A nosa achega á educación infantil

La Caracola II

In ActualizArte on 29/04/2010 at 17:21

Esta escola, funciona en réxime de explotación, o edificio é propiedade do concello de A Coruña, pero fixo unha concesión de explotación por vinte anos á entidade privada que a xestiona. Isto sucede en moitas outras na nosa comunidade e tamén en Reggio Emilia. Escolariza a 87 nenos e nenas en 6 unidades; dúas aulas de lactantes (0-1 ano), dúas de camiñantes (1-2 anos), e dúas de medianos e maiores (2-3 anos). O custe de cada neno/a por ano supón unha achega económica do concello de 1430€ e de 1210€ para cada familia, que pode ter unha redución en función dos niveis de renda familiares. Hai uns custes complementarios que se corresponden aos servizos de comedor, almorzos, merendas e ampliación de horario.

Nada máis entrar, chamou a nosa atención en primeiro lugar a serenidade e paz que se respira, sempre de fondo, música ambiental. A continuación, destacamos que á porta de cada aula, exposta nun atril está, ao estilo reggiano, a libreta do día. Ese sistema de recollida de información que permite que as familias saiban o que estiveron a facer os seus fillos ao longo do día. É algo tan sinxelo como un caderno de espiral, en cada folla recóllense as actividades do día. A modo de exemplo: “Martes 16 de marzo. Experimentamos con la temperatura del agua y observamos como cambia el tacto de las telas de colores cuando las metíamos en un cubo de agua fría como la nieve o en uno con agua caliente como el sol”; todo isto con texto e debuxos para que os propios nenos poidan dar explicacións. “25/03/10. Ya echábamos de menos practicar el arte del manchado. Y hoy lo hicimos con frutas!! A que mola la silueta de la manzana. También manchamos con kiwi, plátano y fresa. Ah, y no olvidemos la pera, de la que además comimos un cacho”. Pois deste xeito tan sinxelo, vaise facendo un diario de clase que axuda tanto ás educadoras, ao equipo para o seguimento do proxecto, como ás familias. Anotan o máis significativo de cada día: aniversarios, a elaboración de títeres, a sesión de lingua estranxeira, a experimentación con obxectos metálicos, etc.

O outro espazo que nos gustou foi o que elas denominan a sala dos tesouros e nós chamamos o Mini-REMIDA. Unha habitación onde gardan as hamacas para o tempo de descanso dos nenos e nenas que quedan ao comedor e onde almacenan, perfectamente clasificado o material de uso común, tanto o convencional como estes “tesouros” da reciclaxe: tubos papel hixiénico, tapas, cepillos de dentes usados, pompóns, etc. Deste xeito conséguese ter os espazos de aula liberados de atrancos, diáfanos, para que os nenos se movan con liberdade, e non como moitas das nosas aulas que mesmo parece que temos o síndrome de Diógenes, disto xa falaremos noutra ocasión, do sentido de propiedade individual do que adolecen moitas e moitos profesionais do ensino.

Indagamos o tipo de supervisión que reciben, tanto a nivel proxecto educativo -non esquezamos que forman parte do sistema educativo, coma de coordinación con outras escolas 0-3 do concello e da comunidade; así como sobre se existía algún tipo de contacto coas escolas 3-6 futuras receptoras deste alumnado.

Rematou a visita cun petisco de despedida preparado polo persoal de cociña do centro e cunha presentación que xa quixeran moitos servizos de cattering. Organizado en tres zonas ou ambientes que recordan os piares fundamentais da escola: a auga-azul, a natureza-amarelo e a creatividade-vermello. Aí tamén tivemos ocasión de facer unha posta en común da impresión que nos causara o centro. Unha compañeira de 3-6, nun arranque de sinceridade, e impresionada polo alí visto, confesou, “e agora que imos a facer nós cando nos cheguen estes nenos?”.

Parabéns ao equipo de La Caracola e grazas por expoñerse á nosa mirada, que sempre parece que imos facendo a “proba do algodón”, buscando o fallo, pero aquí non temos nada que dicir máis que noraboa, e adiante que se acadastes isto en seis meses, de seguro que volveremos en moitas outras ocasións. O noso agradecemento de novo a quen propiciou esta visita, Javier Rouco, como unha sesión de formación para os grupos de traballo que coordina.

Rematamos insistindo unha vez máis, na necesidade da coordinación entre as escolas 0-3 e as 3-6, dúas realidades ata o de agora distintas pero na actualidade parte da mesma etapa educativa, e que na meirande parte das localidades só nos separa unha rúa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: