Lemos en EDUGA nº 58 un artigo de opinión titulado “Educación infantil ou culto á velocidade”, da profesora Concepción Sánchez Blanco da UDC. “A présa que nos envolve é unha violencia estrutural que atura a infancia a miúdo, tanto na vida familiar como na escolar. Facer as cousas no menor tempo posible converteuse nunha demanda e nunha expectativa dende o mesmo instante do nacemento, que se vai pegando á identidade dos suxeitos conformándoa dende ben cedo. Pero a rapidez coa que hai que liquidar a actividade cotiá crea e acentúa a distancia social entre o adulto e o rapaz, cando deberan estar intrinsecamente unidos, porque un non se pode concibir nin reconstruír sen o outro. O fenómeno evidénciase, tanto nas prácticas familiares, como nas que se levan a cabo nas escolas infantís e centros de infantil e primaria. Este artigo pretende pór de manifesto algunhas contradicións, tomar conciencia delas e reparalas.
Con moito tino, pregúntase a autora, se as escolas rápidas producen nenas e nenos veloces; remata coa recomendación de minorar, parar e reflexionar. Gustounos porque coincide no fondo co que temos dito neste blog nalgunha que outra ocasión en “RebelArte”.
O martes despedirémonos dos cativos, pero o mércores volveremos a velos a case todos no centro; comezan coas actividades do verán, os ludiveráns, os veráns lúdicos, os veráns divertidos…, unha morea de actividades sen fin, dunha noutra, sen tempo nin para descansar, cos minutos todos ocupados; serán así, tan divertidos para os nenos e as nenas?, porque é máis do mesmo: présas, apuróns, madrugar, a escravitude do reloxo… Cando volvamos en setembro, estes nenos estarán relaxados e descansados?, non terán dereito a un merecido descanso?, ou é que a “diversión” ben paga a pena? O bo é que todos parecemos decatarnos de que esta présa non nos conduce a nada, pero non somos quen de pórlle remedio.
Nesta semana, a editorial Galaxia publicou “Un home impuntual”, de Pepe Cáccamo, no que reflexiona arredor do tempo através dun home que chega tarde a toda partes. Tamén recordamos o libro “O tempo voa”, de Joao Pedro Messeder, publicado en Kalandraka. Un conto rimado que entraña unha seria reflexión sobre a aceleración da vida actual e sobre o escaso tempo dedicado a vivir a vida con plenitude. Nel dise que precisaríamos un mes máis cada ano, un día máis cada semana, unha hora máis cada día, para rir, para compartir, para ser felices.