A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘primavera’

“Primavera” para Ramón Conde

En CativArte o 13/04/2012 ás 16:00

Que se lle pode regalar a un escultor?

Cando no mes de novembro visitamos o taller do coñecido escultor Ramón Conde, brindoulles aos nenos/as a oportunidade de facer figuras coa arxila. Acordáramos daquela, que na primavera volveríamos para pintalas. Agora recibimos a amable chamada da súa axudante Chus para recordarnos esta visita pendente. A alegría dos nenos, e a ilusión de ir a ver a un “amigo” de novo, non deixa dúbida do significativa que fora esa experiencia.

Agora ben, que lle podemos levar para amosarlle o noso agradecemento polas súas atencións?

Non é doado, xurde un debate, todos concordan en que ten que ser unha escultura, pero non acaban de poñerse de acordo sobre a forma, material e significado desa escultura. A primavera, parece ser finalmente un tema do gusto de todos. E como representamos nunha escultura a primavera? Que é o significativo da primavera? Que debe transmitir?

Cadaquén fai a súa achega: as cores do arco da vella, as chuvias de abril (augas mil), o recendo das flores e plantas aromáticas, o piar dos paxaros, o calorciño do sol, a alegría dos nenos/as,  os primeiros paseos pola praia, as cereixas de maio, as bolboretas, un poema, os toxos e as xestas que tinguen de amarelo os nosos montes, os ceos ovellados, o amor, os bicos, palabras fermosas …, iso é a primavera.

E así resolvemos a situación. Unha escultura de botellas de cristal que conteñen todos eses elementos que nos remiten á primavera e un collage coas fotografías das esculturas que fixeran con motivo da súa primeira visita. Un novo debate e estudo sobre a forma de montaxe e un catálogo colectivo rematan a poética escultura.

Ver presentación.

Escultura Primavera Ramon Conde

Cos agoiros de que sexa do seu agrado, volvemos ao seu taller. Somos recibidos coma uns vellos amigos. Ramón Conde traballando en novas esculturas que, de seguro, pronto veremos nalgún espazo público. Isto é novo, traballa sobre polistireno expandido, que logo cubre con resinas para facer o molde que finalmente dará lugar á escultura de fibra de vidro. Agora poden ver todo o proceso e o misterio desas esculturas que non pesan tanto como se lles supón.

Ramón califica a obra “Primavera” coma de arte conceptual, e dille aos nenos que sería digna de expoñerse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Os nenos e nenas retoman as súas pezas para pintalas e así poder levalas para a casa.

Ver presentación.

Primavera no taller Ramón Conde

Ramón Conde desaparece misteriosamente e volve cunha sorpresa…

Ver presentación.

Primavera con Iolanda Castaño

Chegou coa súa amiga a coñecida e polifacética artista Yolanda Castaño, a quen os nenos e nenas recoñecen como autora do punki-vermiño “Punver”, e do libro “Cociñando ao pé da letra”, así como por ser a presentadora do programa “Cifras e letras” da TVG.

A mañá non podía ser máis completa, máis poética e máis artística do que foi.

Ovos de Pascua

En CativArte o 10/04/2012 ás 06:54

Os escaparates das tendas italianas nestes días eran un alarde de creatividade e orixinalidade arredor dos ovos de Pascua. Non puidemos resistirnos e tomamos un gran número de fotografías deste símbolo gastronómico para amosárllelas ao noso alumnado.

Segundo se sabe a tradición de agasallar ovos de Pascua, vén desde a antigüidade; os primeiros en empregalos como obxectos de boa fortuna foron os persas que celebraban a chegada da primavera co intercambio de ovos de galiña. Os romanos adoitaban enterrar nos campos un ovo pintado de vermello, símbolo da fertilidade, para así favorecer as colleitas. Na cultura cristián, este costume remóntase a 1176, cando o abade de Saint-Germain-des-Pres lle deu ao rei Luís VII os produtos das súas terras, así como grandes cantidades de ovos. Catro séculos máis tarde o Rei Sol, tivo a idea de cubrir os ovos de chocolate.

Unha tradición que chega ata os nosos días, nalgúns lugares, como Italia, con máis forza.

Ver presentación.

Ovos Pascua

Pedro y su roble

En ContArte o 12/03/2012 ás 07:55

Agora que xa se empezan a apreciar cambios na contorna que anuncian a chegada, adiantada, da primavera, gustounos atopar este fermoso libro, “Pedro y su roble“, de Claude Levert ilustrado por Carme Solé Vendrell, no que se nos conta unha historia de amizade e inxenuidade infantil. Coa chegada do outono Pedro pensou que o seu carballo ía morrer, porén todos os coidados son poucos, mesmo o protexe do frío invernal; o seu esforzo e cariño será recompensado porque coa chegada da primavera a árbore “revivirá” día a día.

Unha recomendación para comprender os cambios da natureza co paso das estacións.

Desde aquí pódense ver as primeiras páxinas.

Indicios da primavera

En EncienciArte o 28/02/2012 ás 08:23
INDICIOS DA CHEGADA DA PRIMAVERA

Malia que o calendario nos di que estamos no inverno, temos a sensación de chegada da primavera. Con tal motivo, e tras comprobar que aínda faltan tres semanas, saímos pola contorna, a modo de detectives, buscando indicios de que a primavera xa estaba petando na porta.

Estiveron moi atinados, decatáronse da cor do ceo, da chegada dos paxaros e de algunhas bolboretas, dos sons, da aparición das flores nas árbores froiteiras, da herba nova, das tenras follas dos eucaliptos, das acacias, das leitugas, e da case sempiterna floración dos dentes de león.

O que non soubemos responder e esperamos alguén nos axude foi á pregunta de “por que todas as flores que florecen primeiro son de cor amarela?” Certamente amarelas son as flores de: toxos, xestas, codesos, mimosas, acacias, dentes de león, flor de ouro, narcisos, prímulas, lirios silvestres, etc., agora ben, non sabemos o motivo.

Habemus fabas

En EncienciArte o 15/06/2011 ás 06:50

Tras case tres meses de coidados, hoxe recollemos a nosa colleita de fabas e chícharos –das lentellas e fabocos non soubemos nada-; cada un foi a recoller os froitos da súa lata, fixándose ben na etiqueta para recordar de que variedade era. As primeiras conclusións: as sementes máis pequenas foron as que máis pronto e máis cantidade produciron; unha lección para os que elixiron as sementes máis grandes crendo que serían as mellores. Deunos un pouco que pensar a variedade de fabas rosa porque non sabemos a que semente asocialas. Para ver todo o proceso I e II.

Como peche, e para recordar, un time lapse da xerminación das fabas.

Xirasoles

En EncienciArte o 05/05/2011 ás 14:00

O noso alumnado está imparable cos éxitos obtidos en todas as plantacións realizadas (castiñeiro, loureiros reais, aciñeiras, xacintos, margaridas, fabas, chícharos e lentellas). Agora levan xa  un tempo pedindo que plantemos xirasoles, porque lles atrae moito a idea de que dean pipas e que veñan os paxaros a comelas. Xa avisei que será a derradeira plantación neste curso, aínda nos queda outro ano por diante.

Non podíamos ter mellor comezo que coa recente publicación en España do éxito de Eric Carle, “La semillita”; libro na liña de todos os deste autor, con ilustracións de collage que nunha historia circular nos narra as aventuras dunha pequena semente de xirasol ata que se converte en planta e cando lle caen as sementes volve a empezar.

Seguindo a historia do conto, extraemos sementes dunha flor de xirasol do pasado ano e depositámolas nas latas que temos preparadas. Coñecemos a razón do seu nome, as súas necesidades, os coidados, as utilidades desta planta, etc;. e no tempo que nos queda de espera ata a primeira floración teremos ocasión de coñecer as emblemáticas obras de Vicent Van Gogh na que os xirasoles son protagonistas.

Fabas en lata

En EncienciArte o 28/04/2011 ás 08:01

As nosas plantacións de fabas estannos dando grandes satisfaccións. Malia que se estima o tempo de xermolar en dez días, supoñemos que debido as condicións de calor e humidade, aos cinco días de plantalas xa empezaran a agromar. Agora á volta de vacacións quedamos totalmente sorprendidos pola súa medra, todas teñen varias follas e o tallo xa precisaba ser titorizado. Con tal fin escollemos varas da medida adecuada -en función do que sabemos canto ao seu tamaño- e esta mañá  puxémosllas. Iremos facendo un seguimento dado que aínda temos varias hipóteses que comprobar:

-corresponderase o tamaño da faba coa altura que acaden?

-a cor da flor ten algo que ver coa cor da faba?

-as de maior tamaño producirán máis?

De aquí á colleita darannos moitas posibilidades de aprendizaxe.

Poucas actividades escolares proporcionan tanto proveito educativo como o cultivo de plantas; sería indispensable que todos os centros contaran cun pequeno terreo no que coidar hortalizas, legumes, aromáticas, ornamentais, etc. Non falamos de xardíns decorativos, non falamos de aulas de natureza ás que se vai de visita, falamos de hortos funcionais, un espazo vivo no que traballar e aprender ao longo de todo o ano. Mentres tanto conformarémonos co que nós procuramos: unhas latas cunha pouca terra.

De que cor é a terra?

En EncienciArte o 11/04/2011 ás 15:00

Como xa fixemos plantacións de froitos de outono, de xacintos e de margaritas –froitos, bulbo e planta pequena- agora tocoulle a quenda ás legumes –varios tipos de fabas, garavanzos, lentellas e chícharos- coa promesa de que aínda nos quedan pendentes os xirasoles –non sabemos de onde sacaron esa teima pero queren pipas para eles e para os paxaros.

Nesta ocasión trala observación –tamaño, forma, cor- e procura de información sobre o que íamos plantar –necesidades de temperatura, humidade, altura que acadarán, tempo de xerminación e de colleita, pragas, etc- cadaquén elixiu a variedade a plantar, preparou unha etiqueta cunha mostra da semente. Durante a fin de semana levaron as latas a casa para enchelas de terra; quixemos facelo así intencionadamente para ver o que descubrimos esta mañá: non había unha terra igual á outra. Diferenzas de cor, grosor, tacto que foron palpadas e observadas coa lupa, así como pasadas polo baruto para ver o que queda na peneira.

Dez días previstos para a xerminación e noventa para a recolección que nos van dar moito xogo. Isto non fixo máis ca comezar: cal será a terra máis adecuada?, podemos plantar en area ou pedras? –segundo eles si, xa que logo nas dunas nacen plantas e as palmeiras danse na area, ao igual que nas rochas da praia hai pinos-, todas terán a mesma floración?, cales son os seus inimigos? –aceptaron mellor o da araña vermella ca que os caracois xeran voraces coas xemas novas-, algunhas medrarán como as “habichuelas máxicas”?, a planta dos fabocos ou lentellas será a máis pequena?, eles comen legumes? –unha ollada á axenda do comedor escolar sacounos de dúbidas…

Xa iremos contando o que dá de si ata que chegue o tempo do arroz con chícharos e das fabadas.

 

This slideshow requires JavaScript.

Circo dos caracois

En EncienciArte o 25/03/2011 ás 08:01

Bave Circus from DuDuF on Vimeo.

Primavera e aparición dos caracois é algo común. Aos cativos gústanlle moito, por iso proxectámoslle este vídeo dun circo singular no que os caracois realizan actuacións extraordinarias.

Para extraer conclusións interesantes sobre o afán de posuír e a vaidade, “A casa máis grande do mundo” de Leo Lionni en Kalandraka, cóntanos as desventuras dun pequeno caracol que quería ter a casa máis grande que se viu nunca.

Ver_mirar_pensar_contar XXII

En MirArte o 23/03/2011 ás 21:00

Impresionante colección de fotografías “Human flowers”, de Cecelia Webber, algunhas das cales podemos ver neste vídeo.

 

Decoración primaveral

En CativArte o 22/03/2011 ás 00:00

Como inspiración de posibles decoracións primaverais recomendamos a visita ao web de Zoe Bradley, artista do traballo co papel que realiza extraordinarias montaxes de escaparates.

A primavera na pintura

En CativArte o 20/03/2011 ás 21:02

Ás 23:21 de hoxe, 20 de marzo entra a primavera; con tal motivo, desde hai tempo tíñamos reservada a información sobre a exposición que tivo lugar no Museo Thyssen, “Jardines impresionistas”, malia que xa rematou, a visita na web aos distintos eixos sobre os que se organizou permite o visionado de obras senlleiras de xardíns ou de flores: os Precursores, o xardín como ámbito socialxardín decorativo, o xardín produtivo, as primeiras vangardas. Pódese ver parte da exposición no vídeo.

Con todo, sempre tentamos amosarlle ao noso alumnado obras de artistas galegos, malia que é case imposible acceder á súa imaxe na rede –por moito que se diga, a cultura segue sen estar ao alcance de todo o mundo-; velaí a nosa escolma:

“Ameixeiras de Ventosela” (1992), “Cerdeira” (1992), “Mimosa” (1980) e “Mimosas” (1980) de Xavier Pousa; “Carta desde Alemaña” (1964) de Virxilio; “Floreiro” (1961), “Árbores en flor”, “Paisaxe” (1963) de Colmeiro; “Cardos” (1986) e “Flores” (1986) de Prego; “Floreiro” de Mª Antonia Dans; “Flores” (1875) de Cancela del Río; “Xornal rosa” (1999) e “Eidos do neno” (1999) de Quintana Martelo; “Rolda de nenos” de Castelao.

Como inicio de primavera, o noso alumnado levará para a casa as margaridas plantadas a comezo de mes, tras representalas plásticamente.

Nendo dango

En EncienciArte o 03/05/2010 ás 16:38

No programa de Preescolar na Casa na TVG do sábado 24 de abril amosaron como iniciaron aos máis pequenos na agricultura sostible facendo nendo dango. Ista é unha práctica de cultivo do método Fukuoka, un labrego nipón que apostaba pola agricultura natural. O nendo dango consiste en introducir sementes dentro de boliñas de arxila que, unha vez sequen, se esparexerán polo campo ou polo monte, como reforestación natural, evitando deste xeito que as sementes sexan comidas polos roedores ou polos paxaros. Coas primeiras choivas as bolas desfaranse e as sementes agromarán.  Acceder ao vídeo a partir do minuto 18:20.

Ben paga a pena probar.

Árbores

En EncienciArte o 15/03/2010 ás 00:18

O día 21 de marzo, coincidindo coa entrada da primavera celébrarase o Día da árbore; con este motivo quixemos facer unha selección de contos, obras pictóricas, suxestións de traballo e outras noticias de interese que versen sobre as árbores e a natureza, dado que é o momento no que se aproveita na meirande parte das aulas para abordar estes contidos.

Como sempre, empezamos cun conto, para nós, adultas, unha fábula fermosísima: “O home que plantaba árbores” de Jean Giono en Galaxia. Un libro que fala da xenerosidade humana sen límites. Do respecto á natureza, da aposta pola vida e do amor á terra e a todo o que dela pode agromar. Para crer na bondade humana e no altruísmo.

E unhas imaxes primaverais:

-A floración das cerdeiras no val do Jerte, web e vídeo .

-A floración das amendoeiras en Mallorca, alá polo mes de febreiro, porque nalgúns lugares adiantase, web e vídeo.

As árbores na literatura infantil

En ContArte o 15/03/2010 ás 00:17

Fixemos unha escolma de libros en galego e en castelán.

-“A árbore de follas DIN A-4”, de Carles Cano en Kalandraka. “Houbo unha vez unha árbore que naceu no máis recóndito do bosque e que sabía, desa forma vexetal e misteriosa na que as árbores saben as cousas, que se convertiría en papel. E unha primavera, cando chegou a hora de mudar o traxe…”

-“A memoria das árbores”, de X.A. Neira Cruz en Sondeconto. Os pais de Tano, cando naceu, plantaron unha árbore no xardín para que medrara canda el.” Coa sensibilidade e saber facer que caracteriza todos os traballos de Neira Cruz, nunha edición especial con música de Marcial Adalid, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

-“Aínda nada” de Cristian Woltz en Demademora. “Unha mañá moi cedo o señor Luís cavou cun burato na terra e nel deixou caer unha semente.”

-“As estacións” de Iela Mari en Demademora. Vai amosando o ciclo das estacións ao tempo que se vai enchendo de cor.

-“Xaime e as landras” de Tim Bowley en Demademora. Xaime plantou unha landra pero antes de puidera medrar un esquío desenterrouna…”

-“A pequena árbore” de Ánxeles Ferrer en Xerais. Fálanos do ciclo das estacións e dos incendios.

-“Lume” de Alberto Varela en Xerais, os perigos que ameazan os nosos montes.

-“El lugar más maravilloso”, de Javier Sobrino en Thule Ediciones. O extraordinario que pode acontecer no alto dunha figueira.

-“La semilla piloto”, de Sergio Mora, en Thule Ediciones. Unha semente escapa de diversos perigos, todos queren comela, pero ela quere chegar ao seu país dos soños.

-“El jardín subterráneo”, de Cho Shunkyung en Thule Ediciones. Unha estación de metro cheira mal, pero que acontecería se alguén plantara un xardín que enchera todo co seu recendo?

-“El manzano”, de Mira Lobe en Lóguez. Unha sinxela historia de árbores e de paxaros que nos fala da hospitalidade e da tolerancia.

-“Pétala”, de Pep Bruno en OQO. Un día Pétala vai a regar as plantas e descobre que non hai auga.

Recordade a posibilidade de facer procuras de libros a través do S.O.L. Estes son os resultados que nos devolve tras introducir a palabra “árbores” ou “bosques“.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores