Por que no outono caen as follas das árbores?

Pregunta na clase: Por que no outono se caen as follas das árbores?
Resposta do alumnado: Porque é outono.
Pregunta: De que cor se poñen as follas das árbores no outono?
Resposta: Marróns.

Non hai máis explicación, non máis razoamento. É así porque así llelo contamos. Chegada do outono e aparición da “fichiña” da folla -de especie incerta- para colorear de marrón e máis do “mural” coa escena dunha praza chea de árbores –de especie incerta- aos que se lle caen as follas, é un “clásico” na educación infantil. Ás veces, tras colorear a folla, hai que picala para pegala nun tronco de árbore –de especie incerta- e con iso ilustramos a chegada do outono. Sen máis, non hai máis explicación. É un feito asumido ao igual que o boneco de neve nunha paisaxe con folerpas, para o inverno, ata onde non neva nunca; ou a flores de cores–de especie incerta- para anunciar a chegada da primavera. Isto fainos recordar aquela ilustración de Frato, na que se ve a un docente explicándolle ao alumnado as partes dunha árbore nun cartel, malia que a través da xanela se ven fermosas árbores no patio escolar. Non hai máis preguntas nin razoamentos sobre a causa disto, polo tanto e consecuentemente, non haberá máis respostas.

Mágoa, e sobre todo dispoñendo de tanta información na rede e no contorno. Co doado que sería explicarlles que as árbores “tiran” as follas para “economizar” enerxía; que as mesmas follas serán alimento para esa árbore, e que a follaxe do outono pode adquirir cores que van desde o vermello ao amarelo, pasando polo negro, púrpura ou branco.

Para quen non queira caer nos tópicos, velaí van ligazóns a webs como:

El profesor de ciencias que nos explica por que  cambian de cor e se caen as follas no outono.

O Xardín Botánico de Madrid, cun vídeo sobre as cores do outono.

-Lugares nos que apreciar as cores do outono: Ribeira Sacra, Selva de Irati, Hayedo de MontejoParque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, La Rioja,  EE.UU e Canadá.

-As cores no outono do gingo biloba, do carballo, do liquidambar, do álamo, do chopo, das cepas do viño, das abeleiras, dos betuleiros

Pregunta avanzada: Por que no outono caen as follas de case todas as árbores das cidades e non acontece o mesmo coas do monte? (suporía un pouco de observación, pero ben paga a pena, non é unha pregunta banal).

Resposta: Porque nas cidades, soen plantar especies arbóreas caducas, para que nos días de inverno, cando o sol escasea, a follaxe non impida que desfrutemos dos seus raios.

Recordemos que o noso cometido é aprendelos a pensar, a razoar, a formular hipóteses, a contrastalas, a buscar información…, non convertelos en obreiros artesáns do lapis e do punzón.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s