A nosa achega á educación infantil

Artigos etiquetado ‘Nadal’

Go home!

En RebelArte o 16/12/2011 ás 09:07

Na porta dos colexios a máis dun cartel onde di “Espazo libre de fume”, debería haber outro que dixera “Espazo libre de consumo” , porque non temos a seguridade de que a incitación ao consumo non sexa un deses elementos que forman parte do currículo oculto dos centros educativos.

Para nós o exemplo máis palpable dáse nestas datas. Dun tempo a esta parte cremos que, debido a varios motivos, o Nadal máis ca ser un momento no que se salientan os valores tradicionais como o encontro, o reencontro ou o compartir cos máis achegados converteuse nunha invitación ao consumo máximo.

Non vamos a falar nesta ocasión dos adobíos e fastos dos centros que van desde a estética máis kitsch ou arrepiante pasando polo charramangueiro sen máis. Tampouco falaremos das “manualidades” que se fan coas criaturas para as que se empregan materiais suntuosos e caros.

Non, nesta ocasión falaremos da troupe que entra nos centros. Por isto de que todo o mundo quere colaborar (ANPAs, concellos, servizos de dinamización lingüística, equipos de actividades complementarias…), por isto de que ninguén quere repetir o que fan os outros (a máxima de ser orixinal ata morrer), por isto de que os disfraces se abarataron moito, os centros enchéronse de Papá Noeles, de duendes, de San Nicolases, de axudantes de Santa, de renos tiradores de trineos, de paxes reais, de Reis, de Apalpadores, de Espíritus do Nadal e doutros moitos.

Caracterizarse é relativamente doado, o problema é meterse no papel, entón, non sabendo que dicir usan a frase máis recorrente: “Escribíchesme a carta? Que me pides? E aquí vén o paradoxal; se ben se lles di a dos rapaces que tal e como está o panorama só poden pedir unha cousa, por outra banda, xa non se sabe cantas epístolas escriben para non desgustar a estes señores que se toman o esforzo de vir a velos. E veña a escribir, e veña a pedir; pero non importa, dos catálogos de xoguetes pódense sacar ideas para pedirlle a todos eles…

Porén, en aras dunha coherencia entre os discursos pedagóxicos e a práctica, pedimos que se lle vete a entrada no centro a toda esta fauna navideña.

Deseguido trataremos de convencer ata aos máis reticentes:

1º A aqueles que din que lles fai taaaanta ilusión aos nenos/as. A día de hoxe non nos atreveriamos a aseguralo, xa que teñen a esas figuras tan entrañables ata na sopa; na rúa, nos centros comerciais, nos polideportivos, nas bibliotecas, nas actividades extraescolares, nos obradoiros, en predeporte, etc, etc, de tal xeito que ata lles provoca confusión; como é posible que estas persoas tan atarefadas con datas fixas de actuación no calendario poidan andar langraneando por aí a deshora e destempo vendendo móbiles, viaxes exóticas ou xamóns de pata negra? Non é doado explicárllelo, porque decatarse, decátanse.

2º Aos crentes relixiosos. Coincidirán connosco en que este mercantilismo non favorece nada as crenzas relixiosas e as tradicións do Nadal.

3º Aos non crentes. Que estarán fartos de que bombardeen aos seus fillos/as con elementos de carácter relixioso, ideolóxico ou mesmo trocados pola publicidade (Papá Noel e Cocacola).

4º Aos tradicionalistas. Porque os que gustan da tradición (da que sexa) saben que estes personaxes se rodean do misterio que engaiola a inxenuidade infantil; son lendas e coinciden todas elas en que nunca precisaron ir ás escolas a buscar as cartas peticionarias dos nenos xa que lles len o pensamento, e en que  entran ás agochadas nas casas amparados pola nocturnidade, por iso ninguén os pode ver. Emporiso, que anden por aí con luz solar, en establecementos e en actitudes  non acordes co papel que representan, pouco ou nada favorece a tradición.

Porén, non nos queda outra que dicirlles a todos estes aficionados: Go home! Váianse para a súa casa! Se son vostedes os verdadeiros, esperen a que lle chegue o seu día, e se son uns espontáneos, colguen o disfrace e esperen ata o Entroido, que ás criaturas non se lles engana tan vilmente nin se lles merca cunhas bagatelas.

Se concordades con estes argumentos, poñede na porta do centro “Espazo libre de fauna navideña”. E recordádelle aos Consellos Escolares que tomen cartas no asunto, porque para iso están, para velar pola educación dos fillos/as, alumnos/as, cidadáns, veciños, etc., que representen o papel que se espera deles, que non se conformen con ser titiriteiros navideños de pouca monta.

Nota: Ben sabemos que hai quen pensa que queremos acabar con todo o “bonito e divertido” da escola infantil. É certo, queremos acabar coas comparsas escolares de Entroido, coas tenras pombiñas da paz, coas áridas Letras Galegas, e agora coa fauna navideña. Queremos acabar con todo aquilo que converte a escola noutra cousa, queremos acabar con aquilo que nin sequera é educativo, e queremos acabar con tradicións escolares sen bases pedagóxicas que as sustenten.

Adornos de Nadal

En CativArte o 09/12/2011 ás 07:41

Estamos totalmente inmersas na ambientación do centro de cara ao Nadal. A consigna: ten que ser elaborada polos nenos e nenas con material de refugallo. Botellas plásticas de leite, botes de iogur, lanas de cores, telas, discos, botóns, etc, serán a materia prima destes adobíos. Pero non basta con facelos, hai que ir máis alá, facéndoos conscientes da importancia deses pequenos acenos que axudan a ser máis respectuosos co medio natural, máis responsables no consumo, sen que isto teña que ir en detrimento dunha estética agradable e coidada.

Velaquí algunhas das primeiras producións cos CDs que servirán tanto para a árbore como para encher os corredores de escintileos; ou as  grilandas feitas con botellas de leite, blondas de papel, estrelas e flores de vasos/botes de iogur.

Calendario de conta-atrás

En CativArte o 01/12/2011 ás 07:43

Advent Calendar 2010

Chegado o mes de decembro non queda máis que iniciar a conta atrás, cadaquén para o que considere: para as vacacións, para o día de Nadal, para o día 24…  A máis da ilusión que isto lle fai aos nenos/as, están as posibilidades de aproveitamento didáctico.

Noutros países, a elaboración de calendarios de Advento, é unha tradición bastante estendida, porén podemos atopar infinidade de modelos que pasan mesmo polo calendario virtual, como este que fixemos coas fotografías do alumnado.

Ou este uotro con sinxelos sobres que gardan unha sorpresa distinta de bombóns ou lambetadas: dentro de cada un deles está a fotografía dun dos nenos ou nenas cun encargo (bailar un rock, cantar unha canción, abrazar a os seus, saltar coma un canguro, etc).

Ver modelos.

Matchbox Advent CalendarAdvent calendar.advent calendarBaby Food Jar Advent Calendar

Advent CalendarAdvent Calendar 2007Envelope Advent Calendar (Aussie)Pastel Advent CalendarFavor Box Advent Calendar

Peche do blog por vacacións

En EmocionArte o 22/12/2010 ás 19:15

Ao igual que fixemos no verán, darémoslle vacacións ao blog polo Nadal.

Tras 9 meses de actividade no 2010, 365 entradas e preto de 40.000 visitas, despedímonos ata o ano que vén.

Queremos desexarvos a todas e a todos unha boa entrada no 2011 e uns felices días de ben merecido descanso.

Ata a volta!

Navidad. Cuentos, poemas y canciones

En ContArte o 20/12/2010 ás 21:21

Estamos nun momento que non sabemos se falar do Nadal ou non, se cantar panxoliñas ou non, se celebrar algo ou non…; non sei se debido ás nosas teimas ou por receo aos prexuízos sociais. Máis alá do que queren reducila –o festín consumista- é un feito cultural, e sempre que non atentemos aos dereitos doutras persoas de culturas diferentes cremos que podemos tratala na escola. Ás veces somos tan respectuosos “de pacotilla” que esnaquizamos a nosa cultura, digo de pacotilla, porque caemos en ridiculeces totalmente triviais e cando realmente algo é importante canto ao respecto da diversidade cultural non se ten en consideración. En calquera caso, cremos que debemos amosarlle aos rapaces o que é o Nadal e todas as construcións culturais arredor del: musicais, literarias, artísticas…, xa que logo, nós axudamos a artellar o coñecemento máis alá de ideoloxías e confesións.

Porén, salientamos esta publicación de El Aleph infantil, “Navidad. Cuentos, poemas y canciones”, un álbum fermosamente ilustrado, no que recompilan contos tradicionais de todo o mundo e unha escolma de cancións e poesías que forman parte da nosa tradición. Desde os grandes contos de Andersen e os irmáns Grimm, ata a poesía de Lope de Vega, pasando polos textos e melodías máis belas sobre a maxia do Nadal. Entre outros atoparemos:

“La llave de oro”, dos irmáns Grimm, ilustrado por Anne Romby.

“La muchacha de las cerillas”, de H.Christian Andersen, ilustrado por Anne Romby.

“La leyenda de Ichilok, el cuarto Rey Mago”  unha adaptación de Anne Dorville e ilustrado por Anne Romby.

“La leyenda del año bonachón”, adaptación de Anne Dorville, ilustrado por Anne Romby.

“La verdadera historia de Papá Noel” de Colette Seigue, ilustrado por Élodie Nouhen.

“La leyenda de los trece pedidos”, adaptación de Anne Dorville e ilustrado por Élodie Nouhen.

“Scouarn el bretón”, adaptación de Anne Dorville, ilustrado por Gianni de Conno.

“La gata de Dovre”, de Christen Asbjornsen y Jorgen Moe con ilustracións de Maud Riemann.

“Navidad, Navidad” “El abeto”, “Ya vienen los reyes”, La adoración de los Reyes”, cancións populares tradicionais (só letra), ilustrados por Dominique Thibault.

“Esta noche nace el niño, canción popular tradicional (só letra), ilustrada por Stéphane Poulin.

“No la debemos dormir” poema de Fray Ambrosio, ilustrado por Stéphane Poulin.

“Romance del Nacimiento”, poema de San Juan de la Cruz, ilustrado por Stéphane Poulin.

“Los tres Reyes Magos”, poema de Rubén Darío con ilustracións de Stéphane Poulin.

“La mañana de los regalos de Año Nuevo”, poema de Arthur Rimbaud, ilustrado por Léa Weber.

“Duerme mi niño”, poema de Lope de Vega, ilustrado por Isabelle Forestier.

Un bo petisco da tradición literaria arredor do Nadal. Mesmo para recomendar ás familias.

Pequenas caixas de agasallos

En CativArte o 14/12/2010 ás 20:30

Tras ver a obra da artista e deseñadora Jacqui Symons, decidimos falar coas familias do alumnado –a través do blog de aula- e pedirlle que non tiren as caixas pequenas dos agasallos, e que á volta de vacacións nolas envíen envoltas coma se de auténticos agasallos se tratara.

En xaneiro, construiremos móbiles para o centro.

Symons traballa con outras persoas axudándolle a desenvolver a súa creatividade e confianza en hospitais, unidades de saúde mental, con grupos de mozos en risco social e cos máis pequenos. No seu web pódese ver máis do seu traballo artístico.

O Nadal

En InformArte o 06/12/2010 ás 09:08

O Nadal encerra múltiples tradicións que asumimos ano tras ano sen preguntarnos cal é a súa orixe ou cal é o seu significado.

No portal de contidos educativos da CEOU atopamos “O Nadal”, un especial no que poderemos coñecer rituais como o do Tizón do Nadal, tradicións, cantos, como se celebra no mundo, e doutras celebracións vinculadas ao Nadal.

Nós contámoslle aos nenos e nenas a antiga lenda celta do “Rei Carballo e o Rei Acivro”, unha narración “solar” que trata de dar explicación á Roda do Ano. No solsticio de Verán o Rei Carballo está no punto máximo da súa forza, mentres o Rei Acivro está no seu punto máis fráxil. O Rei Acivro comeza a gañar poder no equinoccio de Outono chegando ó seu máximo poder durante o solsticio de Inverno cando as súas bagas tornan de cor vermella, mentres que o Rei Carballo perde as súas follas.

Agasallos difentes

En ContArte,FamiliarizArte o 06/12/2010 ás 09:08

Chega o momento no que algunhas familias nos veñen a consultar sobre os agasallos de Nadal recomendables para os seus fillos e fillas. Así como, hai anos, elaborábamos folletos informativos que enviábamos ás casas do noso alumnado, a día de hoxe –e non é unha actitude derrotista, senón realista- non o facemos. Sobra información. Todo tipo de asociacións e institucións de consumidores, de igualdade, de sostibilidade, etc, elaboran ese tipo de folletos. A meirande parte das familias saben a “teoría”: deberían mercar xoguetes que desenvolvan a creatividade e a intelixencia infantil, que non transmitan estereotipos de sexo-xénero, que non sexan bélicos, que cumpran con criterios de seguridade…; e en que se traduce todo este coñecemento?, quen lles facilita aos nenos e nenas os catálogos comerciais?, quen pode controlar os agasallos dos familiares e das amizades?, quen fomenta o de escribirlle a carta a Papá Noel, aos Reis, ao Apalpador, a… ? Será unha vez máis o de sempre, unha morea de agasallos sofisticados, un día tras outro, aos que non lles prestarán nin un chisco de atención.

Sempre lles dicimos que nos preocupa máis o día a día que o Nadal. Na actualidade os cativos reciben agasallos por calquera motivo: polos aniversarios, pola visita dalgún familiar, polo nacemento dun irmaciño –para que non teñan celos-, pola visita a un centro comercial, etc. Nós non podemos, nin temos os medios para loitar contra o consumismo imperante na sociedade actual, pero si para fomentar actitudes críticas de cara ese consumo sen sentido.

Porén iniciamos a nosa particular campaña nas aulas. Falando con eles, facéndolles ver as “prestacións” dalgunha das súas preferencias. E lendo, lendo moitos contos sobre agasallos diferentes. Velaí a nosa escolma:

-“Un agasallo diferente”, de Marta Azcona e Rosa Osuna en Kalandraka.

-“Coas mans baleiras”, de Ana Tortosa e Cecilia Varela en OQO.

-“La palabra que se fue de vacaciones”, de Vicente Vilana e Carmela Mayor en Brosquil.

-“El regalo del pescador”, de Rocío del Mar Antón, Dolores Núñez e Xavier Vilagut en Beascoa.

-“A caixa dos recordos”, de Ana Castagnoli e Isabelle Arsenault en OQO.

Fermosos álbums que transmiten a idea da importancia das pequenas cousas, do grande valor da intención e dos afectos, do que non se pode mercar cos cartos. Mesmo lle recomendamos a súa lectura ás familias, poida que lles faga tanta falta ou máis que aos nenos.

E ollo coa responsabilidade da escola no fomento do consumismo!, que tamén ten a súa parte de culpa, co que facemos, co que dicimos, co que amosamos, co que gastamos…

Trans-toying

En FamiliarizArte,InformArte o 06/12/2010 ás 09:08

No sector de fabricantes de xoguetes vénse constatando unha baixada nas ventas, arredor dun 12%. No estudo de “Intencións de compra de xoguetes no Nadal 2010”, publicada pola  AEFJ, corrobórase esta tendencia. Pero non cometamos a inxenuidade de pensar que a xente aposta por un consumo máis responsable. Para nada, o que sucede é que hai unha variación no concepto de xoguete.

Dun tempo a esta parte fálase de trans-toying ou trans-xoguetismo. Outra estratexia comercial que consiste en transformar obxectos cotiás en artigos de xogo. Un fenómeno en alza, para constatalo non hai máis que mirar as mochilas que traen á escola ou dar unha volta polos centros comerciais. Cepillos de dentes con forma de xoguetes, toallas ou roupa de cama con personaxes das series televisivas, reloxos, pulseiras, pratos, garfos ou pasteliños con forma de bonecas, apósitos que lles fan desexar ter algunha ferida para poñerse un tatoo, etc. Seica a estrela de ventas de adobíos de Nadal este ano son as bolas de Bob Esponja!

Pódese saber máis nunha publicación que xa recomendamos con anterioridade, “Nacidos para comprar. Los nuevos consumidores infantiles” de Juliet B. Schor, editado en Paidós. Na mesma dise que “os expertos en desenvolvemento infantil pregúntanse con preocupación si esta nova tendencia non deixará pouco espazo á imaxinación do neno, dado que todo artigo no seu contorno acaba converténdose en xoguete. Si todas as experiencias do pequeno se encamiñan á emoción, á sorpresa e ao xogo, poida que non descubra que a felicidade e o benestar se obteñen principalmente do aprecio do cotiá. É posible que non aprendan a valorar o sabor da comida boa e saudable, si se lles aprende que comer equivale a xogar. Susan Linn, psicóloga de Harvard e unha das críticas máis destacadas sobre marketing infantil, sostén que existe un baleiro moral en todo ese enfoque. (…) Os profesionais da publicidade non acostuman a cuestionarse sobre isto, tan só se preguntan, como entretemos aos nosos fillos aos que nada lles contenta?”.

Na escola, ás veces descubrimos con alegría como un elemento do máis insignificante se converte nunha fonte inesgotable de gozo infantil. Pois ao mellor aí radica unha das nosas responsabilidades e tarefas de cara ao fomento do consumo responsable, facéndolles ver, verbalizando e salientando o valor das pequenas cousas.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 522 segidores