A nosa achega á educación infantil

Samaín vs Halloween?

In RebelArte on 31/10/2010 at 00:00

Debemos confesar que se hai anos fomos totalmente belixerantes coa introdución da celebración do Halloween nas escolas, a día de hoxe non o temos tan claro. Naqueles tempos, grazas aos traballos de investigación do profesor Rafael López Loureiro –autor de “Samaín. A festa das caliveiras”-, comezábase a recuperar e reivindicar o Samaín como celebración propia da cultura galega, común a outros paises con orixes celtas –que foi trasladada a América polos emigrantes irlandeses, dando lugar, posteriormente ao Halloween. É un ritual de tránsito do verán á invernía. A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano na cultura céltica, xa que se abrían as portas do outromundo e as ánimas podían visitar este mundo para axustar contas. Posteriormente foi cristianizada, dando lugar ao Día de Todos os Santos. Alá polo 2007, o Consello da Cultura Galega, elaborou unha interesante publicación con artigos sobre “Os lugares da morte”, “Os días de defuntos”, “Os preparativos”, “Os velorios” e “As cabazas do Samaín”, desafortunadamente, na actualidade no conseguimos acceder a ela.

E se comezábamos dicindo que non cremos que hoxe en día poidamos negar ou cerrarnos á celebración do Halloween é precisamente por dúas razóns:

-As celebracións, tradicións, costumes, van mudando co devir do tempo, nomeadamente nun mundo globalizado como no que vivimos. Podemos pretender que permanezan inalterables, pero non deixará de ser unha ficción como o son as feiras medievais, as festas de reconquistas e outras. Nin o Samaín é o Samaín, nin o Halloween é o Halloween, pero, non hai volta atrás. O patrimonio cultural inmaterial, transmitido de xeración en xeración, recréano permanentemente as comunidades e os grupos en función do seu medio, a súa interacción coa natureza e a súa historia. A salvagarda deste patrimonio é garante da diversidade cultural.

-Se tanto insistimos na introdución do inglés como lingua estranxeira desde a máis tenra infancia, cómpre recordar que a inmersión lingüística debe ir parella á inmersión cultural. No caso que estamos a falar, na cultura anglosaxona.

Ao que nos opoñemos do Halloween –de todas as celebracións- é á mercantilización; pero nisto, atreveríame a asegurar, ata coinciden connosco os mesmos docentes americanos.

Ao que nos opoñemos do Samaín é a que acabe sendo un “híbrido”, é dicir, chamámoslle Samaín, pero reproducimos os elementos do Halloween, e acabamos facendo “trick or treat”.

A vía intermedia, para nós a máis acertada: coñecer as dúas celebracións, o que as caracteriza, o que as diferenza, e as súas orixes comúns. Isto foi o que se fixo nos centros nos que traballamos; desde normalización/dinamización lingüística elaboraráronse propostas e suxestións para o Samaín, en coordinación coa especialista de lingua estranxeira que traballou en todas as aulas o Halloween. Resultado visible: unha exposición “Do Samaín ao Halloween”. Se hai sitio para todo!

Ao fío do que estamos a dicir, queremos traer aquí unha cita do Director Xeral da UNESCO Koïchiro Matsuura sobre o patrimonio cultural inmaterial:  “O patrimonio inmaterial non é só sé da memoria da cultura do pasado, senón tamén o laboratorio onde se inventa o futuro”.

Nota: Non vaiades pensar que “perdemos o sentido” polo Halloween, ben sabedes o que opinamos de moitas das celebracións/conmemoracións escolares, pero o noso alumnado recibe unhas influencias que non se poden negar, gústennos ou non. Cremos, coma sempre, que a nosa labor é a de espertar o sentido crítico en cada un dos nenos e nenas que temos na clase, a partir do coñecemento, non da negación ou da ocultación.

Advertisements
  1. Parabéns por cuestionar algunhas cousas desta festa escolar hoxe xeneralizada, pero en moitos casos mal encamiñada, no senso de conservación e recuperación da nosa cultura.

    De inmersión na cultura dos USA creo que xa imos ben servidos. Non hai que asociar esa colonización cultural ao ensino do inglés, porque o ensino xeneralizado do inglés ten sentido como lingua de comunicación internacional que é, como un dos principais vehículos de comunicación intercultural dos que dispoñemos, e como vehículo da comunicación científica e técnica. E máis nada, e nada menos, que iso.
    Por favor, non utilicedes a necesidade do coñecemento da lingua inglesa coma escusa para afondar na grave colonización cultural por parte dos USA que vimos padecendo dende 1950.

    Non afondedes tampouco na colonización por castelanismos morfolóxicos con cousas como “comezábamos”.

    Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: