Esta mañá un alumno quixo contarme unha “cousa”, díxome que a súa nai lle chillara moito pola mañá, por todo, polo almorzo, polo pixama, polos dentes, pola mochila… Viña roto en anacos. Ollo, non estou esaxerando. O que me fixo pensar nas veces que eu lle berro aos rapaces e no impacto emocional que iso pode ter neles.
Tamén me recordou un libro que me chocou cando o lin por primeira vez, “Madrechillona“. Comeza así: “Esta mañana mi madre me chilló de tal forma que salí volando en pedazos”. O grito da nai esnaquizou literalmente ao pequeno pingüín. Logo vai recuperando os anacos polo universo ata que lle pide perdón. Unha boa maneira de introducir aos nenos e nenas na linguaxe metafórica e na abordaxe da ansiedade infantil. Un libro para ler e sobre todo para ver. Velaí vai a súa referencia na revista Babar.