A nosa achega á educación infantil

“A literatura infantil: unha minoría dentro da literatura”

In ContArte on 11/09/2010 at 12:12

Este é o título da conferencia á que asistimos esta mañá impartida pola doutora Teresa Colomer no marco do 32º Congreso IBBY. Experta investigadora en literatura infantil, autora de libros e de máis de 200 artigos sobre a LIX, centra o seu traballo na análise da literatura denominada infantil, no pasado, no presente, e sobre todo, avanza as tensións ous desafíos aos que se terá que enfrontar para acadar a calidade literaria e a formación de lectores. Entre outros temas abordou os que segue:

Literatura contra pedagoxía; falou da artificialidade dos libros clasificados por idades e por temas; os libros alleos á experiencia literaria, seguidores desa política da corrección, libros escritos baixo o ditado dos contidos curriculares. Isto fíxonos lembrar unha entrevista a Manuel Janeiro con motivo da presentación da súa obra “A abella abesullona”, na que di que “un dos grandes males da actual LIX é que, aparte de ser, ás veces, refuxio de malos escritores, énchese intencionadamente de obxectivos psicopedagóxicos. Estes, os valores didácticos ou sociais deben darse, pero implicitamente”. O impacto desas obras nos lectores aínda non se coñece.

Literatura sen adxectivos; na actualidade enténdese a LIX como literatura, algo que non sempre foi así, xa que había un grande desprezo por este campo –exceptuando o folclore xa que se entendía que este non fora creado exclusivamente para nenos-, por fortuna agora vese cunhas novas –“gafas valorativas”.

O debate cultural: a conquista colectiva da visibilidade nos medios de comunicación. A medida que o sector ía medrando, ampliábase a queixa da escasa atención dos medios sobre este apartado, malia que mellorou bastante nos últimos tempos non é para celebrar os éxitos.

A tea de araña da animación lectora; contacontos, portadores de maletas institucionais, autores que comentan as súas obras, promotores de lectura que sobrecargan aos xa superados docentes, todo un elenco de personaxes que pululaba polos centros en pleno xarampón da animación lectora e da que non se demostrou a día de hoxe a súa incidencia na formación de lectores. Ler require silencio constancia e complicidade, algo que non se pode lograr con accións anecdóticas e puntuais.

As leis do mercado, a marea da mediocridade; hogano existen diversidade de xéneros, traducións de obras estranxeiras, premios que fan que cada vez que publique máis. Pero tamén hai un ataque ás editoriais acusándoas de moverse por criterios mercantilistas. Unha marea de mediocridade invade as obras que esterilizan o interese do lector co didactismo. Segundo Colomer, para ler eses libros é mellor dedicarse a outra cousa. Apúntase tamén á responsabilidade dunha crítica que escolme o gran da palla.

A imaxe; esta forma parte da LIX desde sempre. Na actualidade, nos albumes, libros álbum atopamos imaxes froito da fusión cos códigos artísticos contemporáneos. A beleza dalgún destas imaxes xa é motivo dabondo para mercar un libro, pero moitos deles só viven do impacto do consumidor, son espectaculares, suxestivas, e algunhas delas, ata banais. Traspasan ao lector a responsabilidade de darlle sentido. Aínda non se sabe como funciona a lectura de libros álbum, como funciona o lector na fusión do código visual e do código escrito. Queda por analizar os efectos desa literatura infantil e o interese posterior dos nenos pola lectura de textos carentes de imaxe.

Novas formas de ficción: un novo reparto da baralla; hai libros que xa nacen emparentados coas pantallas –videoxogos, cinema- estes tránsitos conlevan unhas características na migración entre pantallas, máis acción, textos cortos, etc que non sabemos como afectará isto á literatura infantil de calidade, hai que indagar se é posible a dualidade dunha experiencia ficcional e literaria potente.

Coa súa exposición Teresa Colomer axudounos a visualizar a forza que tivo que facer a LIX de calidade para lexitimar a súa parcela, pero afortunadamente estamos nun momento no que hai máis e mellores libros, que chegan a máis nenos que nunca. Rematou enlazando co lema do congreso dicindo que a LIX dentro da literatura é a forza das minorías.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: