Hai determinados elementos que de sempre estiveron desterrados das aulas de educación infantil; as regras son un exemplo disto. Malia que ben sabemos da importancia de exercitar o trazo, ao noso alumnado gústalle que cando hai que tirar unha liña recta saia recta. Na clase temos todo tipo de regras, escuadros, cartabón e plantillas de diferentes tamaños. Para que as empregamos?, pois desde o uso máis convencional, medir e comparar tamaños, ata para o debuxo. Tirar liñas que se cruzan con outras formando interseccións, superpoñerlle un círculo ou un triángulo e logo colorear de cores distintas, é unha actividade que lles gusta moito.
A modo de inspiración para ese tipo de traballos, amosámoslle algunhas obras de Kandinsky.