A nosa achega á educación infantil

Lingua de berce

In AlfabetizArte on 09/09/2010 at 18:12

Esta mañá tivemos a enorme honra de escoitar a Emilia Ferreiro na súa intervención no 32º Congreso Internacional do IBBY. Soubemos que se vai facer unha publicación coas actas do congreso e un CD que conterá as gravacións das distintas intervencións. Esperaremos ata daquela. Recomendamos a visita á exposición de ilustración de albumes infantís, unha marabilla, e máis aos distintos stands das editoriais nos que puidemos coñecer as últimas novidades que, supoñemos, estiveron preparando para a ocasión. A visita ben paga a pena, asistentes de 56 países, conferenciantes vidos de todas as partes do mundo para falar da literatura infantil e as mellores publicacións en distintas linguas. Iremos contando pouco a pouco.

Emilia Ferreiro comezou amosando a súa satisfacción por atoparse en Compostela xa que o seu avó seica era destas terras. Agradeceu, tamén, que nun congreso sobre literatura lle deran un espazo ás investigacións sobre psicolingüística. Coa forza que a caracteriza, empezou falando de que cando ela elixiu como campo de traballo a alfabetización había interminables debates e unha grande confusión sobre os métodos de ensinanza da lectura e da escritura e sobre como se desenvolvían os seus procesos de aprendizaxe. Actualmente estas teses non se manteñen nos discursos, malia que desafortunadamente, si nas prácticas.

Preguntounos en que idioma se alfabetiza hoxe aos máis pequenos, anticipou que responderíamos na materna, algo que ao seu entender non se pode responder tan á lixeira por varias razóns, entre elas, as reivindicacións do sexo masculino e, por outra banda, pola actual e complexa situación social plurilingüe. Máis ben teríamos que falar de “lingua de berce”. Puxo varios exemplos de fillos e fillas de familias con membros de distintas nacionalidades –algo bastante habitual en moitos contextos- atendidos por persoas doutras culturas, e que interaccionan a diario con persoas con outras linguas. Hai casos de nenos e nenas con 4 ou 6 linguas maternas. Isto é un alegato a favor do multilingüísmo xa que cada unha desas linguas representa unha cultura.

As investigacións sobre a “lingua de berce” na psicolingüística aínda son moi incipientes. Que pasa cando na escola escolarizamos na lingua materna e nos esquecemos da lingua de berce? Que pasa coa diversidade cultural e lingüística? Que pasa nos centros cheos de nenos procedentes do estranxeiro? Segundo ela a escola aprendeu a negala. As diferenzas individuais non modifican a ideoloxía escolar; as diferenzas que máis afectan á ideoloxía escolar non son as individuais, senón as colectivas, de grupos sociais e culturais que puxan por facerse un sitio. A integración destas diferenzas na escola faise máis das veces con tinxes folclorizantes; averíguase un pouco sobre as súas comidas, sobre as súas festas, etc., pero esquecémonos de indagar sobre como se apropian do mundo nas súas culturas, como realizan o conteo, cal é o calendario que empregan… Tense en conta a oralidade deses nenos e nenas?, non, a escola é impermeable e imperturbable á oralidade, imponse a lingua dominante, e ben sabemos o que sucede cando hai unha distancia moi grande entre a oralidade cotiá e a lingua na que os rapaces se apropian do código escrito.

Se a función dos sistemas educativos é a de producir coñecementos e desafiar ao descoñecemento, que facer na escola para desbotar a idea de que a diversidade é un obstáculo pedagóxico e transformala nunha vantaxe educativa?. Neste punto do discurso amosounos unhas gravacións feitas a pequenos grupos de nenos de escolas infantís de Reggio Emilia, nenos de distintas nacionalidades que facían as súas anticipacións sobre o que diferenza a unhas linguas escritas das outras, e vimos como as diferenzas axudan a discriminar a escritura propia dunha lingua da allea –nas escolas reggianas existe a figura da mediadora lingüístico cultural da que xa falamos noutra entrada do blog– , de como esta diversidade xera riqueza de coñecementos sobre todos naqueles ausentes de prexuízos, ao tempo que suscita a curiosidade intelectual. Falou de como se as minorías son postas en relevo positivamente todos gañamos.

Emilia Ferreiro rematou maxistralmente a súa intervención dicindo que “a forza das minorías consiste en facer pensar ás maiorías”. Toda unha declaración nos tempos que corren nos que parece haber máis interese por buscar a confrontación que por aproveitar o que nos fai medrar a todos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: