A nosa achega á educación infantil

Morcegos no Halloween

In ContArte on 27/10/2010 at 20:30

Con toda a campaña de consumo orquestrada arredor do Halloween estamos totalmente “invadidos” de arañas, arañeiras, morcegos, bruxas e outros. Xa falaremos do Samaín e do Halloween, pero o segundo está totalmente mercantilizado; seica, economicamente falando, en EEUU esta celebración é a 3ª máis produtiva.

Os nosos rapaces teñen sentimentos ambivalentes con respecto á celebración: gusta e asusta por igual. Un dos atrezzos que máis medo lles dá son os morcegos. Para moitos de nós, cando tíñamos a súa idade e non tíñamos o influxo da cultura audiovisual, os morcegos eran un elemento máis das noites de verán nas eiras. Logo veu todo o que veu coas películas e os contos de vampiros, e xa non víamos morcegos de igual xeito. Gustounos a reflexión que fai Xavier Queipo sobre os morcegos e a infancia, ao fío do libro que comentaremos deseguido.

Xa que logo o noso alumnado está arrepiado e medorento cos vampiros, decidimos que era un bo momento para ler “Marcelo o morcego”, un conto de Beatriz Fraga Cameán, publicado en Galaxia. Marcelo é un morcego ao que lle gustan máis os grelos que os mosquitos, por iso acaba tornando de cor verde. Un personaxe tenro e gracioso que se rebela contra as imposicións familiares, e que nos fai volver unha mirada agarimosa sobre estes animais.

Para continuar coa nosa sesión de “desmitificación” dos morcegos coma vampiros, buscamos información na rede, así souberon que son mamíferos aínda que voan, que os hai por todo o mundo, que existen máis de mil especies diferentes, que habitualmente teñen unha cría por ano, que apenas ven pero que se orientan polo son do eco –ecolocación-, que as súas alas son unhas finas membranas de pel, e que hibernan desde o outono ata a primavera. En canto aos seus hábitos alimenticios –do que máis lles preocupaba- hainos insectívoros, frutívoros, carnívoros, piscívoros e moi, moi poucos hematófogos. Tamén soubemos dos beneficios que lle reportan ao home e que hai unha Asociación Española para a Conservación e Estudo do Morcego.

E, daquela maneira que sabemos facelo os profesionais da educación e algunhas outras persoas como Beatriz Fraga, fixémoslle ver que, ás veces, un pode ir en contra do que está determinado. Todo iso a partir da decoración do Halloween: lendas e supersticións sobre unha criatura inofensiva, alimentación e autoimaxe positiva; pois non é pouca cousa! Sen contar que rematamos facendo morcegos de origami -estes de cor verde- e outras actividades que non requiren de cartos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: