Como xa fomos adiantando, nestes días teremos unha xornada informativa e de acollida coas familias do alumnado de tres anos que en setembro se incorporará ao centro. O motivo, tamén o apuntamos xa, que os pais e nais nos coñezan, coñezan o colexio, saiban do seu funcionamento, e de como se desenvolverá o período de adaptación –entendendo as razóns polas que se establece esta entrada progresiva. Terá lugar unha tarde, para favorecer a súa asistencia, haberá unha benvida por parte do equipo directivo, e unha presentación multimedia onde poderán ver escenas e actividades da vida cotiá na escola na que van escolarizar aos seus fillos; é unha maneira de que vaian apreciando a filosofía do centro. Coñecerán as aulas e os demais espazos e finalmente daráselle un folleto informativo no que se recollen:
-Os obxectivos do período de adaptación.
-Suxestións para os primeiros días.
-Consellos a seguir polas familias que favorecerán o proceso de adaptación.
-Tarefas para a familia ao longo do verán.
Facilitamos o Folleto de acollida a nais e pais de 3 anos, elaborado para os nosos centros. Observación: na medida do posible tratamos de evitar ese tono que ás veces se emprega no que todo parece que son negativas ou prohibicións –non poñer…, non traer.., non entrar…-, que ás veces causan unha impresión tan molesta nos pais, malia que coincidan coa mensaxe.