A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘outono’

Follas enriquecidas

En CativArte o 28/11/2011 ás 16:37

Xa case non quedan follas nas árbores, porén esta será unha das últimas intervencións outonais. Collemos a idea de Mirades.

Últimas follas

Arte nas follas

En CativArte o 25/11/2011 ás 07:37

Para amosarlle ao alumnado un soporte artístico distinto, unha maneira diferente de creación artística a partir da beleza das follas e outra forma de ver a arte.

Descubrimos o blog Naturayarte no que Lorenzo Durán recolle o seu proxecto artístico no que emprega elementos da natureza que lle serven para completar a súa idea do que considera arte.

Composicións con follas e froitos outonais

En CativArte o 15/11/2011 ás 23:10

Composicións con follas e froitos do outono.

Ver presentación.

Composición outonal 2011

Pan de millo (boroa)

En EncienciArte o 28/10/2011 ás 16:22

Hai anos, traballábamos nunha  pequena vila costeira e fixemos pan de millo ou boroa co noso alumnado. Daquela puidemos ir a recoller as espigas a unha leira, esfollámolas, debullámolas, cribamos o millo e levamos unha parte a un muíño de cubo nun regato e a outra a un muíño de marea, logo peneiramos a fariña, amasamos e cocemos nun forno de leña. Fora unha maneira de coñecer cultivos tradicionais, labores do campo, alimentos, patrimonio arquitectónico (hórreos, muíños, fornos) no rural, etc.
Agora, esta é a versión urbana, porque seguimos a pensar que os nenos e nenas deben coñecer o proceso de elaboración dun produto típico galego e todo o que hai detrás ata que chega a eles. O que non podemos visitar, suplímolo con outros recursos e información da rede.
Afortunadamente, aínda hai avós e avoas do alumnado que entendendo o que pretendemos acadar cos seus netos, préstanse para todo o que lles requirimos. Pedimos todas as variedades posibles de millo, mesmo das que están a piques de desaparecer: millo corvo, millo de leite, millo do país…; pouco a pouco a aula foise enchendo de espigas de todos os tamaños e clases, moitos deles encirrados pola idea de atopar “unha raíña” (espiga vermella, morada ou negra). Observándoas, foron xurdindo dúbidas que tratamos de confirmar:
-as barbas e as follas da casula indícannos cal é a cor da espiga?
-a fariña que se obteña será da cor dos grans de millo? E o pan?
-as espigas combinadas débense a que plantaron dous graos xuntos? E si se planta un gran negro dunha espiga negra e amarela, sairá negra ou amarela?

-só comen millo os animais?

Pódese ver todo o traballo ata a elaboración da boroa na seguinte presentación, pero insistimos na idea de que  importa máis o proceso desenvolvido ca o produto acadado.

O mellor, foi que este traballo espertou expectación entre o resto do alumnado do centro e os nenos/as exerceron de cicerones dos outros, explicándolle detalladamente aos seus compañeiros dende o proceso vital do millo, a súa presenta en moitos alimentos que consumen a cotío,  ata a elaboración da boroa.

Non imos a estendernos expoñendo os obxectivos traballados. Unha persoa que nos veu, preguntounos que obxectivo pretendíamos conseguir, tan só quixemos saber de canto tempo dispoñía para que llelo explicáramos…

Doce coma o mel

En EncienciArte o 13/10/2011 ás 07:21

Un alumno cuxo avó ten colmeas tróuxonos dos anacos de panal de mel. Nunca viran tal. Moitos nenos/as nin sequera a probaran. Coas explicacións do compañeiro e coa información da rede coñeceron todo o proceso de elaboración da mel, do proceso de extracción (da vestimenta e precaucións que adopta o avó), sobre o seu consumo, beneficios para a saúde, conservación, usos medicinais (catarros, feridas, dores de barriga…), na cosmética (xampús, cremas, colonias…), do aproveitamento da cera (en velas, en ceras de cores, en abrillantadores…), e da reciclaxe da cera.

Contounos que as abellas das colmeas do avó collían o néctar das flores de romeu, daí o seu sabor; e que eran imprescindibles na polinización dos kiwis da finca.

Tras observar os panais con lupas (ver as estruturas hexagonais das celas); ver a intensidade da cor amarela tirando a tostado e a súa transparencia; tras ulir o romeu, para ser quen de diferencialo doutros tipos de mel (de eucalipto, de castaño, de azahar ou de milflores), degustámola tomando directamente os anacos de panal (o alumno explicoulle aos compañeiros como facelo sen comer a cera), con tostas de pan, con queixo (refrán: “Miel con queso sabe a beso”), con noces (aportadas por outro alumno); apreciamos no padal a súa dozura, sabor con matices de romeu, a densidade (similar ao caramelo líquido), e a textura na boca. Logo non tomaron nada máis (refrán: “Despois de comer mel nada sabe ben”).

Máis tarde, tras falar da conveniencia de tomar mel en troques de azucres, das súas propiedades enerxéticas (refrán: “Come moito mel, vivirás moito e ben”), xurdiu un interesante debate entre o alumnado, sobre se as abellas son animais domésticos ou salvaxes.

Non se nos ocurriu mellor forma de rematar esta actividade didáctica que deleitándonos coa lectura do poema “Doce coma o mel” de Celso Emilio Ferreiro, precisamente no día no que o Parlamento galego acordou dedicarlle o ano 2012, centenario do seu nacemento.

O carballo ao longo do ano

En EncienciArte o 13/10/2011 ás 07:21

Unha amiga, lectora do blog, ao coñecer o que pretendíamos facer con “As nosas árbores mes a mes”, agasallounos cunha publicación de Xerais de fai case vinte anos, “O carballo” (que agora non localizamos no seu catálogo). É un póster de dobre cara de 2 metros de alto por 40 cm.de ancho. Un carballo ocupa case a súa totalidade, por un lado no outono-inverno e polo outro na primavera e verán. Na ilustración aparecen resaltadas as peculiaridades desta árbore dende a copa ata a raíz, así como as distintas especies animais e vexetais que o habitan: fungos, herbas, aves, insectos, roedores, mamíferos ou réptiles. Na marxe, unha breve descrición de cada un deles.

Complétase ademais con explicacións sobre o carballo na historia, os seus usos e especies próximas, as fragas, a vida nos carballos e nas carballeiras, as variedades desta especie arbórea e mais súa extensión polos continentes.

De seguro que nos será de moito proveito, case tanto coma os carballos.

Cata organoléptica de mosto

En EncienciArte o 10/10/2011 ás 06:58

Unha das vantaxes de traballar nunha vila pequena é que algúns dos alumnos/as viven no rural ou teñen familia na aldea, porén están ao tanto e participan nas tarefas do campo/horta. Neste momento coméntannos da recollida do millo, da vendima, das castañas e das noces…

Un neno, tras contarnos ao longo de varios días a súa participación na vendima, quixo agasallarnos con mosto. Fixémoslle ver que é un produto natural, que ten a cor das uvas coas que se fai, recordamos como as esmagáramos o pasado curso en “Cata de uvas” para extraer o seu delicioso zume, e agora decidimos que había que aprender a identificar e verbalizar as distintas sensacións que nos produce a súa degustación, polo que fixemos unha cata organoléptica ao estilo dos profesionais. A cata é un exercicio de memoria e adestramento, e hai que dispor de palabras axeitadas para describir as sensacións que nos produce.

Recordamos que ten tres fases,unha visual, unha olfativa e a gustativa.

Na visual tras verquer o líquido nunha copa de cristal, observamos a súa cor: límpido, brillante…, e mailo tono, que se asocia a froitas, rosa fresa, frambuesa, salmón, cereixa, picota ou rubí.

Na olfativa hai que arrecender co líquido parado e en axitación, recordando que se fai tanto por vía nasal coma retronasal (na boca) que é máis intensa. Para descritores asociase a determinadas froitas (cereixa, ameixas, moras, arándanos…), ou flores (rosas, violetas).

Na gustativa, apreciamos os sabores básicos (doce, salgado, amargo, ácido) e o seu tacto (suave, redondo, áspero…)

Practicamos a cata co mosto, demos un pequeno grolo, removemos na boca e deixamos que fluíran as súas propiedades. A diferenza dos profesionais non o cuspimos fóra, pero soubemos que é o habitual.

O que realmente nos interesaba nesta actividade era que aprenderan a poñerlle nome ás sensacións que lles produce algo que toman. Temos a seguridade de que de aquí en diante practicarán en máis dunha ocasión.

 

Velaí os resultados das dúas catas realizadas ata o de agora
Mosto 1

 

Son: bo (escuma ao escanciar). Cor: rosa alaranxado. Transparencia: non. Olor: a fresa. Gusto: doce, un chisco ácedo. Permanencia no padal: corta.
Mosto 2

 

Son: bo (escuma ao escanciar). Cor: rojo ciruela. Transparencia: non. Olor: a cereixa. Gusto: suave, moi doce coma a mel. Permanencia no padal: longa (ata dez minutos despois).

 

Como vedes estamos feitos uns expertos catadores.

 

Tomando unha bebida natural fixémoslle pór en funcionamento todos os sentidos e enriquecemos o noso vocabulario. E por riba a actividade é deliciosa. Que máis pedir.

As nosas árbores mes a mes

En EncienciArte o 07/10/2011 ás 06:53


Pedímoslle ás familias do noso alumnado que lle sacasen unha fotografía ao carón dunha árbore que teñan na casa, cercana a ela ou que vexan con relativa frecuencia.
A nosa intención é ir apreciando os cambios que se producen nas árbore co devir das estacións. Deste xeito poderemos facer o seguimento de 25 árbores de distintas especies, unhas caducas e outras perennes, unhas froiteiras e outras ornamentais, etc.
Preparamos unha ficha na que se identifica o nome de cada neno/a e o da súa árbore, a fotografía e os meses que restan ata xuño. Unha vez ao mes, farán de reporteiros, levarán a ficha de seguimento para a casa e deseguido contaránnos aos demais o que lle aconteceu á súa árbore. Non reproducimos aquí todas as fotografías dos nenos/as coa súa árbore.
Con esta sinxela actividade esperamos coñecer aspectos comúns a todas as árbores, a só algunhas delas, ou diferenzas entre unhas e outras.

Marmelo

En EncienciArte o 03/10/2011 ás 09:00

O pasado día propuxémoslles unha adiviña para resolver na casa coas súas familias; diciámoslles que se trataba dunha froita medio pera, medio mazá; da cor dun limón; duro e branco por dentro; cocido tornaba de cor caramelo; que se toma habitualmente como sobremesa acompañado con queixo; o seu nome en castelán ten nove letras e en galego sete.

Todos resolveron que se trataba do marmelo; houbo quen trouxo froitos e tamén quen nos agasallou con marmelo caseiro. Malia as reticencias iniciais dalgúns, todos  gorentaron un dos doces típicos nas sobremesas galegas.

Isto deu lugar unha sesión de coñecemento dos marmelos, das súas flores, froitos, variedades (mesmo conseguimos uns ornamentais talla mini), comparación das súas cualidades coas de outras froitas, proceso de elaboración, enlatado e ata a súa representación pictórica a mans do xenial Antonio López.

Actividades sobre o outono

En InformArte o 26/09/2011 ás 07:12

Autumn Ride  !

A lo longo dos tres vindeiros meses realizaremos moitas actividades directamente relacionadas coa estación na que acabamos de entrar; aínda así, recomendamos a visita ás entradas do blog rexistradas baixo a etiqueta “Outono” (navegador de etiquetas, parte inferior da columna central). Entre outras:

Entrada do outono 2011

En MirArte o 23/09/2011 ás 06:40

Hoxe a esta hora, 9:05, entra o equinocio do outono que chegará ata as 5:31 do 22 de decembro.

Na escola, unha das estacións que dá máis posibilidades de traballo. Isto tamén pode deberse a que é o primeiro trimestre do ano académico e os folgos aínda non están mermados.

Quixemos ilustrar esta entrada coa escultura “Floralis genérica”- nome que vén do latín, floralis porque pertence á flora e genérica porque pertence a todas as flores-, unha “obra ambiental” do arquitecto arxentino Eduardo Catalano. Cunha altura de 23 metros e 18 toneladas de peso, está formada por seis pétalos prateados de aluminio e aceiro. É unha atracción turística en Bos Aires, porque se move e cambia de posición grazas a un reloxo que regula de forma automática a súa apertura e peche. A flor permanece durmida durante a noite e esperta abrindo os pétalos cando empeza a raiar o sol. Se o vento é moi forte , a flor péchase para evitar que os seus pétalos resulten danados. Durante o tempo que permanece pechada, pode observarse un resplandor vermello que sae do seu interior.

Segundo palabras do seu autor “é unha síntese de todas as flores e á vez unha esperanza que renace cada día ao abrirse”.

Na actualidade, por un desarranxo técnico está parada.

Ao noso entender podería simbolizar outras moitas situacións que nada teñen que ver coas flores. Mesmo nas épocas de escasa luz e cando todo se agocha, do interior pode saír a forza dun resplandor que loita contra a escuridade.

Que cada quen llelo aplique ao que queira…, mesmo ao outono.

Rematamos co outono

En CativArte o 02/12/2010 ás 21:00

Á volta desta ponte xa estaremos metidas de cheo no remuíño do Nadal. A modo de peche de todo o traballo realizado arredor do outono, dos seus cambios na paisaxe, do seu clima e dos seus froitos, miramos esta imaxe da obra do artista renacentista italiano, Giuseppe Arcimboldo: “O outono”. Tratamos de localizar todos os froitos que coñecemos e que tanto xogo nos deron: as cabazas, as uvas, as castañas, os figos, as follas…, propoñemos un xogo clásico, “Vexo, vexo…”. E como non, tamén analizamos a expresión do rostro, e logo comparamos coa dos outros tres integrantes da serie das estacións ou doutras obras. É totalmente engaiolante para os nenos ver como se poden realizar retratos con elementos da natureza.

Máis de follas

En EncienciArte o 05/11/2010 ás 22:02

Seguimos tirando proveito das follas. Esta semana puidemos coñecer a súa tipoloxía, características, forma, partes, etc. Fomos preparando unha exposición das que nos ían traendo, colocándoas polo dereito e polo envés, para deste xeito logo poder observalas, tocalas, ver as súas nervaduras e medilas.

Como sempre detestamos as series lóxicas de gomets ou similares, fixemos as nosas composicións, buscando un orde lóxico –en función do tamaño, forma ou cor- e procurando unha estética coidada. De tal xeito que logo puideran servir como decoración outonal nas súas casas. 
Trala observación detallada das follas coas lupas, cando intentan debuxar unha folla non esquecen as nervaduras, pero algunhas son moi difíciles de reproducir, polo que recorremos a unha técnica que nos produciu moita satisfacción polos resultados acadados.

O outono na pintura

En CativArte o 02/11/2010 ás 08:09

Como noutras ocasións, no outono quixemos facer unha selección de obras pictóricas coas que amosarlle ao noso alumnado distintas representacións plásticas dos cambios que se producen no contorno co cambio estacional, e como son interpretados polos artistas.

Case sempre queremos recorrer a pintores galegos, quizais por seren menos coñecidos, pero lamentablemente non atopamos case ningunha imaxe na rede. Nós empregamos a Enciclopedia de Artistas Galegos para mostrar as obras de:

Leopoldo Varela: “Carballo en Vilaza” (2000); “Paisaxe urbana” (1950); “Vila” (1971); “Remanso” (1984); “Valados” (1979); “Carballeira” (2001); “Pontillón” (1991); “O río Tea. Mondariz” (2000); “Despois da vendima” (2000); “Paisaxe” (2000); “Paisaxe feliz” (2002); Vila” (2002).

Manuel López Garabal: “O castiñeiro” (1933); “Sol entre os carballos” (1946).

Logo decidimos empregar as obras do paisaxista impresionista francobritánico Alfred Sisley. No web da súa fundación atópanse moitas, das que escolmamos as do outono.

Dado que Sisley captou distintos momentos do día nos mesmos lugares, en estacións diferentes, con variacións climatolóxicas ou de luz, lembrarémolo, para na primavera vovler a amosalas e ensinarlle ao noso alumnado como identificalas atendendo aos indicios presentes na obra tales como a vexetación, a luz, etc.

Sempre pensamos que na escola se debe iniciar a educación estética e artística dos nenos e nenas, e isto faise en todo momento, non se trata tan só de un día amosar unha obra de arte; todas as imaxes que se lle presenten deben ser de calidade, ao igual que a literatura, a música, etc. Mesmo como decoremos as paredes do centro ou das aulas, acabará influíndo no seu sentido estético e no seu gusto.

“El Otoño”

En ContArte o 02/11/2010 ás 08:08

Acabamos de descubrir o álbum “El otoño”, escrito e ilustrado pola arxentina Claudia Deglioumini, publicado en Sieteleguas. “Está llegando el Otoño con su larga bufanda y su amor abrigado / El Otoño huele a chocolate / Enciende los colores y nos invita a jugar / A recordar / El Otoño suspira / Avanza / ¿Adónde va el Otoño? / A encontrarse con su amada / la Primavera.
Tras el, virá “El invierno” da mesma autora. “Una mañana se despertó. Ya era tiempo, tiempo de crecimiento interno, de creación, de búsquedas, de encuentros, de abrazos, de festejos y meriendas. Es que el amor, ¡mueve montañas!”
Unha beleza de libros, cun texto absolutamente poético e cunhas imaxes cargadas de lirismo. Unha maneira de coñecer as estacións sen caer no didactismo.

Carballo en lata

En EncienciArte o 29/10/2010 ás 15:00

Hai uns días lemos na clase o libro “Xaime e as landras” de Tim Bowley, publicado en Demademora; unha tenra historia circular e cíclica que comeza así “Xaime plantou unha landra, pero… , antes de que puidese medrar un esquío desenterrouna e agachouna. Xaime plantou unha landra, xermolou e agromou da terra, pero…” Nela fálase da perseveranza e do ciclo dunha árbore –o carballo-, e danos pé a traballar todo o seu desarrollo vital e a súa utilidade.

Quedamos tan enredados coa historia, que acordamos que na fin de semana recollerían landras coas súas familias. O que non sospeitábamos é o que nos atopamos a mañán do luns: unha chea de landras de moitas variedades –ata nolas trouxeron de Verín, de León e de Portugal. O noso descubrimento: había unha grande diferenza entre moitas delas –tamaños, cor, forma, etc.

Fíxose preciso buscar información. Velaí o que atopamos en canto a variedades, imaxes, información; recomendamos o web do IES A Pinguela de Monforte que conta cunha exhaustiva catalogación de todas as especies que integran o seu xardín botánico, entre elas, algunhas variedades de quercus: enciñeiras, sobreiras, carballo albar ou rebolo.

Canto ao seus usos, descubrimos que foi alimento dos primeiros poboadores, que se pode extraer unha fariña coa que se fai torta, que foi substituto do café, que na actualidade se elaboran licores e que ten usos medicinais.

Dentro duns días, como Xaime, plantaremos as nosas landras en latas perfectamente etiquetadas en función da variedade, consignando o nome, a altura que pode acadar e as súas necesidades de luz e de auga; recordamos que estamos totalmente inmersos no noso proxecto “EnlatArte”. Xa atopamos o lugar idóneo no centro, un pequeno invernadoiro –as vantaxes de traballar nun centro de deseño, obra de Pedro de Llano, todo cristal e formigón-, nel velaremos e supervisaremos o xermolar e a súa medra, todo un proceso de grande proveito educativo. Esperamos que non nos suceda coma no conto “Aínda nada?” de Christian Voltz en Kalandraka. Malia todo, gardaremos unhas poucas para facer unha plantación segundo o método Fukuoka, nendo dando. Será cuestión de paciencia e perseveranza.

Morcegos no Halloween

En ContArte o 27/10/2010 ás 20:30

Con toda a campaña de consumo orquestrada arredor do Halloween estamos totalmente “invadidos” de arañas, arañeiras, morcegos, bruxas e outros. Xa falaremos do Samaín e do Halloween, pero o segundo está totalmente mercantilizado; seica, economicamente falando, en EEUU esta celebración é a 3ª máis produtiva.

Os nosos rapaces teñen sentimentos ambivalentes con respecto á celebración: gusta e asusta por igual. Un dos atrezzos que máis medo lles dá son os morcegos. Para moitos de nós, cando tíñamos a súa idade e non tíñamos o influxo da cultura audiovisual, os morcegos eran un elemento máis das noites de verán nas eiras. Logo veu todo o que veu coas películas e os contos de vampiros, e xa non víamos morcegos de igual xeito. Gustounos a reflexión que fai Xavier Queipo sobre os morcegos e a infancia, ao fío do libro que comentaremos deseguido.

Xa que logo o noso alumnado está arrepiado e medorento cos vampiros, decidimos que era un bo momento para ler “Marcelo o morcego”, un conto de Beatriz Fraga Cameán, publicado en Galaxia. Marcelo é un morcego ao que lle gustan máis os grelos que os mosquitos, por iso acaba tornando de cor verde. Un personaxe tenro e gracioso que se rebela contra as imposicións familiares, e que nos fai volver unha mirada agarimosa sobre estes animais.

Para continuar coa nosa sesión de “desmitificación” dos morcegos coma vampiros, buscamos información na rede, así souberon que son mamíferos aínda que voan, que os hai por todo o mundo, que existen máis de mil especies diferentes, que habitualmente teñen unha cría por ano, que apenas ven pero que se orientan polo son do eco –ecolocación-, que as súas alas son unhas finas membranas de pel, e que hibernan desde o outono ata a primavera. En canto aos seus hábitos alimenticios –do que máis lles preocupaba- hainos insectívoros, frutívoros, carnívoros, piscívoros e moi, moi poucos hematófogos. Tamén soubemos dos beneficios que lle reportan ao home e que hai unha Asociación Española para a Conservación e Estudo do Morcego.

E, daquela maneira que sabemos facelo os profesionais da educación e algunhas outras persoas como Beatriz Fraga, fixémoslle ver que, ás veces, un pode ir en contra do que está determinado. Todo iso a partir da decoración do Halloween: lendas e supersticións sobre unha criatura inofensiva, alimentación e autoimaxe positiva; pois non é pouca cousa! Sen contar que rematamos facendo morcegos de origami -estes de cor verde- e outras actividades que non requiren de cartos.

Os ourizos cachos

En EncienciArte o 19/10/2010 ás 21:30

 No tempo de outono e dos seus froitos, lemos conto “Os ourizos cachos e o gran río gris”, un fermoso álbum da editorial Galaxia, escrito por Rosa Aneiros e ilustrado por Rodrigo Chao. A máis da tenrura que se desprende da súa lectura, deunos ocasión de coñecer un pouco máis a vida dun animal, cada vez máis, descoñecido para o noso alumnado: o ourizo cacho, os cacheiro ou porco espín. Roedores mamíferos, que se alimentan de froitos do bosque –neste tempo de landras e castañas- e cunha vida bastante ameazada por diversos motivos –o principal perigo, os grandes “ríos gris”.

Como é un animal que esperta a simpatía dos nenos e nenas decidimos investigar máis sobre os seus hábitos de vida, alimentación, reprodución, mortandade… Levamos a cabo un pequeno proxecto para o que empregamos recursos da rede, entre outros, páxinas onde se nos fala das súas características.

Logo, como no conto de Rosa Aneiros se menciona o interese dunha nena por levalo para a casa, indagamos se é posible. Descubrimos que unha muller checa tan máis de cincocentos na súa casa. Outras persoas téñennos nas hortas das súas casas. Razoamos e argumentamos os pros e contras desta opción.

Un interesante proxecto de traballo, que dá moito de si, tanto polo conto, como polas ilustracións, como polas posibilidades didácticas que abre. Con moitos pés.

Cabazas adxectivadas

En EncienciArte o 19/10/2010 ás 21:02

 

É tempo de cabazas. Nestes últimos anos as froiterías énchense de todo tipo e variedade de cabazas pequenas sabendo que serán do gusto dos máis pequenos, e que serán requiridas desde moitos centros educativos. Outro día xa falaremos do Samaín e do Halloween. Nós adiantándonos a todas esas tradicións populares, quixemos traballar e xogar coas cabazas. Ata o de agora, estas son as posibilidades que lle vimos: pesámolas, medímolas, fixemos estimacións, comparacións, adiviñámolas, falamos das súas texturas, cores, tacto, dureza, olor; coñecemos o seu ciclo; tratamos de acadar as mesturas de cores idóneas para pintalas; facemos hipóteses de como serán por dentro; organizamos series segundo a cor ou tamaño, etc. Como un chiscadelo amosámoslles cabazas cuadradas! Ou as montaxes fotográficas con cabazas de Anne Geddes. Mesmo recollemos distintas ilustracións da carroza de Cincenta. Ata pode que as empreguemos para o máis habitual no Samaín.

 

Cortina outonal

En EncienciArte o 14/10/2010 ás 21:00

Para quen aínda anda dándolle voltas á decoración outonal das clases. Unha opción con xogos de sombras, olor, tacto, cor e incluso son. Tomamos as fotografías e maila idea da exposición do proxecto Miroscopio no Auditorio de Vilagarcía de Arousa.

This slideshow requires JavaScript.

Animais outonais

En CativArte o 08/10/2010 ás 15:01

Descubrimos o blog de dous artistas plásticos franceses dedicados a traballar para a infancia. A máis de ter unhas ligazóns moi interesantes, vimos o seu último traballo, que nos pareceu inspirador para o momento outonal no que nos atopamos; sobre todo pensando nos “recursos” que temos na aula.

Cata de uvas

En EncienciArte o 04/10/2010 ás 18:12

Cando asistimos ás actividades de “A noite dos investigadores”, houbo un obradoiro que nos gustou moito o de “Cata de uvas” patrocinado polas adegas Terras Gauda no que se amosaban cando menos 20 variedades de uva galega, permitindo que os nenos puideran probalas, apreciar as súas diferenzas en canto á cor, tamaño, pebidas, follas da cepa –podían observalas no microscopio-; logo, esmagaban as uvas, obtendo o mosto que era degustado polos asistentes.
Pareceunos tan boa idea que tratamos de repetila na aula co noso alumnado. Pedimos uvas e -tras observalas, clasificalas, etiquetalas, e formular hipóteses sobre a cor do zume e viño que se obtería-, empregando uns espremedores de allos, reproducimos, a escala reducida, o proceso de obtención do mosto. Como se dunha cata organoléptica se tratara, catamos, degustamos, e tratamos de definir as sensacións que nos producía, tanto olfativas, como visuais ou gustativas. Ata chegamos a facer combinacións de distintas uvas. 

This slideshow requires JavaScript.


Na nosa zona, en moitas casas do rural, prodúcese viño para consumo propio, pero a día de hoxe, a meirande parte dos nenos e das nenas non saben nada do seu proceso de elaboración, quedan ao marxe desas tarefas; polo que lles amosamos un vídeo no que se recolle a vendima con nenos.  A partir de aquí, cómpre falar sobre o consumo do viño.

Postais de outono

En EncienciArte o 03/10/2010 ás 20:15

 Coa aula chea de froitos do outono decidimos facer as nosas postais outonais. Tralo aproveitamento de todos estes elementos para coñecer, tocar, palpar, ulir, saborear, comparar, facer estimacións, pesar, adiviñar ou degustar, quixemos crear composicións de marcado carácter artístico. Cadaquén selecciona os elementos que quere –froitos, follas, flores-, elixe o fondo sobre os que se colocan, e a forma na que isto se fai. Unha vez rematado o “bodegón”, hai que poñerlle título, e logo fotografamos. Velaí van os resultados, cunha estética moi persoal.

This slideshow requires JavaScript.

Máis tarde empregaremos a presentación elaborada con todas as imaxes para amosar aos compañeiros/as do centro. Noutras ocasións empregarémolas para felicitacións, tarxetas, invitacións, calendarios, catálogos, etc. coas que, unha vez impresas, agasallaremos ás familias e amizades. O seguinte paso: pedirlle ás familias que nos fagan as súas reportaxes fotográficas do outono. Todo ilo, pasará a formar parte da carpeta informática de cada alumno/a, á que poderán acceder sempre que queiran.

Ollando cara o ceo

En CativArte,EncienciArte o 27/09/2010 ás 18:43

As persoas afeccionadas á fotografía, din que o outono é a mellor época pola cor do ceo, pola luz e polos contrastes de cores na paisaxe. Nós, que entre as nosas rutinas diarias temos a observación do tempo meteorolóxico, estamos gozando cuns ceos únicos.

A primeira hora da mañá imprimimos a predición meteorolóxica de MeteoGalicia, a cotío seguímola no blog ou observámola no xornal –a linguaxe icónica tamén precisa de alfabetización. Logo contrastamos coa realidade. As nubes téñennos absolutamente engaiolados; as súas cores, as súas formas, o seu “movemento”; cada intre diferentes. Mágoa que na meirande parte das ilustracións infantís, son sempre iguais, sen variacións, chova ou neve, sarabie ou trone; sempre o mesmo.

Na rede atopamos vídeos que nos permiten coñecelas; distinguilas, andar por riba delas, atravesalas, soñar, relaxarnos ou meditar. Tamén botamos a imaxinación a voar co libro “La cabeza en las nubes” de Kókinos. E como non, tratamos de pintalas; isto ten a súa dificultade, por iso aprendemos dos expertos. Vemos como pintar ceos e nubes; non é o mesmo pintar nubes de treboada  ca nubes de choiva, nubes de noite ou nubes de solpor.

Na actualidade, no Museo del Prado hai unha exposición de William Turner, o pintor que veneraba os ceos cunha exquisita sensibilidade para os cambiantes fenómenos das nubes e que representaba con grande fidelidade a luz. A través dun xogo que propón o departamento educativo do museo podemos coñecer moitas das súas obras.

Deixaremos para outra ocasión os ceos de Antonio López, ou os dos pintores impresionistas; pero de seguro que ao longo do curso nos dará moito xogo, é máis que branco sobre azul.

Fin do verán/chegada do outono

En CativArte,EncienciArte o 21/09/2010 ás 19:11

Hoxe é o día da entrada do outono, cas mesmas horas de día que de noite. A partir de agora as aulas encheranse de follas, ramas, castañas, cabazas, etc. Os tempos escolares están, en gran medida, marcados polo calendario vexetal. Nós, esta mañá para que vaian apreciando a diferenza entre o verán que deixamos e a estación na que entramos, empregamos a imaxe dunha das obras de Anish Kapoor da actual exposición no Guggenheim de Bilbao, “Amarillo” (Yellow), unha das que máis nos impactou. “Amarelo é unha obra monumental e impoñente. Todo o noso campo de visión está ocupado pola singular experiencia da cor. Aquí Anish Kapoor emprega a cor como unha ferramenta autónoma que abranque toda a forma. Un gran embigo penetra profundamente na parede. Ao contemplalo temos que esforzarnos por comprender o que vemos.” Unha obra monocroma, que ao noso alumnado recordáballe o sol do verán; así mesmo sorprendíalles como se pode pintar cunha soa cor. Logo amosarémoslle outras, tamén monocromas, así como un vídeo coas opinións infantís sobre a obra de Kapoor. Do seu aproveitamento didáctico xa falamos noutra entrada do blog.

Para ir ambientándonos no outono facilitamos a ligazón a un vídeo, no que, co “Outono” de Vivaldi, como música de fondo, poderemos facerlles ver os cambios que se producen na paisaxe, así como os froitos da estación.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores