Cando menos hai cen interpretacións distintas dos círculos, das espirais e das combinacións circulares gravadas nos petroglifos; unhas dentro dun discurso máis simbólico e outras nun discurso máis artístico, ate figurativo. Moitas delas coinciden en que poden ser representacións do sol, dos astros e dos planetas, de corpos en movemento.
Na entrada sobre os petroglifos, dicíamos que lle amosábamos ao noso alumado, obras de artistas contemporáneos nas que tamén empregaran estas formas circulares; un dos nosos favoritos é Robert Delaunay. Este pintor francés, pioneiro do arte abstracto, xunto coa súa muller Sonia, foron abandeirados dun novo estilo, o orfismo, e as súas obras correspondentes á época de “Formas circulares e ritmos”, son unha exaltación da cor e do movemento.
Seleccionamos a obra desta parella de artistas -que viviu unha tempada en Vigo- para contrastar coa das estacións rupestres, tanto polas semellanzas como polas diferenzas que se lle poden facer observar aos nenos e nenas. Entre outras: a tendencia á abstracción xeométrica; a súa estruturación con figuras xeométricas; a sensación de dinamismo; o uso de cores primarias vivas; e as representacións do sol. “Formes circulares, soleil nº 2”, “Formes circulaires“, “Rythme, joie de vivre”, “Rhythms” ou “Ryhme et relieve” poden ser algunhas das propostas.