Somos froito do que comemos. O noso estado físico garda unha estreita relación co que temos comido ao longo dos anos; coa nosa dieta. O mesmo sucede coa nosa dieta cultural, mediática e televisiva; si consumimos boas lecturas, bos programas, bos entretementos ou “televisión basura”, ao cabo dos ano reflectirémolo. Isto é o que di no programa Redes, Pablo del Río, psicólogo investigador dos efectos dos medios de comunicación no desenvolvemento das persoas. Neste resumo apunta tres ideas clave: a influencia da televisión é moi grande; non é única, exerce máis influencia canto menos a exercen outros aspectos (lectura, lecer, xogo…); pode ser boa ou mala; a boa televisión ten efectos positivos, o problema está no déficit de programas positivos para o desenvolvemento.
No Día Mundial da Televisión, quixemos traer aquí o “Informe Pigmalión”, un estudo publicado na revista Comunicar sobre o impacto da televisión na infancia española. Analiza como a exposición a este medio afecta á imaxinación infantil, á identidade, ao desenvolvemento moral, e á vida cotiá. Conclúen que poida que o erro radique en preocuparse máis do impacto negativo que de asegurarlle ás familias e nenos alimentos culturais de calidade cos que poder cociñar unha dieta san e saudable. A modo de epílogo salientan algunhas ideas para unha actuación creativa:
-O nome Pigmalión fai referencia a que a televisión que temos para os nosos fillos é unha feitura nosa; un ideal concibido á nosa imaxe e semellanza.
-Debemos ter un enfoque positivo, non pensando que estamos fronte a un gran problema, senón vendo as grandes potencialidades e alternativas abertas e aínda sen desenvolver para buscar solución.
-Cómpre reenfocar os esforzos cara a investigación sobre contidos e dietas audiovisuais de calidade para a infancia.
Estamos totalmente de acordo en que hai que procurar solucións; pero tamén hai Códigos de Autorregulación de Contidos Televisivos que non se están cumprindo. Son inadmisibles os estereotipos e modelos que se están transmitindo a través de moitas das series televisivas de máis audiencia infantil e dos que ninguén parece ou quere decatarse.
E falando de escolas, a dieta televisiva que reciben os nenos e nenas na escola é saudable ou abusamos un pouco dos alimentos Disney Factory?