As cegoñas sempre son o anticipo do cambio de estación. Son unhas aves que cativan a atención dos nenos e nenas; agora xa non lle atribuiremos este interese á andrómena que nos contaban sobre a chegada dun bebé á casa; polo que as novas que aparecerán nos medios sobre o seu retorno, pode ser un bo inicio dun proxecto de traballo. En Galicia, os seus lugares tradicionais de aniñada son a Lagoa de Antela, na zona da Limia e noutros moitos como Monforte de Lemos, O Saviñao, Sarria, Quiroga, San Clodio de Ribas de Sil, Chantada e Bóveda, todos en Lugo, mentres que na provincia de Ourense atopamos niños polas terras de Valdeorras. Sempre gozan do aprecio das xentes, seica ter un niño de cegoña na propiedade tense como agoiro de boa sorte e continuada fortuna.
Facilitamos o acceso a vídeos sobre as cegoñas.
A editorial Galaxia publicou un álbum, Un conto de cegoñas, de Antonio Ventura, cunhas ilustracións que se saen da páxina.