Novidades editoriais no XI Salón do Libro de Pontevedra

A organización conta cun web no que recolle por tramos de idade os libros recomendados. Malia todo, houbo algúns que chamaron poderosamente a nosa atención, non necesariamente de recén publicados, pero que descoñecíamos, velaí van:

Bolboretas, Xabier P. Docampo, Everest Galicia, 2004. Deses libros que nos gustan máis aos adultos polo seu poder evocador de primeiras experiencias, do primeiro amor, do primeiro bico…, unha delicia de libro e de ilustracións. Sutil e poético.

Cantas pingas na cidade, Eva Montanari, OQO, 2009, ilustrado pola mesma autora cunha orixinal presentación en vertical; narra a historia de dez pingas de auga que debecen por visitar a cidade; ademais brinda grandes posibilidades para o traballo coas matemáticas.

Os de arriba e os de abaixo, Paloma Valdivia, Kalandraka, libro que se pode ler ao dereito e ao revés, aparentemente sinxelo pero moi profundo nos temas que permite abordar: as relacións sociais, a diversidade cultural, as diferenzas entre continentes, as costumes dos que están no “revés do mundo”, nas antípodas. A autora dedícallo a Michael Nyman, de quen, segundo ela, sería a banda sonora. (tentamos buscar cal sería o tema e ocórrensenos varios que se poden escoitar en Spotify, suxerimos “Love forever” ou “Wedding Tango” pero que cadaquén busque o que mellor lle acaia). Achegamos un vídeo do libro.

O incrible neno devorador de libros, Oliver Jeffers, Patasdepeixe editora, 2009, marca unha boa diferenza entre o que é “devorar” e “saborear ou degustar” un libro; remata cunha orixinal contraportada “mordida”.

Jan estivo alí, Xosé A. Neira Cruz, Galaxia, 2009, afonda no “misterio” oculto no “Retrato do Matrimonio Arnolfini” pintado por Jan van Eyck. Unha boa iniciativa para comprender a capacidade narrativa dunha obra de arte.

Arriba en el árbol, Margaret Atwood, Ekaré, 2009, conto rimado e historia fantástica de dous nenos que viven nunha árbore, da escritora canadense, Premio Príncipe de Asturias das letras 2008. Sorprenden as ilustracións, para as que, segundo a autora, só se empregaron dúas cores (azul e vermello) por non encarecer os custes de edición.

Un poema para curar a los peces, Jean Pierre Siméon, Kókinos, 2007, para curar ao seu peixe, Adrián terá que darlle un poema, pero non sabe moi ben o que é iso, polo que lle pregunta a todos cantos se atopa, o problema, cadaquén dálle unha resposta distinta.

Audiocontos, Galaxia, 2009, contos de toda a vida, aos que lle puxeron voz distintos persoeiros galegos; O galo kiriko, Branca de neve e os sete ananos, Os catro amigos, Os sete cabuxos, inclúe CD.

O home de auga, Ivo Rosati, Kalandraka, neste conto, aparte do relato, destacan as metáforas visuais e o tratamento do respecto medioambiental.

28 historias para rirse, Ursula Wölfel, Kalandraka, 28 historias sinxelas, enxeñosas e surrealistas que incitan á risa desenfadada e á imaxinación.

29 historias disparatadas,Ursula Wölfel, Kalandraka, da mesma colección e na mesma liña, historias hilarantes.

37 tortugas, Pablo Albo, Mil y un cuentos, 2009, libro de retahilas, que vai contando o que lle ocorre ata que non queda máis ca unha tortuga.

Una niña, Carlos Grassa Toro, Sins entido, 2009, unha fermosa e orixinal metáfora da adopción con ilustracións madeira recordada e tela. Pódese ver o catálogo da exposición das 18 pezas de madeira que están expostas no Espacio Sins entido. Para agasallar a todas aquelas familias que “sacan nenas da botella”.

O tempo voa, Joao Pedro Messeder, Kalandraka, conto rimado que entraña unha seria reflexión sobre a aceleración da vida actual e sobre o escaso tempo dedicado a vivir a vida con plenitude. Precisaríamos un mes máis cada ano, un día máis cada semana, unha hora máis cada día, para rir, para compartir, para ser felices.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s