A nosa achega á educación infantil

Informe OCDE 1:1 en educación

In TICArte on 09/12/2010 at 15:11

O Instituto de Tecnoloxías Educativas (ITE) vén de presentar a tradución do informe da OCDE “1:1 en Educación: prácticas actuales, evidencias del estudio comparativo internacional e implicaciones políticas”. Trátase dunha análise das iniciativas 1:1 (un ordenador para cada alumno) adoptadas en moitos países e avalía os resultados do acceso dos rapaces 24 horas ao día, 7 días á semana a un dispositivo TIC con conexión a Internet.

Tras unha introdución xustificativa do informe, vai debullando:

-As oportunidades e riscos de 1:1 con perspectiva internacional; pescuda nas razóns de que se estea a investir en 1:1; en como se está apoiando ao profesorado e ao alumnado; e apunta as conclusións principais.

-Que sabemos sobre o impacto do uso das TIC en educación, se isto axuda a que emerxan novos modelos ou contornos de aprendizaxe; como melloran os resultados do estudantado; e se 1:1 axuda a salvar a división dixital en educación.

-Finalmente trata as leccións aprendidas e as implicacións nas políticas.

Non dá resposta nin sobre a efectividade/custe nin sobre os impactos educativos do 1:1, tan só eleva as mesmas preguntas que nos facemos moitos e moitas profesionais do ensino, que se resumen no que segue:

Baséanse na crenza de que capacitando ao alumnado para conectarse a Internet e conectarse entre si, pódese contribuír a salvar a fenda dixital ao tempo que transforman a educación para axudar mellor ás necesidades sociais. Porén, os obxectivos destes programas son: proporcionar destrezas TIC, minorar a fenda dixital e mellorar a calidade do ensino. Pero as preguntas que xorden de inmediato son: que razóns políticas hai detrás destas iniciativas?; cantos e que tipo de parceiros están participando?

O profesorado precisa dunha visión clara de cales son os obxectivos de aprendizaxe xa que, como ben sabemos, a dispoñibilidade de tecnoloxía informática, de seu, non terá ningún impacto nos estilos docentes ou de aprendizaxe. Os programas 1:1 dependen en gran medida do profesorado para que teñan éxito.

Canto aos resultados académicos do alumnado, detéctase un impacto positivo sobre as destrezas TIC e de expresión escrita, así como unha asociación máis modesta entre 1:1 e mellora noutras áreas académicas como as matemáticas.

A desigualdade no uso das TIC podería provocar unha “segunda fenda dixital”. A equidade non pode reducirse ao acceso a aparellos tecnolóxicos. O alumnado con capital cultural alto pode beneficiarse das oportunidades de aprendizaxe asociadas ás TIC, pero o resto do alumnado non, entón, como se beneficiarán os máis pobres e os menos capaces con estas reformas?

A meirande parte das avaliacións realizadas ata o de agora son descritivas do proceso de implementación e do deseño do programa, aínda non se sabe nada da relación entre implantación e resultados académicos. O uso de dispositivos TIC en iniciativas 1:1 varía moito entre centros, dependendo fundamentalmente do profesorado.

Polo tanto sería un bo momento para pararse e analizar resultados ou para facer os axustes precisos, recordando que un ordenador por neno no é unha fin en si mesma e ten un custe moi elevado como para non saber en que se traduce.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: