As persoas afeccionadas á fotografía, din que o outono é a mellor época pola cor do ceo, pola luz e polos contrastes de cores na paisaxe. Nós, que entre as nosas rutinas diarias temos a observación do tempo meteorolóxico, estamos gozando cuns ceos únicos.
A primeira hora da mañá imprimimos a predición meteorolóxica de MeteoGalicia, a cotío seguímola no blog ou observámola no xornal –a linguaxe icónica tamén precisa de alfabetización. Logo contrastamos coa realidade. As nubes téñennos absolutamente engaiolados; as súas cores, as súas formas, o seu “movemento”; cada intre diferentes. Mágoa que na meirande parte das ilustracións infantís, son sempre iguais, sen variacións, chova ou neve, sarabie ou trone; sempre o mesmo.
Na rede atopamos vídeos que nos permiten coñecelas; distinguilas, andar por riba delas, atravesalas, soñar, relaxarnos ou meditar. Tamén botamos a imaxinación a voar co libro “La cabeza en las nubes” de Kókinos. E como non, tratamos de pintalas; isto ten a súa dificultade, por iso aprendemos dos expertos. Vemos como pintar ceos e nubes; non é o mesmo pintar nubes de treboada ca nubes de choiva, nubes de noite ou nubes de solpor.
Na actualidade, no Museo del Prado hai unha exposición de William Turner, o pintor que veneraba os ceos cunha exquisita sensibilidade para os cambiantes fenómenos das nubes e que representaba con grande fidelidade a luz. A través dun xogo que propón o departamento educativo do museo podemos coñecer moitas das súas obras.
Deixaremos para outra ocasión os ceos de Antonio López, ou os dos pintores impresionistas; pero de seguro que ao longo do curso nos dará moito xogo, é máis que branco sobre azul.
¡Estupendo post! Moitas grazas!!