos predicir porque nos educaron para a certeza pero non para a incerteza, polo que é un saber necesario a contemplar na educación do futuro.

6. Ensinar a comprensión. A comprensión é unha necesidade crucial para os seres humanos e debe ser abordada pola educación de maneira directa e en dous niveles: a) o interpersoal e o intergrupal e b) a escala planetaria. A comprensión sempre está ameazada pola incomprensión dos códigos éticos dos demais, dos seus ritos e costumes ou das súas opcións políticas. Ensinar comprensión significa ensinar a non reducir o ser humano a unha ou varias das súas calidades que son múltiples e complexas. A educación do futuro deberá asumir un compromiso coa democracia porque non cabe unha comprensión a escala planetaria noutro marco que non sexa democrático.

7. A ética do xénero humano. Validar unha ética para todo o xénero humano é unha esixencia do noso tempo. Esta implica consensos e a aceptación das regras democráticas sabendo que o respecto á diversidade significa que a democracia non se identifica coa ditadura da maioría.

Como para comprobar se nos currículos educativos actuais están contempladas estas ideas básicas e fundamentais!

Estas sete ideas claves están recollidas no libro “Los siete saberes necesarios para la educación del futuro” que se pode descargar da rede, ben desde o web da UNESCO ou desde a propia páxina persoal oficial de Morin na que tamén atoparemos outras publicacións gratuítas, artigos, un blog, referencias, etc.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: