Reggio 3ª: liñas de forza

Como moitas das compañeiras que integrábamos o grupo de estudo, nós xa tíñamos coñecemento destas escolas desde hai moitos anos; no noso caso debémosllo a cursos de formación organizados por Lourdes Taboada, así como ás conferencias dos profesores Miguel Zabalza Beraza e Lina Iglesias Forneiro, logo viñeron as lecturas posteriores. Pero sempre nos quedábamos con aspectos de organización de espazos e dalgún proxecto desenvolvido, especialmente os relacionados coa arte xa que tamén tivéramos ocasión de escoitar en Santiago a Vea Vecchi, tallerista dunha das escolas. Ao mellor é preciso ir alí para ser quen de apreciar a “esencia” do proxecto educativo, aquelo que dicía Malaguzzi de “que si se fan cousas reais, tamén son reais as súas consecuencias”.

Nun artigo de Alfredo Hoyuelos, un dos maiores difusores de Reggio en España, poderemos ver en que consiste o seu proxecto educativo.

Que é o que fai distintas estas escolas? A modo de rebumbio de ideas o que máis nos sorprendeu:

-A coherencia e cohesión dos equipos profesionais que integran o persoal das escolas, así como o seu sentido de identidade e pertenza a un grupo; e podemos asegurar que non se trata dun “discurso aprendido”. Alí ten tanto peso, no seu eido, a cociñeira das escolas como a pedagoga ou a atelierista; cadaquén fala da súa achega ao proxecto, sen interferencias pero con un fío común, e todas se senten satisfeitas do que aportan e lles aportan os nenos.

-O asumido que está na sociedade a importancia da educación dos máis pequenos. Falaremos máis en detalle da participación social e cidadá.

-O ambiente “real” que se aprecia nas escolas; nin unha soa imaxe Disney Factory, apenas material infantil comercial, nada de cores rechamantes nin figuras infantilizadas; todo o que alí se atopa pode verse en calquera casa ou calquera espazo adulto.

-A actitude de escoita activa de cara aos nenos e nenas; vímolo, non é literatura pedagóxica.

-A documentación do proceso educativo, e de como se lle dá a coñecer ás familias.

-A participación activa das familias; ollo, dicimos participación, non colaboración.

Moitas incrédulas que viaxaban connosco, empeñábanse en preguntar unha e outra vez se alí non había conflitos se os rapaces non pelexaban, se non tiñan nenos con n.e.e., sobre cantas persoas estaban nas aulas, a ratio alumnado, se non tiñan currículo, se os inspectores non andaban enriba deles, se traballaban por proxectos…, parece que non é doado asumir que as cousas se poden facer doutro xeito e ben.

Logo tamén estaban as descridas, as que dicían que iso tamén se facía aquí…, sentíndoo moito, e co coñecemento que podemos ter da educación infantil en Galicia e en España, estamos en disposición de dicir que non hai nada semellante aquí; pode que nalgunha escola se realice unha actividade que poida gardar algún parecido, pode que algunha aula estean organizados os materiais de forma semellante, sempre iniciativas individuais, pero non coñecemos ningún concello, cidade, ou localidade onde todas as escolas respondan a un mesmo proxecto, onde todos os profesionais asuman ese proxecto, onde toda a sociedade o coñeza e onde este sexa unha sinal de identidade.

Algúns dos apuntamentos aquí feitos, serán tratados en máis detalle en entradas posteriores.

Unha das condicións que se impoñen aos participantes é que non se poden tomar imaxes das escolas, nin fotografías nin vídeos. Atopamos algún que outro en internet, a meirande parte deles antigos, pero serven para facerse unha idea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s